jueves, 26 de febrero de 2009

Doberman popular


Remata a longa, desalentadora e sucia campaña e agora correspóndelle ós cidadáns, que son os soberanos, tomala decisión definitiva: o pobo galego vota. Xa non serven as opinións periodísticas dun ou doutro sesgo, nin as enquisas. Seguramente fose a de maior desgaste e máis baixo perfil político da historia democrática do país e todo porque, desta volta, foi o Partido Popular quen sacou o doberman a paseo e a súa estratexia electoral baseouse, fundamentalmente, en axitar e desacraditar de tódolos xeitos posibles ás forzas gubernamentais. Evidenciouse un alarmante e xeneralizado vacío de ideas novidosas, e unha falla de vontade unitaria e de consenso, traducida en monótona parálise e nun clima de desconcerto que podería potenciala temida abstención. Dende o 11-M a liña da dereita española foi destructiva, nunca constructiva.

O corpus do seu discurso sustentouse, maioritariamente, na calumnia e na permanente incidencia na obsesiva idea de enmarcalos adversarios dentro dos tópicos clásicos, ás veces asumidos polo propio electorado progresista, a saber: o despilfarro, a incapacidade para dirixila economía, o paro, o sentimento antiespañol, a inseguridade cidadá ligada á inmigración... Sempre coas armas da mentira e do simplismo. Esto é algo cíclico, coma as crises do capitalismo, e noutra ocasión avancei que resulta o caldo de cultivo idóneo para que emerxa silenciosamente unha revolución conservadora se non se fai fronte con sólidos argumentos. Ante a desesperación, a humana e defensiva actitude de atopar inimigos comúns é unha balsa á que aferrarse no océano da desconfianza que representa “a clase política” e da que, por suposto, non participan os políticos de dereitas.

Esta foi a tarefa dos estrategas de Feijoo, e tamén a trampa na que puideron caer os seus adversarios os que, aínda tendo dereito de réplica e de defensa, deberan abstraerse desas provocacións para remarcala incapacidade e carencia de proxecto do PP para Galicia. A súa proposta é o fraguismo sen Fraga. Remarcando as fortalezas propias póñense en evidencia as do contrario. O mellor que pode pasar o domingo é que os galegos acudan masivamente a votar, chova ou faga sol, para darlle un toque de atención ós partidos, para rebelarse contra da manipulación e para darlle un pulo modernizador a este país, o cal se terá que producir, sí ou sí, nos vindeiros catro anos.

jueves, 19 de febrero de 2009

Próxima estación, bipartito.


Nunha semana estaremos preto da xornada de reflexión. É probable que o que resta desta enrarecida campaña nos depare algunha sorpresa, e a intensidade da mesma vaia in crecendo a medida que o día 1 se aproxime. Do contrario, a desmobilización parece garantida e coido que, no fondo, non lle interesa a ninguén: non lle interesa á coalición gobernante por motivos obvios, pero tampouco debera satisfacer, nin interesar, a quen aspira a sucedela porque o escenario depararía a constatación do pouco entusiasmo que se palpa entre a cidadanía. Para o PP suporía unha gris volta á Xunta de Galicia e un lastre para os próximos catro anos por canto que, significaría gobernar cunha lixeira falla de lexitimidade, traducida en pouca autoridade para exercelo poder. Pero a quen menos lle interesa realmente é á cidadanía galega en xeral, posto que non só está en xogo quen será o vindeiro Presidente da Xunta. Tamén o está desterrar para sempre (ou non) o estigma dunha sociedade abstencionista, atrasada, sumisa, coa Democracia a medio construír e que non quere protagonizar activamente as decisións nos asuntos que a todos nos afectan.

Gañe quen gañe cómpre unha reflexión, e ese acto de valentía política correspode facelo, sobre todo, ós partidos. Algo falla no seo dunhas organizacións que se perciben afastadas e pechadas, nas que se prevé (a día de hoxe) que non acadarán seducir a amplas capas da poboación. Fai tres anos e medio a esperanza do cambio chegou tarde, mal e a rastro (recordemos o voto emigrante) despois de dezaseis de fraguismo, e a experiencia serviu para atestiguar dous extremos: os do BNG nin eran revolucionarios, nin tiñan cornos e rabo. O outro tivo que ver con certo desencanto entre a esquerda ó comprobar que a esperanza, practicamente, se quedou neso mesmo.

O ruido mediático madrileño está condicionando moitísmo as estratexias dos partidos aquí. Pode que un dos puntos principais sobre os que haxa que reflexionar sexa a relación que vaian a ter, en adiante, os partidos consigo mesmos a nivel estatal. Esta disxuntiva (non outras) está resolta no BNG. Non así no PSdeG, e moito menos no PP. Os dous últimos necesitan, coma auga de maio, ser máis autónomos para galeguizalo debate e transformala cultura política galega. Se todo transcorre dentro da lóxica, e da actual dinámica política, o electorado renovará a confianza no bipartito para que a próxima estación sexa o cambio real e non só a esperanza.

martes, 10 de febrero de 2009

A árbore e as noces


No contexto da política vasca é recorrente esta frase feita. Quen a promociona refírese a que ETA abala a árbore coas súas accións inútiles namentras o PNV as torna en utilidade, recollendo así o froito do apoio popular. A superprotagonista e promotora do apartheid lingüístico Rosa Díez é unha defensora desta non-teoría. Aprendeu a lección e aplícaa, acudindo a Compostela coa estratexia definida; movendo a árbore do inexistente conflito lingüistico e evidenciando un enfrontamento arrodearíase astutamente na bandeira da defensa dunha suposta liberdade ameazada: o dereito a escollela lingua en Galicia. Podería ofrecerlle algún rédito en Madrid ou noutras comunidades, onde a ignorancia da realidade plural de España (por parte do nacionalismo separador español) é manifesta, e onde a abafante conxura mediática fai estragos entre os pouco viaxados e instruídos.

Nun país coma o noso, sendo o galego secularmente proscrito e aldraxado (e onde tan só a vontade do pobo o mantivo vivo, non sen desgustos), onde o noventa por cen da oferta comunicativa é castelanfalante e onde a vida educativa dun rapaz pasa por recibila inmensa maioría das mensaxes orais e escritas en castelán, algúns arriscanse a falar de imposición sen ruborizarse. Ninguén en Galicia descoñece o castelán e conviven normalizadamente dous idiomas en pé de igualdade xurídica habendo un consenso amplo respeto da normativa a aplicar. ¿Por qué algúns galegófobos (coma Falange, membros do PP e satélites) teñen interese en crispar e elevar á categoría de social un problema que non é tal?. Só se comprende dende a vella táctica ultradereitista de pescar en río revolto. Os que acudiron á manifestación non estaban defendendo o bilingüismo nin a liberdade. Estaban en calidade de peóns da inxustificable imposición monolíngüe do castelán e esto non se sustenta, aínda tendo todo o dereito a manifestarse. A reivindicación é pois, enganosa. Como equivocados estaban os marxinais que a foron rebentar. Dárlles publicidade é un regalo enveleado. Violenta e desproporcionada foi tamén a actuación policial e a obriga ós viandantes galegofalantes de identificarse. A maioría social galega é xa madura e sabe identificar ben a quen quere recollelo froito á súa conta.

miércoles, 4 de febrero de 2009

Nova fase política


Os cadros dirixentes do Partido Popular atópanse enlodazados, mergullados na suciedade das cloacas madrileñas e na disputa a morte do poder polo poder. Para unha organización que viviu deste, e da súa retroalimentación con intereses particulares e espúreos, a travesía no deserto da Oposición parlamentaria convértese nun pesadelo do que é vital espertar canto antes. Deste xeito optaron por manter no seu día (mediante escuras maniobras ligadas ó sector inmobiliario, o coñecido Tamayazo), a estratexia de bordeala legalidade ad infinitum con tal de non perder posicións. As eleccións repetíronse en Madrid e os magos do engano, a manipulación e a demagoxia fixeron o resto. Ben é certo que a maioría dos cidadáns acudiu á chamada, e cumpriu.

Todo esto é boa mostra de como entenden a política algúns, de como gozan desprestixándoa, e de cales son as súas prioridades: o ben común sabemos que non, e aportar para combatela crise económica tampouco.

Pódese comprender como Esperanza Aguirre, dende posicións ideolóxicas ultraliberais, tan so se teña en conta a si mesma ou á carreira política persoal e que, para elo, empregue as técnicas máis antigas, depuradas e depuradoras que os resortes do poder, case omnímodo (do que disfruta en Madrid), lle acheguen. O que non resulta xa tan dixerible é ver a actitude do serio e rigoroso Mariano Rajoy que, unha vez máis, se demostra manifestamente irresponsable e politicamente cobarde, cerrando en falso a crise interna. O acontecido nestas últimas datas é tan só a punta do iceberg. Si o caso non dá un xiro inesperado cabe pensar que, a consecuencia dos resultados na noite do 1 de Marzo, se vexa moralmente obrigado (ou literalmente forzado) a dimitir, e chamado a favorecer un proceso de sucesión limpo, hixiénico e que sexa diametralmente oposto ó que deu cos seus ósos no liderado do principal partido da Oposición. A ferida no seo deste trasládase constantemente profunda, pero so podería comezar a cicatrizar cun cambio de cultura política interna no marco dunha aposta transparente e decidida pola elección democrática do líder, que terá que poñerse a traballar na dirección de cumplilo papel constitucionalmente establecido. Non como ata agora, que consistiu en dispendiar folgos na oposición contra sí mesmos. Entrariamos así nunha nova fase da política española.