domingo, 19 de diciembre de 2010

A experiencia de Belén Regueira. Neofalante

Neofalantes. Belén Regueira from Sr. Verme on Vimeo.

A xornalista Belén Regueira conta a súa experiencia persoal, os seus medos, a súa valentía, o seu proceso de autodeterminación persoal e concienciación a respecto da súa condición de neofalante en lingua galega. Chea de bo humor. Maxistral.
"Galicia será neofalante ou non será galegofalante"

Lección dun sabio

Contrattacando / José Luis Sampedro from ATTAC.TV on Vimeo.

Jose Luis Sampedro impartindo unha clase maxistral en 15 minutos. Moi recomendable.

viernes, 17 de diciembre de 2010

WikiRebels



Documental da televisión sueca sobre Wikileaks con subtitulos en castelán. Para acceder a estes débese ir á páxina de Youtube e picar na barra, abaixo, onde pon CC. Indispensable.

jueves, 16 de diciembre de 2010

(re) Nace o MEU

O mércores 15 foi a Asamblea Nacional Constituínte do Movemento Estudantil Universitario na aula 2 da Facultade de Medicina ante mais de 100 persoas. Organización plural, aberta e de vocación integradora e maioritaria. Pulará pola defensa dunha universidade pública, única, galega, internacional, cogobernada e corresponsable. Algunhas destas propostas son certamente revolucionarias e innovadoras dentro do estudantado organizado.

Pode supor tamén o nacemento dunha experiencia organizativa verdadeiramente transversal e independente das consignas partidarias.

Foi elexido Anxo Teixeiro como Voceiro Nacional. No acto de peche interviron Sergio Folgueira, novo responsable de Organización, o propio Anxo Teixeiro, Xoán Bascuas (membro da Executiva Nacional do BNG), a concelleira de educación de Santiago de Compostela Mercedes Rosón (PSdeG), diversos colectivos e eu mesmo como novo Responsable Nacional de Ideas. A Executiva Nacional estará formada por 7 membros (na foto saen 6)

Páxina web: movemento.eu (con informacións, documentos, etc...)


O caso da web Wikileaks


A primeira gran guerra cibernética global líbrase na rede dende a detención do fundador de Wikileaks, Julien Assange. Nos últimos días intúese calma tensa, unha tregua tácita, pero as hostilidades rebrotarán e manteránse por bastante tempo. Seguramente non vaian estritamente ligadas ao futuro legal do controvertido xornalista australiano e continuarán de xeito indefinido aínda que ese aspecto terá incidencia na intensidade dos movementos. É unha liorta entre o poder constituído, establecido, e unha masa inxente de poboación que atopou un medio (internet) que lle permite fiscalizalo e controlalo mais e mellor. Por eso se resiste e se resistirá.

Para uns Assange é un heroe, o paladín da liberdade de expresión que fixo tremer a estabilidade e a credibilidade dos sistemas de protección de datos e de información confidencial da maior potencia hexemónica dende que o mundo é mundo, cos danos colaterais que leva aparellados para terceiros e para a liberdade de prensa poñendo en risco a súa propia liberdade. Mesmo a súa integridade física. O home que mais cambiou o curso da historia nos últimos tempos.

Inspira a unha lexión de ciberactivistas dispostos a vingar a súa detención con ataques a páxinas web e servidores considerados colaboracionistas co oscurantismo dos gobernos e organizacións ás que non lles interesa a aparición de Wikileaks, ou ferramentas similares que xa están saíndo á luz. Dende o anonimato embárcanse nunha cruzada de claro contido épico: miles de David fronte a Goliath. Horizontalidade fronte a verticalidade. Semellan os anarquistas revolucionarios do primeiro terzo do século XX, aqueles que tanto deron que falar tamén nas barricadas de España, pero sen autoridade nin xerarquía interna. Sen constructo ideolóxico definido. Nin Patria, nin Deus, nin Amo. Só os aglutina a loita fronte a calquera tentación por restrinxir o libre acceso á rede, ás comunicacións e aos seus contidos. Aínda que o que está en xogo vai máis aló e tamén reivindican o dereito a ser informados con independencia, imparcialidade e un mínimo de rigor. Algo que estivo moi cuestionado nas últimas décadas, salvo contadas excepcións. Transparencia. Reclaman ser determinantes, partícipes e donos da súa propia historia.

O principal símbolo identificativo é a máscara do personaxe central de “V de Vendetta”, aquel marabilloso filme baseado na banda deseñada e no conspirador inglés do século XVII Guy Fawkes, e ambientado nun futuro distópico raiano no ambiente totalitario da obra capital de George Orwell: 1984. Aquela na que aparecían desenmascarados os tres slogans reais do Partido que todo o controlaba, as intencións do Gran Irmán: “A guerra é a paz, a liberdade é a exclavitude, a ignorancia é a forza”. Convértense en piratas informáticos capaces de botar abaixo, ameazar, inutilizar ou dificultar o funcionamento normalizado da páxina web da Fiscalía sueca, de Sarah Palin ou a de xigantes como Mastercard ou Twitter.

Para outros Assange é ou ben a aparición do Anticristo ou ben un títere ao servizo dunha simple cortina de fume orquestada dende os centros de poder do imperio con fins inconfesables. Pero os efectos dos que pensan o primeiro xa se están vendo: para determinados colectivos dos EUA, no día de hoxe, vai ser imposible acceder ás direccións electrónicas de The Guardian, The New York Times ou de calquera outro medio que publique cables diplomáticos. Será o preludio dunha restricción masiva e xeralizada? Aí está o cerne do conflito. E os cidadáns teñen moito que perder na súa resolución. Semella claro que o fenómeno que estamos vivindo evidencia ata que punto está podre o sistema e a alta política, as relacións económicas, o interese das guerras, o intento por silenciar o periodismo...Estáse poñendo case todo en cuestión e terá grandes repercusións de cara ao futuro na forma de gobernar e de entender o exercicio do poder nun escenario fondamente cambiante e inestable. Acabamos de entrar, agora sí, no século XXI.



Para acompañar: Steve Earle-The revolution stars now

miércoles, 1 de diciembre de 2010

Wikileaks en guerra


Un futuro cyberpunk semella manifestarse perante os teus ollos. Fai xa anos que se ven especulando dende o mundo académico, anteriormente dende a ciencia ficción e recentemente dende os círculos de intelixencia, seguridade e defensa das principais potencias, das posibilidades e perigos abertos logo da eclosión e asentamento da sociedade da información. Sempre se sostivo que posuír información equivalía a poder. Neste caso desmedido.

Dende comezos dos 90´s do pasado século foron principalmente autores franceses, como Alvin Toffler e Cédric Thévenet, os que debuxaron un horizonte cheo de ameazas concretadas en hipóteses e conceptos propios de filmes como Xungla de Cristal 4: atopariamonos ás portas do ciberterrorismo e da ciberguerra. O primeiro consistiría na posibilidade de atacar infraestructuras e sistemas sensibles en beneficio da propaganda de grupos-pirata organizados, ideoloxizados ou só vagamente, coa finalidade de crear estados de alarma e vulnerabilidade nas sociedades mediante accións directas, ou combinadas con outras convencionais, dentro dos seus obxectivos políticos contraculturais e antisistémicos. Un escenario de ciberguerra viría propiciado por enfrontamentos abertos ou soterrados entre estados, ou entre eles e organizacións ou corporacións, nunha liorta pola información e polo desmantelamento, vía cibernética, de infraestructura civil ou militar (satélites, telecomunicacións...), como tamén por medio da revelación de segredos na disputa de intereses contrapostos ou de simple desestabilización. Tanto é así que nunca se identificaron aos autores dos ataques a servidores bancarios e gubernamentais estonios (2007), aínda que se sospeita que a Federación Rusa cubriu os feitos, si non foi a causante directa. En contrapartida, Estonia valéuse disto para colocarse baixo a éxida da OTAN. É tan só un exemplo, entre mais episodios recollidos na prensa internacional.

Coa aparición de Wikileaks e as súas revelacións (coñecidas xa como Cablegate ou 11-S da diplomacia mundial, e as que chegarán inevitablemente sexa cal sexa o futuro que lle espere aos seus membros), que afectan a tantas persoas, institucións e gobernos, prodúcese un terremoto de magnitude histórica e ábrese unha era que mudará os sistemas de intelixencia e de recopilación e comunicación de datos. A fuga é unha hemorraxia inmensa que irán contando por fascículos. Está por ver a incidencia que terá nas relacións entre EUA e o resto, aliados ou non, precisamente nunha etapa complexa para o mantemento da súa hexemonía global. Como tamén a nivel interno nos países afectados, entre eles España.

Non estrana que dende algúns, e os seus mass media, se insinúe xa a posibilidade de calificala, co seu fundador Julien Assenge á cabeza, como organización “terrorista”. Supón a chegada pola porta grande do hacktivismo: xa temos un novo Bin Laden, sin turbante. Como tampouco o é que os declarados “antiimperialistas”, fora da órbita occidental (como Ecuador ou Venezuela) aplaudan o acontecido e mesmo ofrezan asilo e refuxio.

A estratexia defensiva, polo dagora, non é outra que a de filtrar, minusvalorar e desprestixiar o ocorrido ademáis de facer fincapé nas informacións superfluas en detrimento das mais comprometedoras. Nalgúns lugares toda unha xeración de actores políticos, xudiciais e empresariais relevantes quedará gravemente perxudicado. Estamos ante unha declaración de guerra por parte dunha especie de embrión dun 5º poder global? Con que fins? Qué cantidade e calidade de información posúe a maiores? Terroristas ou filántropos en favor da transparencia e a democracia? Ata que punto son de interés público prácticas ou comunicacións que, pola súa naturaleza, pertencen ao ámbito da confidencialidade? Cales son os límites do oscurantismo gubernamental en democracia? Hai “verdades oficiais” en risco? O que lle faltaba ao estado de desconfianza, desafección e divorcio entre as clases dirixentes e os pobos. Pode que haxa que empezar a revisar tamén as teorías políticas sobor das relacións entre a comunicación mailo poder. Toda unha revolución ante os teus ollos.


Para saber mais:
-Entrevista con J. Assange (El País) despois de revelar informes da Guerra de Irak (outubro 2010)
-ElPais: Hacktivismo
-ElPais: Secretos de Estado (03/12/2010)
-Publico (Escolar.net): El fin de la hipocresía (03/12/2010)
-ElPais: Ciberactivismo, no ciberguerra. (08/12/2010)
-Blog de Suso Baleato (moi recomendable, sobre o tema...)
-Informe Semanal (TVE-1): Wikileaks, el poder al desnudo.


É O PRIMEIRO MOVEMENTO SAMIZDAT A NIVEL GLOBAL.

sígueo en Facebook
sígueo en Twitter