sábado, 27 de marzo de 2010

Aprender de Francia



Teño que recoñecelo: sinto unha fonda admiración e respecto por Francia e a súa historia moderna sen necesidade de axeonllarme ante a presuntuosa grandeur. Esta fascinación débese á fecunda e incalculable achega no mundo das artes, as ciencias e as ideas dende os tempos da Ilustración e a Revolución. Dende aquela todo mudou; o home fíxose conscente do seu potencial transformador alén da man omnipotente de Deus. Por fin dono do seu destino e debedor da razón para erradicala ignorancia, a superstición e a tiranía na procura dunha sociedade mellor, mais xusta e avanzada.

Como outras potencias protagonizou abraiantes momentos de ignominia, froito das desviacións doutrinarias chauvinistas e colonialistas das que ainda padecemos perversos efectos dende África ata o Caribe, pero coido que pesa ben mais o positivo. Outra volta toca mirar cara alí, aínda que hai quen sosteña que non por considerar que a forma de combater os desmáns do capitalismo depredador e desbocado debe beber das recentes e creativas experiencias latinoamericanas (Ecuador, Venezuela, Bolivia), tan denostadas por mor da incomprensión eurocentrista e a conspiración neoliberal pero tamén ¿por que non dicilo?, dunha manifesta incompatibilidade cultural con respecto a nós. Son realidades non-comparables por motivos obvios.

As eleccións rexionais no país galo avanzan unha posibilidade suxerente: é perfectamente plausible poñerse dacordo e aglutinar, no marco dunha cultura política democrática e de coalición, ás diferentes sensibilidades do amplo abano dunha esquerda (fundamentalmente socialdemócrata e neocomunista) que incorpore no proxecto á ecoloxía política e saiba conectar, en maior ou menor grao, coa pluralidade de movementos sociais alterglobalización para así loitar contra os que provocaron a crise actual, e restituír certo equilibrio. Haberá que esperar e ver si os resultados son froito dunha coxuntura xeralizada, tendente a castigar aos gobernos que afrontan as envestidas do momento económico como poden, ou dan conta dun cambio real que aúpe ao poder a un novo Léon Blum.

As Frontes Populares naceron nun contexto determinado, como movementos antifascistas, inmediatamente despois da chegada a Europa da Gran Depresión e o conseguinte auxe da extrema dereita. Sen querer establecer parelelismos propios da política-ficción si poden extraerse leccións das que aprender e sobre as que reflexionar. A reedición matizada destes pactos, ben pilotados, aseguran o éxito electoral e obrigarían a que a dereita radicalizada (botada en mans da ditadura das corporacións e as leis do mercado libre) rectifique e desbote as aspiracións baseadas en desmantelar o Estado de Benestar, ou destape os ollos ante a situación do clima, as enerxías ou as crecentes e ameazantes desigualdades.

Tamén dende Galicia deberiamos replantexar que a única alternativa posible aos ataques á identidade colectiva, á protección do litoral ou ás políticas sociais pasa por unha colaboración estable e estratéxica das forzas progresistas, ambientalmente responsables e con conciencia de país. Dende o local ao nacional si é preciso. Resulta crucial para o futuro.

miércoles, 24 de marzo de 2010

Reivindicala lingua con música


Penso que é unha das mellores maneiras de reivindicalo uso da lingua e a defensa da cultura. Tamén de achegarse aos máis novos...será un gran día. Eu penso estar!

martes, 23 de marzo de 2010

Logo de 7 anos...

Cúmprense sete anos da invasión e a guerra de Iraq. Logo deste tempo: cales foron os "beneficios inimaxinables para a República Española" (Bush brother) e para o mundo en xeral?

Estos tres criminais de guerra siguen libres e á espera dun xuízo xusto. Xa sabemos que Blair e Bush están cos petos cheos, e seguramente coas conciencias tranquilas....

Aznar conseguiu colocarse dignamente á dereita (como non?) de R. Murdoch á espera tamén dun tratamento psiquiátrico...e non continuo, porque xa se sabe que os radicais, guerracivilistas e rencorosos de esquerdas somos demasiado inxustos coa figura do gran estadista, do que unicamente pretendía "sacar a España do rincón da Historia".

Para ilustrar, por riba, e evaluar si mereceu a pena basta botarlle unha boa ollada ao seguinte enlace (fotografías):


"Malditas sexan as guerras e os canallas que as apoian" - Julio Anguita (ex-Secretario Xeral do Partido Comunista de España e Coordinador Xeral de IU, despois da morte do seu fillo no conflito)

viernes, 19 de marzo de 2010

A agulla de marear


É a expresión que usamos nesta terra sempre que os meniños conseguen facer dos pais un pandeiro. Cando o cativo, mediante a chantaxe emocional, logra que estos actúen do xeito previsto para obter un beneficio propio e exclusivista.

Na Galicia harmónica, cordial e global de Feijóo sucede algo así toda vez que este profesional da provocación e o engano semántico usa termos como consenso, solidariedade, liberdade ou galeguismo: ábrese a caixa dos tronos e, coma si dun resorte se tratatase, os que temos unha concepción distinta do que foi e debera ser o país caemos no erro de alporizarnos de maneira que poidera resultar a menos intelixente dende o punto de vista político. Con esto non incido na necesidade de abdicar do compromiso senón na de saber xestionalo ou, do contrario, a agulla de marear surtirá efecto e o Goberno galego conseguirá o propósito de mudar a impresión xeralizada hacia espazos de apariencia centrista, moderada e integradora. Metendo un golazo antolóxico. A maquinaria do rebumbio desinformativo, dentro e fóra, fará o resto: os demáis, un fato de sectarios. A premeditada afrenta á cultura é o cebo, pero tamén o placebo que mantén con expectativas, e cohesionados por un tempo, aos partidos da oposición.

O desasosego invádete ante o despropósito. Recordas que aquela cosmovisión centralista e tensionadora, hoxe imperante de novo grazas ao azoute económico e a conseguinte penetración do discurso reaccionario, empurraron ao exilio ao autor da Alba de Groria. Unha vez abalado e desfigurado o símbolo en forma de traducción ao nobre idioma de Castela só queda presentar aos defensores da lingua perante o conxunto da opinión pública coma uns túzaros anclados nunha sorte de resistencia cultural abocada ao fracaso que, aínda por riba, ousan patrimonializar a Castelao. Tamén hai pobos que forxan a súa identidade no acto heroico de resistir si non queda outro remedio. Pero non é o recomendable. É tan só un exemplo de provocación mais, fraguado en sede parlamentaria e en pleno Debate sobre o Estado da Autonomía, que se suma aos consabidos ensimesmamentos, decretos de reviravolta (rouceada en opinión do profesor X. Luís Barreiro Rivas) e tantos outros gardados nun desván calquera.

Haberá que ir artellando unha alternativa propositiva e crible, coa vista posta no día seguinte ó goberno da post-rebelión da Novísima Dereita (segundo o analista Manuel Martínez Barreiro), e do Partido da Auga Fría (en verbas de Manuel Rivas). Esta corrente que consegue persuadir ata o inimaxinable, e en todo o Estado, ameazando as bases mesmas da convivenza democrática e a maioría de institucións que criamos vigorosas, con percorrido e mesmo con marxe de mellora. Unha dereita que chega a considerarse non-política: “os políticos que impoñen linguas ou suben impostos namentras despilfarran (p. ex.) dun lado e nós, os políticos-non-políticos do PP, que achegan liberdade, do outro”. Como mostra de cercanía e consoancia coa sociedade (máis ben rancio populismo e dexeneración cooperativista) acollemos no noso seo, como experto asesor en materia penal, ao pai de Mari Luz. E para cando a Belén Esteban ou a Escassi en materia civil-matrimonial? Para cando Eladio Fernández impartindo seminarios de lealdade e coherencia política? Qué tal Rodríguez Miranda en ética pública? Todo isto tamén forma parte da agulla de marear, e hai tanto interese en que non deixe de xirar que acabará mareando ata aos irreductibles...

jueves, 11 de marzo de 2010

Vacuidade política


Cando aceptamos naturalmente que a conselleira de Facenda solicite a comparecencia de membros do anterior executivo para dar conta do volume de desemprego xerado dende a súa toma de posesión ou asuminos o incumprimento de normas tácitas e compañeiros seus se negan a usar o idioma propio de Galicia, unha das razóns que outorgan sentido á autonomía e grazas á cal perciben unha remuneración nada desprezable, non debera estranar tampouco a ofensiva antisocial e antigalega do primeiro ano do goberno de Núñez Feijóo.

A treboada desgaleguizadora é o núcleo duro sobre o que pivota unha actitude hostil e unha calculada estratexia para desviar a atención doutros asuntos, como a privatización da sanidade pública e o ataque deliberado ao Estado de Benestar: supón, como xa se ten dito, a procura da polarización social e o seu aprobeitamento como ferramenta política. O presidente optou pola táctica de Hugo Chávez ou Berlusconi. Esta é moi vella e non coñece de ideoloxías. Hainos que o fan así e hai outros que optan polo diálogo, a búsqueda incansable de acordos e a visión de país. En teoría a última debera ser a opción defendida en lugares onde se decantou certa consolidación democrática e, a medida que se afonda nela, sería a vía máis desexable para o progreso e o ben común. É moi recomendable un ensaio sobre a temática: A confrontación política, de José María Maravall.

O balance do primeiro ano non pode ser mais nefasto. Representa un ano negro, perdido e insólito na historia do país: por vez primeira o líder preocúpase máis en proxectar a súa imaxe persoal fóra que en atender ás obrigas dentro. Prima a creación oportunista de conflitos e o uso descarado da mentira xa dende a campaña electoral, nunha mostra de deslealdade democrática e xogo sucio sen parangón. Habendo tales precedentes sería inxenuo acreditar nas explicacións do conselleiro de Cultura arredor do suposto lapsus linguae, en referencia ao incorrecto uso dos topónimos. Se fose un erro, mal tamén, porque o negou sete negares e en pureza democrática tería consecuencias. Eu son mal pensado e non creo no erro pero, sobre todo e menos, na súa persistencia. Hai detrás unha constante actitude de desprezo, e un obxectivo para min claro: a doma dos domesticados e a castración dos castrados. A intención manifesta de reconverter a Galicia nun páramo civil. É unha aposta política arriscada pero lexítima, que podería mudar en función dos resultados das municipais, e coa mirada fixada na reelección.

Galicia volve a necesitar, a día de hoxe, que se concrete a posibilidade de que as dúas principais forzas de progreso galeguistas sexan quen de articular conxuntamente un proxecto e unha proposta alternativa, que recupere a autoestima colectiva dos cidadáns. Desacomplexada e comprometida cos sectores máis desfavorecidos da sociedade: os desempregados de calquer sector, mulleres discriminadas, maiores e enfermos (dependentes), traballadores en situación laboral precaria e tantos outros espazos que foron desatendidos no primeiro ano de desgoberno e contrarreforma. Neste primeiro ano de vacuidade política...