A matriz do nacionalismo e do populismo está na Revolución Francesa xa que os revolucionarios asimilaron no terceiro estado o pobo e a nación. Desta asimilación parten dúas correntes de pensamento: o nacional-civismo e o nacional-populismo. Este último é moi propio de países latinoamericanos, pero non só. Dúas son as características básicas: o liderado personalista-paternalista e a asunción dunha política amorfa, ecléctica, aparentemente desideoloxizada. Non lles soa? Dende os anos 90 comézase a falar de neopopulismo.Vaian tirando do fío.
Pensan vostedes que na nosa Galicia temos unha especial querencia por líderes demagogos e fríos? Conseguirá Feijóo construír, e asentar, un perfil deste tipo empregando e instaurando o populismo como estratexia política? No tempo que leva no goberno da Xunta non deixou de practicar o que se coñece como o elongamento de conceptos, e o cal non consiste máis ca en aumentar as súas connotacións para vacialos do significado de seu. Moi orwelliano. Dende que chegou Alberto a San Caetano dúas foron as verbas manoseadas ata a saciedade (austeridade e liberdade) e, invocando continuamente ambos termos estánse acomentendo as actuacións de máis profunda irresponsabilidade e deslealdade para con Galicia dende a primeira andaina da autonomía.
No nome da austeridade, por exemplo, lévase a cabo un recorte nos dereitos da maioría de familias con nenos en idade escolar. No seu mesmo nome, e retomando a demagoxia máis burda, propón conxelar o salario do funcionariado público. Salario que leva 15 anos subindo por debaixo do IPC.
No nome da liberdade acábanse de botar por terra anos e anos de consenso e normalización da lingua propia deste país. Por fin La Coruña vai ser oficial! Massiel estará encantada. Intercedería Don Paco ante o mesmísimo sucesor de Pedro? Que treman os de: Villanueva de Arosa, Encima de la Villa, Entre ambas Aguas, e mesmo El Roblecito de Pachi Vázquez. O dano está xa feito, e a fenda social en marcha. Polo de pronto, aqueles que defenden o racional camiño da protección e da equiparación xurídica e social da lingua galega en tódolos ámbitos da vida pública xa están encadrados nun bando aparentemente enfrontado ó outro, presentándoos coma irreconciliables.
Galicia Bilingüe conseguiuno: os paletos a un lado, e as xentes de ben para o outro. Estigmatizando que es gerundio! Preséntase un outono de apaixoantes debates na política galega, pero non deixa de ser desalentador e obsceno que se teñan que producir en 2009. Namentras, o plan de choque fronte a crise xa o esquencemos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario