jueves, 26 de mayo de 2011

Españistán, por Aleix Saló



Como entender "o cristo" nunha linguaxe sinxela, de rúa, e en pouco tempo. E, de paso, cun sorriso. Poden vir mil analistas, economistas ou políticos a explicalo que ninguén o faría mellor. Que anoten nos staff dos partidos. De obrigada visión.

viernes, 20 de mayo de 2011

Fai un Sol de carallo



É moi difícil saber o que pasará e en que quedará todo esto. Pero algo está claro: España, afeita a padecer a cara mais amarga da historia nos grandes procesos de cambio, ou moito antes, exportando a conquista e o imperialismo, está conseguindo exportar unha mensaxe ao mundo que calará moi fondo nos demáis pobos. É posible esixir os dereitos civiles, sociais e políticos pacificamente e na rúa. Facer unha Revolución. Agora que os poderosos están collendo medo é cando haberá que plantexar como se canaliza toda esta forza, que parece imparable. Nada está conseguido aínda.

Na Praza do Sol e nas demáis mobilizacións e acampadas por todo o mundo hai milleiros de valentes que só queren: mais e mellor democracia, mellor calidade de vida e unha volta á Razón. Simplemente. Despois das eleccións municipais do domingo empeza unha nova etapa, sí ou sí. A sociedade deu sobradas mostras de estar preparada e de ir infinitamente por diante das caducas estruturas de poder. Terán que adaptarse, sí ou sí.

Esa Revolución non será televisada, estáse vivindo dende Internet (e nas rúas):
http://www.soltv.tv/soltv/index.html

miércoles, 18 de mayo de 2011

...e chegou a España


Asinado: A "generación ni-ni".

"Apaga la televisión. Enciende tu mente"
"Madrid será la tumba del pasotismo"
"Botín, cabrón, trabaja de peón"
"No somos antisistema, el sistema es antinosotros"
"Si no nos dejáis soñar, no os dejaremos dormir"
"Rebeldes sin casa"
"Poco pan y pésimo circo"
"People of Europe: rise up!"
"Error del sistema: #spanishrevolution"
"Queremos soluciones. Y las queremos YA"
"Es el momento, ya que cambiamos el salón, pintemos el dormitorio: IIIRepública"
"El poder nos teme porque la revuelta enamora"
"Me gustas, Democracia, porque estás como ausente"
"Quiero un país en donde la Cultura sea la Princesa del Pueblo"

(Menudo botellón o da Plaza del Sol)

domingo, 15 de mayo de 2011

QUE É GALICIA? por LOIS PEREIRO


Galicia... data
Run...

A. Auga. Aire. A Amnesia do vencido, a Atracción do Abismo, a Árbore xunta á Árbore, e a alegría do espazo circundante. A alma é o Atlántico e é o cantil o corpo da súa chamada Atroz.

B. Barroco: a Beleza usual feita materia en pedra no Bordo do Bosque omnipresente.

C. Calma. Castelao, Curros, Cunqueiro, Cultura, Celebración e Culpa: unha conciencia Céltica do Cosmos.

D. Difícil definir esa Dor, Dobregar o Destino, conseguir que o Desexo nos siga sendo útil. (Diluvia)

E. Espiral no Espazo Esférico. Emigración: Estímulo do noso Exilio interior que nos leva polo leste cara a Europa, polo mar cara ao Éxito e cara á Enfermidade, e sempre cara ao Eterno Extrañamento do Espírito.

F. Fogo de Fogar. Fantasía. Fábricas, Febre e Formas do Futuro, Figuras do pasado. O Fenómeno atmosférico da Felicidade, e todas as Festas do mañá...

G. Gráficas do Granito, auga e silencio, onde transborda a alma da Gulfstream. O xemir das Gaitas, e no carácter esa amable presenza da Graxa.

H. Historia: Herbicida o esquecemento. A Humidade, o "Horror vacui" e a Humildade impídennos converter a Historia en Heroísmo. Nosa Herdade adestrada na fuxida, coa sabedoría das feridas vellas, por nosas propias mans soamente vencidos.

I. Ironía: arte de converter o Inferno nun conto de Inverno.

J. Son oriental. Rotundidade sureña.

K. Kilowatios por terra mergullada.

L. Loito: manchas na paisaxe, bólas negras sobre o tapete verde.

M. Lega Mortos o Misterio da Música, pero o Miño vaise levando ese Misterio ao Mar.

N. Norte. Noite. Néboa. Negro: materia poética nacional.

Ñ. Nh/ gn/ ñ.

O. Oeste: "Galicia atende e obedece á chamada do Oeste" (R. Otero Pedrayo). Tantos séculos de Ofensas e de Esquecemento crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia xerará no Orgullo deste pobo apracible o destrutivo Osíxeno do Odio, a Obsesión do fracaso e da culpa.

P. Poesía. Patria. Paixón. Perigo de extinción, perdidos en nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferenza alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos. Paisaxes dispersas, aliñados entre os Perfís do Pasado, coa Presenza dunha vexetal sensación de eternidade. Paixón e Poses "punk", reflexos Postmodernos e altas horas nos diques urbáns da noite.

Q. Química da dor Quintaesencia do medo. Aí, pegado a min, quen ri?

R. Río: o Rumor da vida, a Relixión das augas. As Risas xorden sempre onde Reina a calma, na quietud profunda de quen coñece o Risco e domínao. Rural: corre sangue Rural por estas veas; e se algunha vez a Razón opón Resistencia, recoñécese o galego na terra, na lenta vitalidade da árbore, na invencible Resignación da herba.

S. O Son da Soidade e o Silencio. O Salvaxe Sarcasmo dos Soños do presente, e a Silente atracción polo Suicidio: o Sil. O Miño é o noso Sangue, o Sil a súa Sombra. Serenos e Sombríos, finalmente transcende o Sorriso astuto.

T. Terra. E o Tempo, e o Trastorno e as súas Tebras. A Tradición dunha triste Tenrura. A Terra é o principio, e todo existe nela e para ela.

U. Utopía: compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños.

V. Vacas en Vales mollados, e a férrea Vontade dos Vellos encadeados á terra, co Vicio do seu fatalismo escéptico. Verde. Verde e máis Verde sobre outros Verdes, e por detrás: Verde.

W. Whisky: noite urbana. Galicia é Wagneriana, ou é máis ben un Wolfgang Amadeus enfermo de paisaxe, soñando con Sibelius?.

X. 25 de Xullo.

Y. e

Z. Fin


LOIS PEREIRO. Do libro POEMAS 1981/1991

sábado, 14 de mayo de 2011

Imperio sutil e ocaso dos deuses


Chama a atención o poder do que dispón a cultura de masas para fabricar, apadriñar e derrubar mitos empregando sutilmente os medios de comunicación e demais ferramentas para dirixirnos pola dirección correcta coa fin de producir e reproducir as liñas de pensamento axeitadas. Sobre isto e moito mais, e afondando ata o inimaxinable, reflexionou o escritor experto en semiótica Umberto Eco (entre outros) no traballo Apocalípticos e integrados.

O asunto do asasinato de Osama Bin Laden abre unha multiplicidade de temas susceptibles de estudar mais alá do significado como fito histórico que ten e das consecuencias políticas e de seguridade, da perigosa xustificación implícita do procedemento da tortura para conseguir información no gulag de Guantánamo, e alén do debate centrado nas contradicións que para o sistema democrático mailos seus límites supón a execución extraxudicial (por moi combatente inimigo que fose) ou os problemas e riscos que se derivarían dun hipotético “xuízo xusto”. Son comprensibles, dende o plano humano e no contexto, as reaccións desencadeadas por mor da noticia do pasamento do fundamentalista wahhabista pero non deixan de sorprender tamén ata que extremo os instintos primarios, o cinismo e a sede de vinganza actúan como o motor que alimenta un determinado xeito de ollar o mundo dende unha ampla parte da sociedade e caste dirixente, civil e militar, estadounidense. A historia do far west marcou a fogo o subconsciente colectivo e non hai mais que ver cal foi o desafortunado nome co que bautizaron a operación que rematou coa vida do “primeiro terrorista global”, e a súa escenificación perante a opinión pública interna e mundial.

Pero quixera quedar cunha noticia que pasou lixeiramente desapercibida: resulta que a Coca-cola está de aniversario. Ao parecer cumpre 125 anos. Parabéns! Descoñezo se por casualidade ou non, o inimigo público número un, o diaño feito carne agochado nunha rexión remota dun remoto país, tiña unha inconfesable debilidade incompatible co seu odio visceral á superpotencia e aliados: seica bebía Coca-Cola en cantidades industriais. Por un tubo, vaia.

Oopart é o acrónimo en inglés de Out of Place Artifact (artefacto fóra de lugar), e fai referencia a obxectos atopados en lugares ou épocas que se presupoñen imposibles debido ás súas características inmanentes. As latas de Bin Laden ben poderían ser inventariadas coma un novo tipo destes, mesmo á altura do Mapa de Piri Reis ou da Batería de Bagdad, ou ata (que mal pensado son) podería considerarse unha estratexia premeditada para vernizar de benevolencia a cuestionada hexemonía da cultura presuntamente única e unívoca. A mensaxe proxectada non é outra que a dun infiel asasino de masas incapaz de resistir a sedución da “chispa da vida” e, por extensión, do american way of life. Mesmo a besta, a reencarnación do mal mais absoluto e execrable, mete por vea “chutes” de refrescante bebida carbonatada! Mira se somos bos!

Semellante sorte correron outras iconas contra-hexemónicas: Fidel Castro, coma retratou Oliver Stone no filme-documental Comandante, é un incorrexible adicto ás superproduccións hollywoodienses, calza Nike e viste chándal Adidas. A fotografía de Korda do lexendario Che ou a recorrente imaxe de Mao tamén as apropiou o capitalismo, reducíndoas a pop art ou, mais ben, a elementos kitsch. Baleirándoas de contido. A saber se Nikita Jrushchov paseaba pola Ruta 56 californiana nunha Harley Davidson ou nun elegante Cadillac, parando en todo canto MacDonald´s atopaba, e gozando da esencia da liberdade.

Sexa como fose, o certo é que a caída de Osama terá consecuencias. Descoñecemos ata o momento cales, cantas e de canta profundidade, pero podería representar un golpe moral e simbólico importante, non definitivo, para a estrutura do fanatismo relixioso violento e organizado que promete a Yihad internacional, desconcertada coas revoltas árabes. Procuraba un ocaso dos deuses para Occidente e os réximes colaboracionistas e, en certa maneira e a dez anos vista, algo conseguiu. Pero a Coca-cola, a verdadeira deusa desta historia, sobreviviulle.

MundoGaliza
GaliciaHoxe

viernes, 6 de mayo de 2011

Goberno Lego e mourinhizado


Fai unha semana Francisco Caamaño, Ministro de Xustiza, alcumou ao goberno de Feijóo como “de figuriñas de Lego”, referíndose á marca danesa de xoguetes que aledara un chisco mais a infancia de moitos cativos, entre os que me atopo. Aquelas eran (aínda o son) unha colección inxente de pezas de plástico con diferentes formas e cores coas que podías construír, ensamblar, moldear e derrubar todo un universo paralelo e en miniatura ao teu antollo, a imaxe e semellanza ou non, do mundo adulto. Calquera historia que a imaxinación che permitise era posible, asegurando horas de entretemento e altas doses de felicidade.

Hai algo disto na práctica habitual da Xunta de Galicia dende que se produciu a restauración popular, e por iso coido que a definición de Caamaño foi axeitada: é un goberno que dedica o groso dos esforzos a derrubar o que comezaran a erguer no anterior en múltiples materias (dependencia, igualdade, educación, sanidade...), e a desatender boa parte das súas obrigas. Perde tempo facéndonos crer que fai, pero en realidade está xogando. Semella que acaba de abrir a caixa do regalo e continúa probando, aínda que van xa dous anos: hai pezas que non lle encaixan ou o fan polas bravas. O pouco que intenta artellar, pola contra, non é algo práctico senón unha realidade allea, superflua e ás veces hipertrofiada. Véxase o artificial conflito lingüístico, potenciado ata a extenuación para confrontar, dividir e entronizarse como paladín da liberdade. De normalización e respecto polo ga-lego hai máis ben pouco. Xa se ten abundado no tema.

A maiores dá a impresión de que os conselleiros están tamén en mans dun neno bastante retorcido e que se divirte reproducindo filias, fobias, complexos e soñando cun futuro repleto de grandeza. O ton xeral destes dous anos caracterízase por un marcado perfil presidencialista e pouco colexiado. Ninguén se atreve a desviarse un mínimo. Non hai voces discordantes. Eu non de-lego! Pero sobre todo é pouco efectivo. Non entanto (é ben coñecido) o desemprego aumenta tres veces por riba da media estatal e as figuras humanoides de cor amarela que compoñen a súa particular paisaxe irreal, neste caso, son de carne e óso. Para el o xogo trae defectos de fábrica, pero non se preocupa moito por arranxalo. Parálise, inacción e insensibilidade social debuxan a primeira metade de mandato. Mais, en castelán, “lego” ten outras acepcións. Segundo o dicionario da RAE a primeira delas alude a quen non ten ordes clericais. Aquí habería moito do que falar, e non sería de bo gusto entrar. A segunda refírese a aquel carente de letras ou de novas. Está claro que hai coñecedores do dereito e das leis entre os membros do goberno, aínda que non se note cando a xustiza lles quita a razón segundo en que asuntos. Tema eólico inclusive.

Que foi primeiro? A “berlusconización” ou a “belenestebanización”? Non o teño claro, pero o que si parece evidente é que o paso seguinte é a “mourinhización”. Confúndese a política con Punto Pelota. Os telexornais fan o propio, e da TVG non ía ser menos. Esta afecta transversalmente, e non só no goberno do noso país. Consiste en confundir autoridade con autoritarismo, en enlamar o terreo de xogo con tódalas artes habidas e por haber e na falla de respecto polo adversario, desautorizando as institucións que rexen e arbitran. Elevando a voz ata que nada se entenda. Tamén en facer do branco negro e proxectarse como vítima fronte a todo e fronte a todos. Feijóo debía xa ser fiel seguidor do individuo cando adestraba a poucos quilómetros de Vigo.

domingo, 1 de mayo de 2011

Euskadi pacifista


Documental moi recomendable sobre a resolución do conflito vasco, da TV3 catalana. Diferentes organizacións traballan pola paz, entre elas Lokarri, que tamén sae no video. Na súa representación fala Paul Rios, que fai semanas estivo en Compostela invitado polo Movemento Estudantil Universitario. Imprescindible velo para comprendelo todo dende outra perspectiva.