jueves, 16 de diciembre de 2010

O caso da web Wikileaks


A primeira gran guerra cibernética global líbrase na rede dende a detención do fundador de Wikileaks, Julien Assange. Nos últimos días intúese calma tensa, unha tregua tácita, pero as hostilidades rebrotarán e manteránse por bastante tempo. Seguramente non vaian estritamente ligadas ao futuro legal do controvertido xornalista australiano e continuarán de xeito indefinido aínda que ese aspecto terá incidencia na intensidade dos movementos. É unha liorta entre o poder constituído, establecido, e unha masa inxente de poboación que atopou un medio (internet) que lle permite fiscalizalo e controlalo mais e mellor. Por eso se resiste e se resistirá.

Para uns Assange é un heroe, o paladín da liberdade de expresión que fixo tremer a estabilidade e a credibilidade dos sistemas de protección de datos e de información confidencial da maior potencia hexemónica dende que o mundo é mundo, cos danos colaterais que leva aparellados para terceiros e para a liberdade de prensa poñendo en risco a súa propia liberdade. Mesmo a súa integridade física. O home que mais cambiou o curso da historia nos últimos tempos.

Inspira a unha lexión de ciberactivistas dispostos a vingar a súa detención con ataques a páxinas web e servidores considerados colaboracionistas co oscurantismo dos gobernos e organizacións ás que non lles interesa a aparición de Wikileaks, ou ferramentas similares que xa están saíndo á luz. Dende o anonimato embárcanse nunha cruzada de claro contido épico: miles de David fronte a Goliath. Horizontalidade fronte a verticalidade. Semellan os anarquistas revolucionarios do primeiro terzo do século XX, aqueles que tanto deron que falar tamén nas barricadas de España, pero sen autoridade nin xerarquía interna. Sen constructo ideolóxico definido. Nin Patria, nin Deus, nin Amo. Só os aglutina a loita fronte a calquera tentación por restrinxir o libre acceso á rede, ás comunicacións e aos seus contidos. Aínda que o que está en xogo vai máis aló e tamén reivindican o dereito a ser informados con independencia, imparcialidade e un mínimo de rigor. Algo que estivo moi cuestionado nas últimas décadas, salvo contadas excepcións. Transparencia. Reclaman ser determinantes, partícipes e donos da súa propia historia.

O principal símbolo identificativo é a máscara do personaxe central de “V de Vendetta”, aquel marabilloso filme baseado na banda deseñada e no conspirador inglés do século XVII Guy Fawkes, e ambientado nun futuro distópico raiano no ambiente totalitario da obra capital de George Orwell: 1984. Aquela na que aparecían desenmascarados os tres slogans reais do Partido que todo o controlaba, as intencións do Gran Irmán: “A guerra é a paz, a liberdade é a exclavitude, a ignorancia é a forza”. Convértense en piratas informáticos capaces de botar abaixo, ameazar, inutilizar ou dificultar o funcionamento normalizado da páxina web da Fiscalía sueca, de Sarah Palin ou a de xigantes como Mastercard ou Twitter.

Para outros Assange é ou ben a aparición do Anticristo ou ben un títere ao servizo dunha simple cortina de fume orquestada dende os centros de poder do imperio con fins inconfesables. Pero os efectos dos que pensan o primeiro xa se están vendo: para determinados colectivos dos EUA, no día de hoxe, vai ser imposible acceder ás direccións electrónicas de The Guardian, The New York Times ou de calquera outro medio que publique cables diplomáticos. Será o preludio dunha restricción masiva e xeralizada? Aí está o cerne do conflito. E os cidadáns teñen moito que perder na súa resolución. Semella claro que o fenómeno que estamos vivindo evidencia ata que punto está podre o sistema e a alta política, as relacións económicas, o interese das guerras, o intento por silenciar o periodismo...Estáse poñendo case todo en cuestión e terá grandes repercusións de cara ao futuro na forma de gobernar e de entender o exercicio do poder nun escenario fondamente cambiante e inestable. Acabamos de entrar, agora sí, no século XXI.



Para acompañar: Steve Earle-The revolution stars now

No hay comentarios: