jueves, 19 de febrero de 2009

Próxima estación, bipartito.


Nunha semana estaremos preto da xornada de reflexión. É probable que o que resta desta enrarecida campaña nos depare algunha sorpresa, e a intensidade da mesma vaia in crecendo a medida que o día 1 se aproxime. Do contrario, a desmobilización parece garantida e coido que, no fondo, non lle interesa a ninguén: non lle interesa á coalición gobernante por motivos obvios, pero tampouco debera satisfacer, nin interesar, a quen aspira a sucedela porque o escenario depararía a constatación do pouco entusiasmo que se palpa entre a cidadanía. Para o PP suporía unha gris volta á Xunta de Galicia e un lastre para os próximos catro anos por canto que, significaría gobernar cunha lixeira falla de lexitimidade, traducida en pouca autoridade para exercelo poder. Pero a quen menos lle interesa realmente é á cidadanía galega en xeral, posto que non só está en xogo quen será o vindeiro Presidente da Xunta. Tamén o está desterrar para sempre (ou non) o estigma dunha sociedade abstencionista, atrasada, sumisa, coa Democracia a medio construír e que non quere protagonizar activamente as decisións nos asuntos que a todos nos afectan.

Gañe quen gañe cómpre unha reflexión, e ese acto de valentía política correspode facelo, sobre todo, ós partidos. Algo falla no seo dunhas organizacións que se perciben afastadas e pechadas, nas que se prevé (a día de hoxe) que non acadarán seducir a amplas capas da poboación. Fai tres anos e medio a esperanza do cambio chegou tarde, mal e a rastro (recordemos o voto emigrante) despois de dezaseis de fraguismo, e a experiencia serviu para atestiguar dous extremos: os do BNG nin eran revolucionarios, nin tiñan cornos e rabo. O outro tivo que ver con certo desencanto entre a esquerda ó comprobar que a esperanza, practicamente, se quedou neso mesmo.

O ruido mediático madrileño está condicionando moitísmo as estratexias dos partidos aquí. Pode que un dos puntos principais sobre os que haxa que reflexionar sexa a relación que vaian a ter, en adiante, os partidos consigo mesmos a nivel estatal. Esta disxuntiva (non outras) está resolta no BNG. Non así no PSdeG, e moito menos no PP. Os dous últimos necesitan, coma auga de maio, ser máis autónomos para galeguizalo debate e transformala cultura política galega. Se todo transcorre dentro da lóxica, e da actual dinámica política, o electorado renovará a confianza no bipartito para que a próxima estación sexa o cambio real e non só a esperanza.

1 comentario:

Miguel Angel Cintas dijo...

Los tiempos son muy importantes en la labor política, más y cuando se arrastra una herencia tan larga como la del PP en Galicia y es por eso que es importante dar el tiempo necesario para el desarrollo de un proyecto completo, 4 años no es más que el principio de un proyecto de cambio, son necesarias al menos dos legislaturas para poder desarrollar, evaluar y discernir el éxito o el fracaso de un proyecto de gobierno.
http://blogsdepolitica.blogspot.com