miércoles, 24 de noviembre de 2010

Decrecemento ou Lugano

Ao pouco de estalar a nai de tódalas crises no corazón do sistema alá polo 2008 tiven a honra de asistir a unha conferencia na USC que, por aquel intre, semellaba esaxerada nos términos que se produxo pero que resultou ser pouco menos que premonitoria. Era a filósofa e analista Susan George a que alertaba de que o que se achegaba agochaba unha magnitude moito maior da que comunicaban e transcendía. Asentaba as raíces na perversión dun sistema autodestructivo e negador da posibilidade de realización digna da condición humana, e situábanos ás portas dunha fase histórica convulsa e traumática a nivel global. A lóxica seguida, de non recibir contestación, conlevaría sí ou sí consecuencias impredecibles.

Atopabamonos ante un cóctel explosivo que unicamente podería superarse se os gobernos mundiais afrontaban drásticas e rápidas medidas ou, do contrario, encamiñariamonos cara un futuro pouco alentador: a crise financieira incipiente, a azoutadora de consciencias e crecente crise da fame no Sur (engordada polo secular e camaleónico expolio dende ese Norte que volve coñecer a fame) e a crise da sostibilidade ambiental e do esgotamento dos recursos. Todo baixo o paraugas dunha sorte de novo Prometeo representado, entre outros flaxelos intocables do credo ultraliberal, nos “mercados”. Crises que se retroalimentaban e que ameazaban con desestabilizar rexións e sociedades enteiras poñendo en perigo e desprestixiando a viabilidade das democracias occidentais tal e como as coñeciamos, hoxe convertidas en casinos para uns poucos. Saín dalí cunha sensación equiparable á que un experimenta cando olla filmes como Armaggedon, Deep Impact ou “cousas” dese estilo: non prestas maior importancia e reposte facilmente porque o susto dura o que dura o entretemento. Catastrofismo típico dun cambio de século, pensei.

Neste mundo que rescata a Irlanda ou a Grecia, pero non a Haití ou a Botsuana, merece a pena seguir de preto a tese e consellos do profesor de Ciencia Política da UAM, Carlos Taibo (situado en coordenadas ideolóxicas próximas ás de autores altermundialización e ecosocialistas significativos como Michael Löwy, por exemplo) cando fala da necesidade de amoldar as mentalidades e facer fronte á ofensiva dun sistema desbocado dende posicionamentos críticos e abertos ante o horizonte que se presenta. Sostén a idea de que, tradicionalmente, asociamos crecemento económico con algo saudable e desexable: prosperidade, felicidade, cohesión social, servizos públicos garantidos e tasas de desemprego razonables considéranse consubstanciais, como verdade inmutable, a ese concepto cegador.

Para el é hora de desbotar as supersticións e pasar a romper cos dogmas do discurso dominante incorporando praxe e literatura que propoña alternativas “emancipadoras”. Faise apremiante reducilos depredadores niveis de producción e do hiperconsumismo exclavista ao que aludía (en términos similares) Zygmunt Bauman, entre outros, para redirixir os esforzos cara a atención das necesidades sociais insatisfeitas e do respecto polo medio natural, favorecendo o reparto do traballo (englóbao todo no decrecemento).

Ante a desocialización precarizante que asoma por aquí, producto de 20 anos de economías sobredimensionadas e hoxe en risco de colapso (especialmente alí onde os anglosaxóns denominan de xeito despectivo PIGS), e o proceso de despece do estado de benestar trócase apremiante articular o rearme ideolóxico do movemento obreiro apoiándose na tarefa dos cidadáns do común e dos movementos sociais para resistir a ofensiva. Pode parecer arriscado e utópico despois da actitude acomodada da socialdemocracia europea nas últimas décadas, pero se non comeza a afrontar sen complexos a súa propia condición dialogando coa base social natural e potencial convertiráse en cooperadora necesaria do discurso superador das ideoloxías que defende o oligárquico poder real, o cal podería caer na tentación de recuperar o que Taibo califica como “darwinismo social militarizado”; aquel que, dende a sinrazón malthusiana, asegura falla absoluta de liberdades e de progreso para as maiorías. É decir: a volta ao fascismo, mais ou menos edulcorado. E pensar que o Informe Lugano parecía un bo guión de cine!

No hay comentarios: