sábado, 14 de mayo de 2011

Imperio sutil e ocaso dos deuses


Chama a atención o poder do que dispón a cultura de masas para fabricar, apadriñar e derrubar mitos empregando sutilmente os medios de comunicación e demais ferramentas para dirixirnos pola dirección correcta coa fin de producir e reproducir as liñas de pensamento axeitadas. Sobre isto e moito mais, e afondando ata o inimaxinable, reflexionou o escritor experto en semiótica Umberto Eco (entre outros) no traballo Apocalípticos e integrados.

O asunto do asasinato de Osama Bin Laden abre unha multiplicidade de temas susceptibles de estudar mais alá do significado como fito histórico que ten e das consecuencias políticas e de seguridade, da perigosa xustificación implícita do procedemento da tortura para conseguir información no gulag de Guantánamo, e alén do debate centrado nas contradicións que para o sistema democrático mailos seus límites supón a execución extraxudicial (por moi combatente inimigo que fose) ou os problemas e riscos que se derivarían dun hipotético “xuízo xusto”. Son comprensibles, dende o plano humano e no contexto, as reaccións desencadeadas por mor da noticia do pasamento do fundamentalista wahhabista pero non deixan de sorprender tamén ata que extremo os instintos primarios, o cinismo e a sede de vinganza actúan como o motor que alimenta un determinado xeito de ollar o mundo dende unha ampla parte da sociedade e caste dirixente, civil e militar, estadounidense. A historia do far west marcou a fogo o subconsciente colectivo e non hai mais que ver cal foi o desafortunado nome co que bautizaron a operación que rematou coa vida do “primeiro terrorista global”, e a súa escenificación perante a opinión pública interna e mundial.

Pero quixera quedar cunha noticia que pasou lixeiramente desapercibida: resulta que a Coca-cola está de aniversario. Ao parecer cumpre 125 anos. Parabéns! Descoñezo se por casualidade ou non, o inimigo público número un, o diaño feito carne agochado nunha rexión remota dun remoto país, tiña unha inconfesable debilidade incompatible co seu odio visceral á superpotencia e aliados: seica bebía Coca-Cola en cantidades industriais. Por un tubo, vaia.

Oopart é o acrónimo en inglés de Out of Place Artifact (artefacto fóra de lugar), e fai referencia a obxectos atopados en lugares ou épocas que se presupoñen imposibles debido ás súas características inmanentes. As latas de Bin Laden ben poderían ser inventariadas coma un novo tipo destes, mesmo á altura do Mapa de Piri Reis ou da Batería de Bagdad, ou ata (que mal pensado son) podería considerarse unha estratexia premeditada para vernizar de benevolencia a cuestionada hexemonía da cultura presuntamente única e unívoca. A mensaxe proxectada non é outra que a dun infiel asasino de masas incapaz de resistir a sedución da “chispa da vida” e, por extensión, do american way of life. Mesmo a besta, a reencarnación do mal mais absoluto e execrable, mete por vea “chutes” de refrescante bebida carbonatada! Mira se somos bos!

Semellante sorte correron outras iconas contra-hexemónicas: Fidel Castro, coma retratou Oliver Stone no filme-documental Comandante, é un incorrexible adicto ás superproduccións hollywoodienses, calza Nike e viste chándal Adidas. A fotografía de Korda do lexendario Che ou a recorrente imaxe de Mao tamén as apropiou o capitalismo, reducíndoas a pop art ou, mais ben, a elementos kitsch. Baleirándoas de contido. A saber se Nikita Jrushchov paseaba pola Ruta 56 californiana nunha Harley Davidson ou nun elegante Cadillac, parando en todo canto MacDonald´s atopaba, e gozando da esencia da liberdade.

Sexa como fose, o certo é que a caída de Osama terá consecuencias. Descoñecemos ata o momento cales, cantas e de canta profundidade, pero podería representar un golpe moral e simbólico importante, non definitivo, para a estrutura do fanatismo relixioso violento e organizado que promete a Yihad internacional, desconcertada coas revoltas árabes. Procuraba un ocaso dos deuses para Occidente e os réximes colaboracionistas e, en certa maneira e a dez anos vista, algo conseguiu. Pero a Coca-cola, a verdadeira deusa desta historia, sobreviviulle.

MundoGaliza
GaliciaHoxe

No hay comentarios: