miércoles, 28 de enero de 2009

Iberismo rexurdido?


Non, non estou a falar da ministra de Fomento nin de compañías aéreas. Afonda na noite dos tempos o intento de xunguir Portugal e España baixo unha mesma estrutura política. Dende o século XVI houbo quen soñou que estos veciños “irmáns” e ó tempo, perfectos descoñecidos, profundizasen na súa unión. Nun primeiro momento responde a ambicións imperiais da Coroa española (que goberna os dous territorios durante algún tempo) e foi no século XVII cando se separan definitivamente. De seguido, as alianzas internacionais de uns e outros (con franceses e ingleses) divórciaos por completo. Houbo algún intento posterior, e mesmo acordos de colaboración, pero os portugueses sempre recelaron de ser “absorbidos” e de que a súa identidade se diluíse, coma estaba sucedendo noutros lugares da España daquel intre.

A idea de construir Iberia rexurde con tímida forza a comezos do século XX: Joan Maragall, Cambó, Prat de la Riba, Castelao e algún máis defenden a unidade basada no respeto á diversidade cultural e personalidade política de tódolos pobos que a conforman, pero nun contexto que logo desaparece debido ó meteórico ascenso en Europa do fenómeno nacionalista.

Foi no ano 2006 cando sae publicado un estudo sociolóxico sobre este tema: o 45% dos españois defendía a integración, por un 30% de cidadáns portugueses. Era un dato a ter en conta.

A pasada semana os primeiros ministros de España e Portugal acordaron celebrar, no sucesivo, periódicos consellos de ministros conxuntos para visualizar un maior acercamento e tratar asuntos comúns, a imaxe e semellanza do que ocorre en Escandinavia con Noruega e Suecia, ou noutras rexións. Isto presenta oportunidades para os dous Estados tamén no xogo da política internacional, da Unión Europea e do mundo globalizado. Adianta a futurible xeopolítica da ibericidade. Integrar na diferencia é unha das máximas do proxecto de construcción europea, dende unha visión máis política ca económica, e máis federalista ca intergubernamentalista. Unha oportunidade para facer valer as potencialidades dun espazo xeográfico con tanto capital de influenza e posibilidades de exercelo soft power, e tan ben situado estratéxicamente nun mundo en reconstrucción. Hai aquí unha responsabilidade galega e botaráse en falla, durante a campaña, que os partidos non propoñan nada relevante neste eido. Teñen máis chicha as liortas localistas.


martes, 27 de enero de 2009

Un ano de blog


Onte fixo un ano dende que se colgou a primeira publicación neste espazo. Era o 26 de Xaneiro de 2008 e levaba un tempo con ganas de comezar a escribir. O que me empuxou definitivamente foi a irrupción en escea dunha figura política que hoxe é mundialmente coñecida. A máis coñecida.

Imaxino que coma min lle sucedeu a moitos e, sobre todo, a moitos xoves que se sentiron atraídos pola novidade nas mensaxes e a frescura transmitida por quen, hoxe en día, é o Presidente dos EUA. Eses xoves que moitas veces son pintados de apáticos e outras moitas, incomprendidos. Eses mismos xoves que cando se entusiasman e mobilizan, son capaces coa súa forza, de cambiar gobernos. Onte e hoxe. En tódolos lugares do planeta.

Facía tempo que seguía a súa traxectoria, pero non estaba convencido de que chegara a suceder a Bush ata eses momentos, onde botaban a andar as eleccións primarias dentro do Partido Demócrata. A aposta era arriscada pero os ilusos, os inocentes, os que empezamos a comprender e descubrilo mundo aquí e alí, e en tódalas partes, pensamos que o actual Presidente dos EUA non vai a traelo paraíso á Terra e algún día defraudará pero de seguro, loitará por mellorala (ou eso queremos creer). As súas primeiras medidas así o deixan entrever.

Os EUA non deixarán de selos EUA pero un ano despois podemos pensar que algo xa mudou, e para ben. Cando menos, é mellor que o anterior. Para o seu país, pero tamén para todo o mundo.

Dende aquela deu tempo a pasar da desconfianza ata chegar á "Obamamanía" irracional, pero hoxe en día, todos se apuntan ó seu carro. Dende Rajoy ata Fidel Castro. Todos?. Non, hai un irreductible de bigote que pulula por aí anunciando o Apocalipse.

Esta entrada excepcional é unha homenaxe, de paso, a tódolos xoves e a tódolos ilusos.

martes, 20 de enero de 2009

Coroación imperial


En Europa non estamos acostumados á magnificencia e intencionalidade epocal de actos e discursos coma o celebrado na capital do imperio. Quizáis a elevación ós altares da política do Presidente da República Francesa sexa equiparable, ou unha coroación real británica. Os EUA representan unha síntese mellorada desas dúas lonxevas tradicións nisto, e en boa parte do demáis. En España ademáis, tanto a dereita como a esquerda, reaccionan de xeito ambivalente (con desconfianza ou entusiasmo) ante todo aquelo que proceda do outro lado do Atlántico. Posiblemente, de producirse un discurso similar ó de Obama por un político español, a cidadanía e os tertulianos escacharían a rir. Non lle damos tanto valor á palabra e á altura de miras, que como se ten demostrado ó longo dos tempos, pode axudar a cambialo mundo en positivo.

Non foi o mellor dos seus discursos, pero será o máis importante, e por él será recordado. Recolleu fortes doses de utopía, de optimismo e á vez, de realismo. Sabia mistura. Isto é unha constante no ideario dun político que, de feito, transcende a propia política como xa se ten dito. El é tamén un intelectual que xogou a baza da retórica para conformar un liderazgo forte e carismático. Históricamente, aqueles que chegaron ó poder por esta vía non foron bos gobernantes, pero pode que Obama rompa, nisto tamén, coas tendencias. Finalmente, a casual tregua de Gaza non o obrigou a manifestarse.

O politólogo Rafael del Águila (recentemente falecido) publicou un ensaio que leva como título Crítica de las ideologías. Resumindo de maneira imperdonable, expón a tese de que a fé cega nelas levou (sobre todo no século XX) a cimentala violencia e provocar graves catástrofes, nunha visión pesimista e deixando caer toda a responsabilidade do malo nelas. Obama, aínda que poida considerarse o primeiro xestor da realidade posmoderna, non debera ser entendido coma un líder post-ideolóxico. Aínda que a súa mensaxe é de unión, e superadora da guerra civil ideolóxica das últimas décadas nos EUA, non se desliga (intencionadamente) do peso dos valores e ideais fundacionais desa república, que son eminentemente progresistas: liberdade, igualdade, tolerancia, diversidade e ben común. Recordaría tres frases: “o mundo cambiou e debemos cambiar con el”, “iniciase unha nova era de paz”, e “escoitaremos ó mundo musulmán”. Veremos se é certo.

jueves, 15 de enero de 2009

Relevo en Washington


O vindeiro Martes producirase a toma de posesión de Barack Hussein Obama. A partir deste día poderemos ir calibrando o percorrido das súas promesas de cambio para EUA e o mundo. As expectativas creadas en torno á súa figura, e ás políticas que levará a cabo son inmensas e, el mesmo (nunha entrevista recente) confirmou que se sente abrumado polos retos ós que terá que facer fronte.

Sen tomar posesión xa puido intuír a ingratitude que conlevará ostentar tan alta responsabilidade, debido a asuntos como o do posto vacante no Senado, o caso de Bill Richardson, ou as criticas recibidas por mor do deliberado e prudente silencio respecto da situación en Palestina. A política moderna xa non respecta os cen días de rigor. É máis, case cen días antes de ser envestido presidente empezaron a observarse obsesivamente os seus pasos, as súas declaracións. Isto pode parecer inxusto pero posiblemente haxa que empezar a entender que as novas sociedades democráticas e da información escrutarán, a partir dagora, ós seus representantes dunha maneira enfermiza. Obama será o líder democrático máis estudado da Historia. Cada paso que dé, cada medida que tome, será analizada e debatida simultáneamente por millóns de persoas, especialmente na rede, esa ferramenta tan importante para o seu éxito.

O Martes, dende o momento en que xure o cargo, Obama será outro Obama. Deixará de ser unicamente o icono global que conseguiu ser e agromará a realidade dos feitos. O afamado economista e columnista Paul Krugman dixo, en plena campaña, algo así como: “son o primeiro en apoiar a Obama hoxe, pero tamén serei o primeiro en criticalo cando toque”. Esperemos pois a que tome asento no Despacho Oval, e deixemos ver como repercute na economía o Plan de Rescate Financieiro. Esteamos atentos ó seu discurso o día vinte, porque posiblemente teña palabras para Gaza (aínda que a elección de Rahm Emmanuel ou Hillary faga prever que non se variará substancialmente a tradicional postura norteamericana, pode sorprender). Vexamos se cerra Guantánamo antes do verán ou non. Observemos cada paso en perspectiva e sobre todo, contrastemos co anterior. Non caiamos, ata que toque, no cinismo de Aznar que, a parte de quedarse sen a súa Medalla da Liberdade, asegurou (dende a bola máxica) que será un desastre.

jueves, 8 de enero de 2009

Antilíder

Moitos eloxiaron as súas capacidades, e o seu punto forte é a oratoria en sede parlamentaria. Ten aires de deputado decimonónico, e iso na era do boom tecnolóxico e da comunicación, na do poder da imaxe, é un lastre potente. Case insalvable. Foino case todo na política e parece irreal que chegue a ocupar un cargo máis elevado. Pode que líder da oposición fose o último gran reto de proxección estatal para Mariano Rajoy pois tan só a imprevisibilidade, a día de hoxe, faría variar substancialmente as febles probabilidades de que chegue a presidente, ou tan siquera, a candidato polo Partido Popular en 2012. Nin entrou con bo pé, nin xestionou con habilidade a situación interna dende 2004. A súa tendencia patolóxica a deixar apodrecer os problemas pasarálle factura novamente nas próximas convocatorias de Galicia e Euskadi, nun momento onde se require agudeza, cintura, e capacidade de reacción. Tamén nas eleccións ó Parlamento Europeo, para as cales, as forzas mediáticas amigas impuxeron un falcón superado polos tempos. A priori, a crise debera darlle impulso e posibilidades, pero semella que non a soubo rendabilizar.

Posiblemente fose complicado facer a súa laboura pero foi incapaz de articular un discurso de entusiasmo e que inspirase, un mínimo, ás bases do centro-dereita, e ós seus compañeiros dirixentes. Non contaxiou confianza nin seguridade, tomou medidas contradictorias, e os ataques contundentes á maneira de facer oposición, dende o extremo, non fixeron máis que minalo. Considérano un home de transición para colocar alguén de contrastados e firmes principios, afastado das desviacións heréticas. Canto máis se escoraba á dereita, máis o atacaban por esta banda.

Un candidato que non oferta alternativas positivas e atractivas, que non ten visión de futuro e só propón sentido común, ou se presenta coa garantía de que formou parte do goberno e España non se afundiu no Atlántico (coma o Prestige), non ten posibilidades e ademais, é un claro obstáculo para que a súa formación faga catarse. O éxito en Galicia é moi improbable e o fracaso en Euskadi está asegurado. Os gardáns da doctrina aznarista teñen quentes as acusacións. Entre elas, provocala saída de San Gil, ocasionando a derrota. Con esa bagaxe e o conseguinte clima de desalento as europeas poderían sela tumba política dun líder con cualidades, entre as que non se atopa a de liderar.