jueves, 11 de marzo de 2010

Vacuidade política


Cando aceptamos naturalmente que a conselleira de Facenda solicite a comparecencia de membros do anterior executivo para dar conta do volume de desemprego xerado dende a súa toma de posesión ou asuminos o incumprimento de normas tácitas e compañeiros seus se negan a usar o idioma propio de Galicia, unha das razóns que outorgan sentido á autonomía e grazas á cal perciben unha remuneración nada desprezable, non debera estranar tampouco a ofensiva antisocial e antigalega do primeiro ano do goberno de Núñez Feijóo.

A treboada desgaleguizadora é o núcleo duro sobre o que pivota unha actitude hostil e unha calculada estratexia para desviar a atención doutros asuntos, como a privatización da sanidade pública e o ataque deliberado ao Estado de Benestar: supón, como xa se ten dito, a procura da polarización social e o seu aprobeitamento como ferramenta política. O presidente optou pola táctica de Hugo Chávez ou Berlusconi. Esta é moi vella e non coñece de ideoloxías. Hainos que o fan así e hai outros que optan polo diálogo, a búsqueda incansable de acordos e a visión de país. En teoría a última debera ser a opción defendida en lugares onde se decantou certa consolidación democrática e, a medida que se afonda nela, sería a vía máis desexable para o progreso e o ben común. É moi recomendable un ensaio sobre a temática: A confrontación política, de José María Maravall.

O balance do primeiro ano non pode ser mais nefasto. Representa un ano negro, perdido e insólito na historia do país: por vez primeira o líder preocúpase máis en proxectar a súa imaxe persoal fóra que en atender ás obrigas dentro. Prima a creación oportunista de conflitos e o uso descarado da mentira xa dende a campaña electoral, nunha mostra de deslealdade democrática e xogo sucio sen parangón. Habendo tales precedentes sería inxenuo acreditar nas explicacións do conselleiro de Cultura arredor do suposto lapsus linguae, en referencia ao incorrecto uso dos topónimos. Se fose un erro, mal tamén, porque o negou sete negares e en pureza democrática tería consecuencias. Eu son mal pensado e non creo no erro pero, sobre todo e menos, na súa persistencia. Hai detrás unha constante actitude de desprezo, e un obxectivo para min claro: a doma dos domesticados e a castración dos castrados. A intención manifesta de reconverter a Galicia nun páramo civil. É unha aposta política arriscada pero lexítima, que podería mudar en función dos resultados das municipais, e coa mirada fixada na reelección.

Galicia volve a necesitar, a día de hoxe, que se concrete a posibilidade de que as dúas principais forzas de progreso galeguistas sexan quen de articular conxuntamente un proxecto e unha proposta alternativa, que recupere a autoestima colectiva dos cidadáns. Desacomplexada e comprometida cos sectores máis desfavorecidos da sociedade: os desempregados de calquer sector, mulleres discriminadas, maiores e enfermos (dependentes), traballadores en situación laboral precaria e tantos outros espazos que foron desatendidos no primeiro ano de desgoberno e contrarreforma. Neste primeiro ano de vacuidade política...

No hay comentarios: