jueves, 24 de septiembre de 2009

Doutrina buenista



Sempre se dí que as segundas lexislaturas dos Presidentes do Goberno español veñen marcadas pola preocupación da súa proxección exterior e pola concreción das liñas mestras da súa acción a nivel internacional. Para o actual Presidente ese momento chega nunha delicada situación no plano interno pero, ó mesmo tempo, preséntalle unha inmellorable oportunidade para relanzar o seu liderado en Europa e no mundo.

Os acontecementos dos últimos tempos, principalmente o que significa a chegada de Obama á Casa Blanca, reforzan a idea de que Zapatero, cando menos en materia de relacións internacionais e non sin contestación, foi un adiantado ó seu tempo e defendeu antes, como agora, a aposta por unha gobernanza global equilibrada e responsable, multilateral e máis xusta, orientada á resolución colectiva dos conflitos. Defendeu, e defende, a preponderancia da ONU como principal garante do mantemento da paz e da seguridade e o establecemento, na prioridade da axenda, dos asuntos vinculados ó medio ambiente nunha visión integral que ten como fin esencial reducir as desigualdades e construír, no século XXI, o que no século pasado parecía unha quimera.

A etapa de Bush fora a antítese manifesta de todos e cada un destes principios, representando unha triste dexeneración das ambicións imperiais, e do propio poder. George Bush foi un negacionista militante do cambio climático, un axente activo na deslexitimación do diálogo en favor da guerra preventiva e, a chegada de Obama e as súas apostas, abren o camiño a un compromiso corresponsable, centrado e inspirado na defensa dos dereitos humanos e nos valores da Carta das Nacións Unidas.

Na súa primeira intervención diante da Asamblea Xeral da ONU o presidente estadounidense enterrou definitivamente as teses do seu predecesor, pero son tan solo os feitos, e as decisións concretas, a vara fiable pola que medir no sucesivo os resultados do que sostivo en Nova York. Non é mal síntoma que, ante o sucedido en Honduras, se optara pola vía da legalidade e o non-recoñecemento das autoridades golpistas. Tampouco o é que se poña como horizonte o cumio de Copenhague. Puideran ser por fin os días nos que se comecen a adoptar compromisos serios en materia de emisións de gases de efecto invernadoiro.

O que moitos calificaban de buenismo é hoxe doutrina internacional. O que pasa é que hoxe todos se apuntan a este carro cando, no pasado, só os valentes o fixeron.

miércoles, 9 de septiembre de 2009

Respectar o puño


Pode parecer un debate insubstancial e o máis cómodo é abstraerse del pero, unha vez aberto, pasa de ser estéril a transcendente. Cando se ofende, se minte conscentemente e se atacan símbolos alguén debería defendelos e centrar as cousas.

O fin de semana pasado os socialistas celebraron a tradicional festa mineira na localidade de Rodiezmo (León), onde se congregaron miles de militantes e simpatizantes das organizacións UGT e PSOE. Como é habitual, ó rematar o acto entónase A Internacional e algún dirixente, e demáis asistentes, levantan o puño esquerdo. É un xesto propio das organizacións vencelladas ó movemento obreiro. O puño e a rosa son símbolos que representan máis de dous séculos de loita polos dereitos dos traballadores, pola liberdade, a solidaridade, a igualdade e a democracia. Hai que dicir pois, que as declaracións de Rajoy e Esperanza Aguirre sobre este feito ademáis de desafortunadas e desproporcionadas, son unha clara provocación xa que é incerto que sexa un xesto anquilosado, nin exclusivamente empregado na perversión totalitaria das ideoloxías.

Tampouco é comparable co saúdo romano, fascista. Un representa a opresión e o outro a resistencia fronte a opresión, e quen alí se atopaba facíao en calidade de militante do Partido Socialista Obrero Español, non na de Ministro dun Goberno. Era xa que logo, un acto privado e de partido. Por qué tanto interese en inmiscuírse nun acto que lles é alleo? É simplemente unha provocación, unha maniobra de distracción, ou unha estratexia premeditada de deslexitimación?

Mentras centos de miles de españois combatían, tan só co puño erguido nas manifestacións, o réxime de Franco, Rajoy nin se pronunciaba nin se comprometía coa democracia.

Este PP desacomplexado actúa de maneira irresponsable e comete un erro grave porque, por un lado, acusa ó Goberno de guerracivilismo e automáticamente introduce no debate mediático asuntos sensibles. Ademáis: quén lle prohibe instaurar nos actos populares a convención de extender o brazo? Entón porque equipara ambos saúdos? A dereita española leva tempo removendo nestes asuntos con especial vehemencia. Non só atacan símbolos senón que tratan de apropiarse de conceptos que sempre rexeitaron para a continuación, obrar na liña inversa.

Galicia esta sendo unha boa mesa experimental para a FAES e este neofranquismo ultraliberal no económico, e ultraconservador no social e no respecto pola pluralidade. Non hai máis que escoitar expresións, e logo contrastar cos feitos en materias como: gratuidade solidaria, bilingüismo harmónico ou galeguismo cordial.

viernes, 4 de septiembre de 2009

Popular, e populista

A matriz do nacionalismo e do populismo está na Revolución Francesa xa que os revolucionarios asimilaron no terceiro estado o pobo e a nación. Desta asimilación parten dúas correntes de pensamento: o nacional-civismo e o nacional-populismo. Este último é moi propio de países latinoamericanos, pero non só. Dúas son as características básicas: o liderado personalista-paternalista e a asunción dunha política amorfa, ecléctica, aparentemente desideoloxizada. Non lles soa? Dende os anos 90 comézase a falar de neopopulismo.Vaian tirando do fío.

Pensan vostedes que na nosa Galicia temos unha especial querencia por líderes demagogos e fríos? Conseguirá Feijóo construír, e asentar, un perfil deste tipo empregando e instaurando o populismo como estratexia política? No tempo que leva no goberno da Xunta non deixou de practicar o que se coñece como o elongamento de conceptos, e o cal non consiste máis ca en aumentar as súas connotacións para vacialos do significado de seu. Moi orwelliano. Dende que chegou Alberto a San Caetano dúas foron as verbas manoseadas ata a saciedade (austeridade e liberdade) e, invocando continuamente ambos termos estánse acomentendo as actuacións de máis profunda irresponsabilidade e deslealdade para con Galicia dende a primeira andaina da autonomía.

No nome da austeridade, por exemplo, lévase a cabo un recorte nos dereitos da maioría de familias con nenos en idade escolar. No seu mesmo nome, e retomando a demagoxia máis burda, propón conxelar o salario do funcionariado público. Salario que leva 15 anos subindo por debaixo do IPC.

No nome da liberdade acábanse de botar por terra anos e anos de consenso e normalización da lingua propia deste país. Por fin La Coruña vai ser oficial! Massiel estará encantada. Intercedería Don Paco ante o mesmísimo sucesor de Pedro? Que treman os de: Villanueva de Arosa, Encima de la Villa, Entre ambas Aguas, e mesmo El Roblecito de Pachi Vázquez. O dano está xa feito, e a fenda social en marcha. Polo de pronto, aqueles que defenden o racional camiño da protección e da equiparación xurídica e social da lingua galega en tódolos ámbitos da vida pública xa están encadrados nun bando aparentemente enfrontado ó outro, presentándoos coma irreconciliables.

Galicia Bilingüe conseguiuno: os paletos a un lado, e as xentes de ben para o outro. Estigmatizando que es gerundio! Preséntase un outono de apaixoantes debates na política galega, pero non deixa de ser desalentador e obsceno que se teñan que producir en 2009. Namentras, o plan de choque fronte a crise xa o esquencemos.