viernes, 6 de mayo de 2011

Goberno Lego e mourinhizado


Fai unha semana Francisco Caamaño, Ministro de Xustiza, alcumou ao goberno de Feijóo como “de figuriñas de Lego”, referíndose á marca danesa de xoguetes que aledara un chisco mais a infancia de moitos cativos, entre os que me atopo. Aquelas eran (aínda o son) unha colección inxente de pezas de plástico con diferentes formas e cores coas que podías construír, ensamblar, moldear e derrubar todo un universo paralelo e en miniatura ao teu antollo, a imaxe e semellanza ou non, do mundo adulto. Calquera historia que a imaxinación che permitise era posible, asegurando horas de entretemento e altas doses de felicidade.

Hai algo disto na práctica habitual da Xunta de Galicia dende que se produciu a restauración popular, e por iso coido que a definición de Caamaño foi axeitada: é un goberno que dedica o groso dos esforzos a derrubar o que comezaran a erguer no anterior en múltiples materias (dependencia, igualdade, educación, sanidade...), e a desatender boa parte das súas obrigas. Perde tempo facéndonos crer que fai, pero en realidade está xogando. Semella que acaba de abrir a caixa do regalo e continúa probando, aínda que van xa dous anos: hai pezas que non lle encaixan ou o fan polas bravas. O pouco que intenta artellar, pola contra, non é algo práctico senón unha realidade allea, superflua e ás veces hipertrofiada. Véxase o artificial conflito lingüístico, potenciado ata a extenuación para confrontar, dividir e entronizarse como paladín da liberdade. De normalización e respecto polo ga-lego hai máis ben pouco. Xa se ten abundado no tema.

A maiores dá a impresión de que os conselleiros están tamén en mans dun neno bastante retorcido e que se divirte reproducindo filias, fobias, complexos e soñando cun futuro repleto de grandeza. O ton xeral destes dous anos caracterízase por un marcado perfil presidencialista e pouco colexiado. Ninguén se atreve a desviarse un mínimo. Non hai voces discordantes. Eu non de-lego! Pero sobre todo é pouco efectivo. Non entanto (é ben coñecido) o desemprego aumenta tres veces por riba da media estatal e as figuras humanoides de cor amarela que compoñen a súa particular paisaxe irreal, neste caso, son de carne e óso. Para el o xogo trae defectos de fábrica, pero non se preocupa moito por arranxalo. Parálise, inacción e insensibilidade social debuxan a primeira metade de mandato. Mais, en castelán, “lego” ten outras acepcións. Segundo o dicionario da RAE a primeira delas alude a quen non ten ordes clericais. Aquí habería moito do que falar, e non sería de bo gusto entrar. A segunda refírese a aquel carente de letras ou de novas. Está claro que hai coñecedores do dereito e das leis entre os membros do goberno, aínda que non se note cando a xustiza lles quita a razón segundo en que asuntos. Tema eólico inclusive.

Que foi primeiro? A “berlusconización” ou a “belenestebanización”? Non o teño claro, pero o que si parece evidente é que o paso seguinte é a “mourinhización”. Confúndese a política con Punto Pelota. Os telexornais fan o propio, e da TVG non ía ser menos. Esta afecta transversalmente, e non só no goberno do noso país. Consiste en confundir autoridade con autoritarismo, en enlamar o terreo de xogo con tódalas artes habidas e por haber e na falla de respecto polo adversario, desautorizando as institucións que rexen e arbitran. Elevando a voz ata que nada se entenda. Tamén en facer do branco negro e proxectarse como vítima fronte a todo e fronte a todos. Feijóo debía xa ser fiel seguidor do individuo cando adestraba a poucos quilómetros de Vigo.

No hay comentarios: