Susan George ven de pronunciar unha concorrida conferencia en Santiago de Compostela sobor da actualidade sociopolítica global. A filósofa e analista francesa sostivo na súa alocución da semana pasada algo que coñecíamos, pero que soubo sintetizar e expoñer maxistralmente. A situación á que nos enfrontamos ten unha triple vertente: por un lado, maniféstase unha grave crise económica que ademáis, se fai acompañar dunha crecente e vergoñenta crise da fame. A terceira gran crise é a climática. Todas se retroalimentan.
Non allea a todo o anterior, e paralelamente, España asiste a outras tres crises de calado e que afectarán a axenda do vindeiro curso político. Dende Vasconia percíbense sensacións de que algo se está a mover. Alí conflúen as dúas crises de maior relevancia e as que presentarán longas horas de debate, con repercusións inevitables na xeneralidade do tableiro político. A primeira delas refírese á situación de división no seo da dereita navarra e ó desconcerto que a ruptura do pacto entre UPN e PP provoca nos seus potenciais votantes. Ningunha das formacións sae beneficiada e prevese que a máis damnificada sexa a franquicia dos populares na comunidade foral. A nivel estatal tampouco, posto que se pon de manifesto que este partido non se desembarazou da influenza daqueles sectores intransixentes que lle provocaron caer amplamente derrotado na anterior convocatoria electoral. Mariano Rajoy está desnortado (posiblemente sentenciado) e de non correxir o rumbo, as loitas intestinas poden extenderse por máis circunscripcións ata forzar, tal metástase, a caída do propio lider da oposición.
Outra crise explícita é a da organización ETA, tamén desnortada pero ademáis, descabezada e asediada. Hai que ser cautelosos, pero despois de corenta anos de violencia e co referente da nova-ETA (o sector máis fanatizado e temerario) no cárcere, as pugnas internas no entorno do movemento poderían intensificarse, abríndose a oportunidade dun replantexamento serio da estratexia criminal que acelerase o autoconvencemento colectivo da inutilidade do emprego da violencia.
A terceira crise que se pode constatar é a que arrastra Izquierda Unida, por enésima vez dende o restablecemento da Democracia, e que pode rematar por levala a unha maior marxinalidade e perda de peso na dinámica do xogo político-institucional. É resultado dunha carencia de proxecto claro e unificador, e tamén dunha evolución. Sería unha mala noticia para a pluralidade do sistema de partidos que non soubese cerrar esto rápido e ben.
No hay comentarios:
Publicar un comentario