martes, 12 de marzo de 2013

Hugo Rafael Chávez Frías, o Comandante demócrata


Seguramente non todo sexan luces, pero será a única concesión que faga ao matiz. Non é o home en si que, en esencia, tampouco aportou demasiado doutrinalmente ás esquerdas ou ao que outros personaxes históricos representaron para latinoamérica, dende Martí ou Bolívar ata Allende ou o Che. É o que el representaba na súa altura histórica para un continente "sin piernas, pero que camina".

No continente dos Videla, dos Trujillo, da "Contra", de Pinochet, das desaparicións en alta mar e as torturas nos penais militarizados, das favelas e os "cerros" infestados de chabolas no extrarradio das cidades por onde nen sequera pasa luz ou auga potable, na Patria Grande do xogo perverso do narcotráfico "ilegal", dos asesinatos a sangue fría de disidentes e artistas, no continente onde os nenos rebuscan comida entre o lixo ou erguen fusiles ao servizo de guerrillas ou paramilitares. Onde a xente morre por unha peritonitis ou por inxerir comida en mal estado. Onde sectores amplos de poboación son desprazados do seu territorio polo avance da deforestación ou a agrogandeiría extensiva. Onde uns poucos son latifundistas e uns moitos malviven pra sobrevivir. Onde se violan mulleres diariamente e a delincuencia organizada abrolla no caldo de cultivo da miseria. Onde proliferaban democracias corruptas de cartón con presidentes e castas políticas brancas con dificultades pra falar castelán porque residían na "casa" dos "gringos". No "patio trasero". No continente das "maras" e onde aínda hoxe os traballadores das minas son explotados por un ou dous euros ao día, aínda se atreven a chamarlle "tirano". Por algo será.

Será porque aumentou os índices de ingreso en educación primaria, secundaria e universitaria? Porque se construirán 700.000 vivendas dignas? Porque a FAO declarou Venezuela "territorio libre de fame" e a UNESCO "libre de analfabetismo"? Porque se estendeu e garantiu o acceso á Saúde universal e gratuíta a todos os venezolanos aumentando un 400% o número de médicos e construíndose 8.000 centros de saúde? Por que aumentou a esperanza de vida case 3 anos e se reduciu a taxa de mortandade infantil? Por que coa Misión Milagro recuperaron a vista 1,5 millóns de persoas con cataratas e outros problemas oculares? Porque entrou na categoría dos países cun índice de desenvolvemento humano (IDH) elevado, segundo a ONU sendo, ademáis, un dos países que mellor deron cumprimento aos Obxectivos do Milenio? Porque antes do seu mandato 400.000 anciáns gozaban de pensión e actualmente fano 2millóns? Porque o goberno entregou mais dun millón de hectáreas de terreo aos pobos aboríxenes? Porque 5millóns de escolares reciben alimentación gratuita? Porque o consumo de calorías nun venezolano medio aumentou nun 50%? Porque se crearon 50.000 cooperativas en todos os sectores da economía? Porque o salario mínimo aumentou un 2.000%? Porque os adultos de certa idade que nunca puideron incorporarse ao mercado laboral cobran o 60% dise salario mínimo e as mulleres un 80%? Porque dispón de satélites e é agora soberana en tecnoloxía espacial? Porque segundo o World Happines é o segundo país "mais feliz" de América Latina, por detrás de Costa Rica, e o 19 do mundo por diante de Alemaña e España? Porque en donacións e axuda humanitaria dona 8.000 millóns de dólares anuais cando a Administración Bush donou 3.000 en todo o seu mandato? Porque se doblou o PIB por habitante? Porque se reduciu a débeda externa dun 45 a un 25 por cento e ten unha taxa de crecemento, en plena recesión global, do 5,5?

Chávez abrira un novo ciclo para aquel continente. Un contradiscurso ao hexemónico que fixo posible, na instancia política, parte daquelo que soñara o Subcomandante Marcos en Chiapas a mediados dos 90's: romper o ciclo depredador dos Chicago Boys e das súas nefastas políticas miltonfriedmanas aplicadas implacablemente logo da Operación Cóndor. Personaxes históricos desta influencia e relevancia só poden ser evaluados de maneira xusta coa perspectiva que dá o tempo. A súa revolución democrática, pacífica, socialista e popular, tamén.

Chávez rachaba con isto e logrou sacar da pobreza extrema e alfabetizar a millóns nun país de desigualdades -nun continente de desigualdades- forxando a primeira peza dun camiño de soberanía e independencia. Só por iso, mereceu a pena. Neste momento, débese mirar con respecto e interese desde Europa porque foi Chávez o que desencadenou un proceso que se estendeu a outros países do continente: Bolívia, Ecuador, Uruguay, Brasil...continuando o que a experincia revolucionara cubana alumeara e prometera a mediados do século XX, e facendo o posible pola xustiza social, a igualdade e a liberdade nunha latinoamerica unida e integrada. Facendo precisamente parte do que aquí debemos facer, salvando as diferenzas culturais e os condicionantes socipolíticos e sociodemográficos, antes de que nos "latinoamericanicemos": rachar radicalmente co neoliberalismo, co FMI, a OMC, etc...foi xusto o que eles fixeron para comezar a abrir as ás.

Xa hai demasiadas voces aquí para sacar os seus excesos e os seus defectos: "populismo", "tics autoritarios", "culto á personalidade", todos eles facendo os esforzos por ver a palla no ollo alleo e non a viga no propio, sen comprender o que alí significan e tanto siguen pesando 500 anos de conquista, expolio e neocolonialismo, e sen atender ás causas que propiciaron o seu ascenso ao poder, negando calquera avance á xesta colectiva do pobo venezolano: saírse do pensamento único e dominante para buscar o seu propio camiño.



No hay comentarios: