É a expresión que usamos nesta terra sempre que os meniños conseguen facer dos pais un pandeiro. Cando o cativo, mediante a chantaxe emocional, logra que estos actúen do xeito previsto para obter un beneficio propio e exclusivista.
Na Galicia harmónica, cordial e global de Feijóo sucede algo así toda vez que este profesional da provocación e o engano semántico usa termos como consenso, solidariedade, liberdade ou galeguismo: ábrese a caixa dos tronos e, coma si dun resorte se tratatase, os que temos unha concepción distinta do que foi e debera ser o país caemos no erro de alporizarnos de maneira que poidera resultar a menos intelixente dende o punto de vista político. Con esto non incido na necesidade de abdicar do compromiso senón na de saber xestionalo ou, do contrario, a agulla de marear surtirá efecto e o Goberno galego conseguirá o propósito de mudar a impresión xeralizada hacia espazos de apariencia centrista, moderada e integradora. Metendo un golazo antolóxico. A maquinaria do rebumbio desinformativo, dentro e fóra, fará o resto: os demáis, un fato de sectarios. A premeditada afrenta á cultura é o cebo, pero tamén o placebo que mantén con expectativas, e cohesionados por un tempo, aos partidos da oposición.
O desasosego invádete ante o despropósito. Recordas que aquela cosmovisión centralista e tensionadora, hoxe imperante de novo grazas ao azoute económico e a conseguinte penetración do discurso reaccionario, empurraron ao exilio ao autor da Alba de Groria. Unha vez abalado e desfigurado o símbolo en forma de traducción ao nobre idioma de Castela só queda presentar aos defensores da lingua perante o conxunto da opinión pública coma uns túzaros anclados nunha sorte de resistencia cultural abocada ao fracaso que, aínda por riba, ousan patrimonializar a Castelao. Tamén hai pobos que forxan a súa identidade no acto heroico de resistir si non queda outro remedio. Pero non é o recomendable. É tan só un exemplo de provocación mais, fraguado en sede parlamentaria e en pleno Debate sobre o Estado da Autonomía, que se suma aos consabidos ensimesmamentos, decretos de reviravolta (rouceada en opinión do profesor X. Luís Barreiro Rivas) e tantos outros gardados nun desván calquera.
Haberá que ir artellando unha alternativa propositiva e crible, coa vista posta no día seguinte ó goberno da post-rebelión da Novísima Dereita (segundo o analista Manuel Martínez Barreiro), e do Partido da Auga Fría (en verbas de Manuel Rivas). Esta corrente que consegue persuadir ata o inimaxinable, e en todo o Estado, ameazando as bases mesmas da convivenza democrática e a maioría de institucións que criamos vigorosas, con percorrido e mesmo con marxe de mellora. Unha dereita que chega a considerarse non-política: “os políticos que impoñen linguas ou suben impostos namentras despilfarran (p. ex.) dun lado e nós, os políticos-non-políticos do PP, que achegan liberdade, do outro”. Como mostra de cercanía e consoancia coa sociedade (máis ben rancio populismo e dexeneración cooperativista) acollemos no noso seo, como experto asesor en materia penal, ao pai de Mari Luz. E para cando a Belén Esteban ou a Escassi en materia civil-matrimonial? Para cando Eladio Fernández impartindo seminarios de lealdade e coherencia política? Qué tal Rodríguez Miranda en ética pública? Todo isto tamén forma parte da agulla de marear, e hai tanto interese en que non deixe de xirar que acabará mareando ata aos irreductibles...
No hay comentarios:
Publicar un comentario