jueves, 24 de septiembre de 2009

Doutrina buenista



Sempre se dí que as segundas lexislaturas dos Presidentes do Goberno español veñen marcadas pola preocupación da súa proxección exterior e pola concreción das liñas mestras da súa acción a nivel internacional. Para o actual Presidente ese momento chega nunha delicada situación no plano interno pero, ó mesmo tempo, preséntalle unha inmellorable oportunidade para relanzar o seu liderado en Europa e no mundo.

Os acontecementos dos últimos tempos, principalmente o que significa a chegada de Obama á Casa Blanca, reforzan a idea de que Zapatero, cando menos en materia de relacións internacionais e non sin contestación, foi un adiantado ó seu tempo e defendeu antes, como agora, a aposta por unha gobernanza global equilibrada e responsable, multilateral e máis xusta, orientada á resolución colectiva dos conflitos. Defendeu, e defende, a preponderancia da ONU como principal garante do mantemento da paz e da seguridade e o establecemento, na prioridade da axenda, dos asuntos vinculados ó medio ambiente nunha visión integral que ten como fin esencial reducir as desigualdades e construír, no século XXI, o que no século pasado parecía unha quimera.

A etapa de Bush fora a antítese manifesta de todos e cada un destes principios, representando unha triste dexeneración das ambicións imperiais, e do propio poder. George Bush foi un negacionista militante do cambio climático, un axente activo na deslexitimación do diálogo en favor da guerra preventiva e, a chegada de Obama e as súas apostas, abren o camiño a un compromiso corresponsable, centrado e inspirado na defensa dos dereitos humanos e nos valores da Carta das Nacións Unidas.

Na súa primeira intervención diante da Asamblea Xeral da ONU o presidente estadounidense enterrou definitivamente as teses do seu predecesor, pero son tan solo os feitos, e as decisións concretas, a vara fiable pola que medir no sucesivo os resultados do que sostivo en Nova York. Non é mal síntoma que, ante o sucedido en Honduras, se optara pola vía da legalidade e o non-recoñecemento das autoridades golpistas. Tampouco o é que se poña como horizonte o cumio de Copenhague. Puideran ser por fin os días nos que se comecen a adoptar compromisos serios en materia de emisións de gases de efecto invernadoiro.

O que moitos calificaban de buenismo é hoxe doutrina internacional. O que pasa é que hoxe todos se apuntan a este carro cando, no pasado, só os valentes o fixeron.

No hay comentarios: