lunes, 23 de julio de 2012

Democracia, acto final?



Europa e Occidente afrontan unha encrucillada histórica, a fin dun mundo e de todo un modelo de sociedade herdado do que se ergueu tralas cinsas da II Guerra Mundial e a posterior queda do bloque soviético. E agora, do mundo unipolar. Atópanse no tránsito a outro novo, pero incógnito. Con impresionantes avances nos campos das tecnoloxías ou da física mais, parellamente, sentindo retrocesos non menos importantes nas expectativas dunha vida digna para millóns e millóns. Non sabemos o que se dilatará a situación de medo, atonía e desencanto, mesmo se empeorará substancialmente (o cal é posible dada a situación de risco obxectivo polo que atravesan outras economías de peso, como a chinesa ou a nipona) nin tampouco podemos prever cantas doses de sufrimento individual e colectivo ocasionará esta mistura amnésica de insensibilidade e demencia dos poderosos, por agora só dos poderosos. Pode que máis das que imaxinamos, sen que ninguén nos advertira. Non é posible cursar un máster universitario sobre a maior crise do capitalismo: sobre empobrecemento e desemprego masivo, manipulación salvaxe e opacidade, abuso de poder e autoritarismo, retrocesos en dereitos e liberdades básicas, represión policial, inseguridade e exclusión social, inestabilidade política ou violencia. Prepáraste xustamente para o contrario: para vivir e traballar nun mundo moi complexo, pero en progreso continuo.


Aquí tocou padecer un novo goberno español (despois de levar case 4 anos sufrindo o galego, pioneiro en abordar a barbarie con pingas de barbarie e caldeiros de a-velas-vir) que, en tan só 6 meses, cruzou practicamente todos os lindes da ética, a decencia e a hipocrisía. Nunca antes outro fora quen de perder tanta credibilidade en tan pouco e antollábase impensábel, anos atrás, unha traizón similar sen recibir unha contestación social e organizada severa.

En realidade, e literalmente, estamos perante unha revolución de manual. Ante un golpe de estado encuberto e fondamente ideolóxico que, ademais, conta coa amable complicidade (por acción e omisión) do principal partido da oposición. Non así da base social que viña confiando tradicionalmente nel e que pide a berros nas rúas que alguén non só a defenda e se solidarice na denuncia, senón que cumpra cando acceda ao poder e non traballe para os intereses da oligarquía. Este entendemento tácito só pode ter un bo colofón arredor dun “goberno de salvación” que levaría ao PSOE á pasokización mentres todos nós imos á chinarización e ao neo-escravismo, facendo parada en Atenas. Sería a estocada de morte a un réxime que comeza a estar cuestionado na base ao facerse evidente que apodrece pola cúspide e tamén aos laterais.

A Constitución española de 1978 é, en boa parte do seu articulado, puro papel mollado violado no tránsito ao totalitarismo neoliberal. A un escenario no que o reinado antisocial e o desequilibrio quixera afectar e controlar ata o último resorte das precarias vidas dos mais humildes. Paradoxo estraño, resultante da hipertrofia da esmagadora doutrina imperante nas últimas décadas. Esa que tanto beneficio trouxo para tan poucos, sensación de progreso para bastantes, pero que tamén narcotizou a unha xeración enteira ata o límite de que agora tan só pode achegar miseria, frustración e desengano. Tamén se abren novos vieiros e oportunidades se comezara a aproveitarse un novo concepto de proximidade, sustentabilidade e innovación na empresa, nas relacións de traballo e comerciais, na cooperación e na economía do ben común, mais o regueiro de “vítimas” que deixa e deixará polo camiño o modelo especulativo, depredador e sociópata é o suficientemente importante para estar preocupados, mais nunca vencidos.

Sosténdose na suposta mala memoria do cidadán medio ou na súa saturación informativa lévase a cabo de xeito obediente, baixo mandato e tutela da
Troika, un “paquetazo” de medidas de shock económico ultra-liberal que recorda ás curas de cabalo latinoamericanas e que nos arrastra sen remedio a unha depresión económica maior e a unha situación de conflitividade e lameira social que remove os alicerces da democracia. Un deles, como é a propia confianza no sistema, descendeu xa a mínimos históricos e o futuro que se albisca sitúa a España no centro da atención internacional. A deriva desta impostura empurrará inevitablemente, antes ou despois, ao estado español á solicitude do mal chamado “rescate” total e, seguidamente, a non ser materialmente posible pagar unha débeda odiosa que supera, a día de hoxe, o 340% do PIB e que pode multiplicarse (de non corrixir de raíz boa parte das grandes políticas económicas) coa propia dinámica do mellor mecanismo de escravitude coñecido ata o de agora na época contemporánea: a ditadura financeira. Só hai que estudar o caso grego. Quedaría a opción do impagamento, pero iso comprometería a unión monetaria e a estabilidade no continente e no mundo enteiro. Perpetuarse na débeda é tanto como entrar nunha espiral de medidas draconianas, incumprimentos e sancións que faría deste recuncho do planeta un dos lugares menos recomendable para vivir e traballar, e iso que hai lugares ben pouco apetecibles.


Non se recorda dende 1978 un momento que esixa tan altas doses de liderado e de exercicio compartido de compromiso democrático. Cada vez mais voces din que é preciso artellar unha ampla e plural alianza cívica, política, cultural, social e sindical que configure o vencello estable coa esixencia dunha democracia plena e recolla a vontade de confrontar, a cara descuberta, cun réxime político agonizante. Que restitúa o fío capado entre representantes e representados, unha vez comprobado xa que a soberanía cidadá foi substraída en favor de poderes alleos no xeográfico e fóra do control democrático, onde o propio representante pode espetarlle a 6 millóns de desempregados “¡Que se jodan!” e iso non teña consecuencias. Todo se solventa cun: “lo siento mucho, no volverá ocurrir”, estilo Borbón ou Novagalicia Banco. Do contrario, a alternativa que se adiviña aproximase a un estado de malestar constante, larvado ou explícito, e a unha sorte de estado policial. Síntomas hai xa abondos. Só é cuestión de tempo, e cómpre a (re)concienciación da esquerda e da amplitude da cidadanía demócrata na procura dos seus mellores momentos de pulo e loita na defensa do que é común.

A mentira compulsiva, a criminalización de sectores profesionais enteiros, ou campañas de pouso anti-político, son xa sinais de identidade dun goberno (e satélites mediáticos) que trocou en ilexítimo, que actúa contra o pobo e favorece á elite plutocrática e á da superestrutura sádica na que parece converterse unha Unión Europea en perigo certo de implosión como proxecto histórico viable, ou, cando menos, que pode quedar desfigurado dos seus obxectivos últimos e espírito fundacional. Partida en dúas.





A re-estruturación do capitalismo europeo está producíndose a marchas forzadas con lentes e ritmos de dominadores e dende o centro, e non coa dos cidadáns nin empatizando coa periferia, sen ter en conta o pouso cultural e afectivo que a tradición do continente atesoura en materia de conciencia cívica e social, e na conquista de dereitos e liberdades. Non calibran axeitadamente as consecuencias de aplicar cegamente a Austeridade Asasina nun solar inzado de recordos revolucionarios, guerras incruentas e crueis, estalidos sociais ou que foi berce das ideas, ideoloxías e ideoloxemas preponderantes da modernidade: dende a Ilustración ou o romanticismo ata a tradición na fe católica ou no laicismo, dende os nacionalismos, o chauvinismo, o colonialismo ou o movemento obreiro ata o fascismo ou o ogro hitleriano, dende a monarquía e os súbditos ata o republicanismo e os cidadáns. Acreditan na visión schumpeteriana que vía no sufrimento social o cumprimento de determinado obxectivo económico, mais entre facer algún tipo de sacrificio compartido, e gradual, ou volver a tempos escuros e ao medievo debera mediar un treito. Do contrario, as versións actualizadas da guerra de clases, o patriotismo, ou a caza do diferente poden ser un feito en cuestión de tempo. Aínda que tampouco pode preverse. Calquera estalido do tipo mantén sempre as súas propias leis e dinámicas en cada tempo histórico. Pero hai moito en xogo, máis alá dunha “linea de crédito en condiciones extremadamente favorables” ou do cumprimento “de los objetivos de déficit para 2013”: a Liberdade e a Democracia. A tempo estamos de defendelas, coa palabra e coa acción. Nas rúas, e nas prazas.

Artigo en Praza

viernes, 20 de julio de 2012

Constituída ANOVA-Irmandade Nacionalista Galega



Dentro do momento que se está a vivir no panorama sociopolítico e económico, e da reconfiguración que está vivindo a esquerda nacional galega logo da convulsión da fractura do BNG, vén de producirse a constitución dunha nova forza-movemento político o 14 de Xullo en Compostela. O seu nome: ANOVA-Irmandade Nacionalista Galega, froito dun proceso asamblear que durou meses, e que lidera o histórico Xosé Manuel Beiras Torrado. Adxunto vídeo da alocución final na Clausura da Asamblea Nacional Constituínte, á que tiven a honra de asistir. Persoalmente, como xestor deste humilde blog dende 2007, motiva escoitar a pasaxe onde se fai referencia, aínda que sexa como explicación e de xeito simbólico, á Toma Bastilla durante a Revolución Francesa e as semellanzas que poida haber no nível estrutural e social co noso tempo histórico e coas condicións obxectivas que detonaron aquel proceso revolucionario que pariu a Modernidade. Moitos azos á nova forza e desexo que se atope, dalgún xeito, no camiño con outros espazos dentro do nacente novo sistema de partidos que está abrollando na nosa Terra. Seguro que é posible e coa altura de miras e xenerosidade precisas facilitará un cambio, mais que necesario, para este país.

miércoles, 11 de julio de 2012

Condicionalidade, Troika, Memorándum e clase obreira


O mesmo día no que se oficializaba a intervención de España e palabras tan coñecidas para os que seguimos a actualidade internacional, quizáis non tanto para a maioría da cidadanía galega e española, como: condicionalidade macroeconómica, Troika ou Memorándum (que nos anuncian que estamos tan só ao principio dun camiño, como mínimo, parello ao de economías e sociedades como a grega ou a portuguesa fai 2 anos) a chamada #marchanegra dos mineiros chegou a Madrid recibida polo pobo madrileño nas rúas, e escenificou o comezo do que probablemente vai ser unha constante nos próximos meses e anos: a mobilización e a loita constante na reivindicación dos dereitos máis básicos e que a degradación da Ditadura Neoliberal e a Austeridade Asasina ameaza con fanar. É difícil non empatizar e solidarizarse coa súa loita atemporal, co seu esforzo diario e heroico, e coa súa resistencia ao que parece inevitable. Os bombeiros da Comunidade Autónoma de Madrid fixérono. E milleiros de cidadáns, máis ou menos espontaneamente, tamén. "Prohibido jugar con nuestras vidas". Rememora vellas loitas, sexa en Asturies ou León, sexa en Bolivia. Sexan mineiros, ou sexan operarios de fábricas, do sector naval de Ferrol ou de acolá...Proletariado adquire significado, uns cantos anos despois. Realmente nunca o perdeu. Simplemente mirabamos a outro lado.

Non teñen alternativa. Non lle la dan, e poderían. Será o  rexurdir da clase obreira consciente e do vigor do movemento obreiro? Veremos...O que si parece é que o 15-M prendeu a faísca e alumeou un camiño de denuncia, pero pouco a pouco, sectores mais amplos, converxen no combate a un sistema que fai augas. Que se estenda a capas mais amplas vai depender de moitas variables, pero parece inevitable vista a determinación con que este Goberno tramposo aplica medidas de excepción e dificulta cada vez máis e a máis xente unha vida digna. O apagón informativo nos medios de in-comunicación oficiais, e ter que enterarse do realmente acontecido "vía nova-Pirenaica" nas redes e por Streaming e Internet, denota o interese do status quo en que isto non vaia a mais. Pero parece cuestión de tempo. Por sorte ou por desgraza, é probable que tan só esteamos ao principio dun longo camiño.

PD: E xa hoxe, 11 de Xullo de 2012, na manifestación pacífica dos mineros, a Policía (ás ordes do poder político que está ás ordes do Gran Capital) cargou ocasionando disturbios e feridos. O Goberno parece decidido a desatar a guerra de clases dende o Congreso (coas medidas tomadas) e na rúa. Decrétase a fin da clase media, e un período indefinido de convulsión social e inestabilidade política. Tempos duros.