sábado, 22 de octubre de 2011

Brigadas Internacionales



Hoxe, 22 de Outubro de 2011, cúmprense 75 anos da retirada das Brigadas Internacionales. Mais de 60.000 voluntarios dos cinco continentes uníronse ao Exército Republicano para defender a Democracia e a Liberdade combatento e morrendo contra o fascismo. Son exemplo universal das loitas históricas contra a opresión e un referente, demostrando que a fraternidade non ten fronteiras. Sendo unha data tan importante o Estado non celebra unha homenaxe oficial a quenes tamén "caeron por España".



jueves, 20 de octubre de 2011

Konferentzia



Vídeo de Lokarri sobre a Conferencia Internacional de Paz de Donostia, onde destacadas personalidades internacionais participaron para promover a resolución pacífica do conflito vasco e esixirlle a ETA que respecte os DDHH e abandone o uso da violencia con fins políticos e a práctica do terrorismo. A caverna mediática, nun alarde de esperpento e mesquindade como non se recorda, descalificou de tódolos xeitos posibles o encontro e aos participantes.

Entre outros estiveron: Kofi Annan (ex Secretario Xeral da ONU), Bertie Ahern (ex primeiro ministro irlandés), Gerry Adams (líder do Sinn Féin), Pierre Joxe (ex ministro de Interior e Defensa francés), Gro Brudtland (ex primeira ministra de Noruega e membro da fundación The Elders, pola Paz, promovida por Nelson Mandela). Ás conclusión resultantes do cónclave sumáronse Jimmy Carter (ex Presidente USA), Tony Blair (ex Premier británico) e o Senador George Mitchell (enviado especial de USA a Oriente Medio e promotor dos archicoñecidos principios Mitchell para a resolución do conflito de Irlanda do Norte).

Ademáis participaron tódolos partidos da realidade vasco-navarra, a excepción do Partido Popular, mostrando así o seu interese polo diálogo para chegar a un escenario de non-violencia que abre unha nova era en Euskadi e na Democracia española.

O tempo porá a cada un no seu lugar.

A oportunidade de Izquierda Unida



Se consiguen trasladar a mensaxe e introducila pode dar a sorpresa nas vindeiras Eleccións Xerais. A coxuntura é favorable como nunca dende a Transición. Haberá que velo o 20-N, pero, habilmente, conecta a mensaxe co xurdimento dos movementos sociais e coa esquerda que pode sentirse defraudada pola última lexislatura do PSOE. Estaremos atentos.

martes, 11 de octubre de 2011

En Movemento



O Movemento Estudantil Universitario (MEU) afronta este novo curso académico co propósito de continuar dándose a coñecer entre o estudantado e a comunidade educativa, co mesmo compromiso, pero con maior forza, se cabe. E en expansión e crecemento. Seguirá coas actividades que dinamizan e complementan a vida cotiá na Universidade e afronta o reto de estar á altura dos tempos que lle tocou vivir.

Acaba de lanzar unha campaña masiva (#enmovemento) con varias frontes: facultades, redes sociais, actos, etc...co gallo da mobilización global do 15-Outubro, da que participará e continuará participando, estreitando lazos cos novos movementos sociais de protesta. O MEU nunca escondeu os seus vínculos e algúns dos seus ideais, dende o primeiro momento. No seu espírito fundacional hai moitos puntos de converxencia.

Cre tamén na Unidade das forzas e organizacións estudantís galegas comprometidas coa Educación Pública e disposta a defenderse dos ataques constantes, en forma de discursos, actitudes e prácticas encamiñadas a precarizar e rebaixar a calidade do ensino universitario e non-universitario e do conxunto dos piares do Estado de Benestar, en risco coa excusa dunha crise económica global xestada nas alturas. Para defenderse conta coa arma da mobilización, se é preciso.

A Campaña.
A Crise.
A Univeridade.
Artigos/Formación.

O MEU está activo en Twitter e Facebook


domingo, 9 de octubre de 2011

Os idealistas moven o mundo

Dedicado a Jose Luis Gómez, María Val, Xabier R Blanco, Silvia Carregal, David Lombao, Miguel Pardo, Noela Rey, Sonia Dapena, Sergio Barbeira, Lara Graña, Iago Martínez, Cristina Díaz Pardo, Mercedes Cernadas, Lucia L. Bayo e a tódolos traballadores, colaboradores e lectores do Xornal.

Houbo filósofos ao longo dos tempos que abordaron o devir histórico dende unha perspectiva cíclica. O napolitano Giambattista Vico, que logo influíra de xeito determinante nas obras de pensadores coma Montesquieu, Hegel, Marx, Comte ou Spegler, tiña unha visión circular debedora das filosofías orientais. Acreditaba no continuo retorno de épocas que establecían pautas parellas a outras anteriores (tamén nunha sorte de volta de líderes sociais e políticos) e non cría nun suposto progreso sen fin, entendido como a liña imaxinaria que avanza determinada pola senda da harmoniosa mellora colectiva. O certo é que nunca se repite exactamente pero si regresan tentacións e pantasmas, para ben e para mal. Como a de silenciar voces críticas. Xa sexa mediante a censura dunha orde arbitraria, prexuizosa ou inxusta, xa sexa coa sutil e fría censura que impón a ditadura duns balances economicistas que sacrifican a pluralidade informativa ou a cesión a presións políticas.

Nos últimos meses, especialmente, non deixan de concatenarse feitos, imaxes e narrativas que rememoran tempos xa vividos, coma se de ecos da historia se tratase. Tempos que un non coñeceu mais que pola literatura, o cine ou as reportaxes e documentais, e que tampouco ten demasiado interese en coñecer mais a fondo en carne propia. Penso que é unha sensación envolvente que agroma e que vai sendo, pouco a pouco, compartida. Incluso anunciada, cos pertinentes matices ideolóxicos, dende o corazón dun sistema que se sabe tocado (Obama: “la crisis en Europa está asustando al mundo”). Os actores mudan, as problemáticas soterran as raíces en novos e complexos fenómenos, aparecen novos riscos (peak-oil, precaria sostibilidade ambiental, etc...) e oportunidades, mais prodúcense situacións evocadoras doutras que ameazan con ser causa do triunvirato configurado pola loita de sempre: igualdade, liberdade e xustiza social.

Hai quen establece paralelismos e describe a realidade dos nosos días comparándoa coa fin do Antigo Réxime feudal, ou atopa vínculos coa etapa que vai da Gran Depresión ao estalido da sanguenta peste que supuxo a Segunda Guerra Mundial. Outros ven no substrato latente e imparable de efervescencia social resonancias do cúmulo de demandas que provocaron as axitacións de finais da década dos sesenta e 70´s. Todos eles períodos de cambios e mudanzas mais ou menos abruptas xestadas en contexto de importante florecemento científico-tecnolóxico que repercutiu tamén na maneira de comunicarse, compartir información e facer xornalismo. A imprenta foi revolucionaria, como tamén o foron a radio ou a televisión. Hoxe a arma, non hai dúbida, chámase Internet.

O mundo que herdamos xa é ben diferente ao que criamos que nos correspondía. Eramos conscientes (dende o egoísmo) das penurias de terceiros mundos, mais hoxe sectores amplos de poboación corren risco certo de ser expulsados tamén dunha vida digna (A OIT e a OCDE prevén que a taxa de desemprego continuará medrando a nivel global, e mesmo podería duplicarse), e poñernos dacordo na procura de responsables vai ser moi difícil aínda que dirixentes coma Berlusconi sigan no poder e brokers coma Alessio Rastani fagan declaracións de guerra aos pobos e alenten o éxito de mobilizacións como a prevista para o 15 de Outubro (“La crisis es un sueño para los que queremos hacer dinero”, “Los políticos no gobiernan el mundo, sino Goldman Sachs”, “Me voy a la cama cada noche y sueño con otra recesión”).

A política e a economía realmente existentes semellan estar, mais ca nunca, abocadas a un colapso que debera facernos repensar as cousas e procurar outros horizontes, pero nunca empurrarnos a comezar de cero. Neste escenario, os románticos e os idealistas abrollarán coma papoulas dispostos a defender e a imaxinar o que é de xustiza, hoxe fanada por elites ás que o xogo do Monopoly se lles foi das mans. Serán tan idealistas coma os que unha década atrás estaban convencidos de que un proxecto coma o de Xornal de Galicia era viable na nosa terra, e o mimaron todo este tempo. Despois da caída e de deixarnos orfos voltarán tempos mellores, e tamén para o xornalismo e a liberdade de expresión neste país tan contraditorio e tan de seu. Grazas aos idealistas que mantiveron e manterán vivo o espírito do Xornal, e imaxinan outro mundo e unha outra Galiza.

XORNAL