jueves, 18 de noviembre de 2010

Galeusca española


Bautizaba sutilmente o xornal monárquico e conservador madrileño ABC, xunto con La Vanguardia o mais lonxevo e un dos mais influíntes do século XX, o encontro mantido recentemente en Barcelona polos líderes do Partido Popular de Galicia, Euskadi e Catalunya. E sentou cátedra para comentaristas políticos de toda roupaxe e condición. Foi como abanear un tótem. Automaticamente comezaron a verter ríos de tinta e océanos de megabytes. O simbolismo do acto e a escenificación dunha comuñón que recupera a épica do mito da reconquista, dende o punto de vista do efecto mediático, tivo certo éxito. “Pacto do Tinell” á inversa: rédito asegurado fóra de Catalunya, ainda que non reparasen en que supón un recoñecemento implícito da especificidade.

Como diría Roberto Vilar, ex-Tonecho e presentador de Land Rober na TVG: “o cabalo traballa, a cabeza non para”. Pois a fábrica de pensamento FAES traballa, e as súas cabezas non paran. Nunca descansan no obxectivo do engano semántico e da usurpación dos conceptos para vacialos de contido.

Abstraerse dos “debates nacionais” en España é como facelo a respecto das deidades de Fidel Castro ou do Che en Cuba. Unha herexía. Unha tolemia propia dalguén pouco menos que idiota. É certo que este tipo de tensións se producen no mundo enteiro, e intúese utópico que rematen algún día as liortas identitarias e as disputas territoriais, pero aquí convertéronse nunha patoloxía que lastra o debate político (e mesmo a eficacia da xestión colectiva dos recursos e dos esforzos) ata límites insospeitados. Mais ainda cando se aproximan eleccións. Debémosllo todo á errática e convulsa traxectoria dun antigo Imperio incapaz de se adaptar ás circunstancias históricas e solventar ou, cando menos, sobrelevar dende un nivel menor de enfrontamento e sobresalto, e fóra de solucións coxunturais, as súas contradiccións e diferencias mediante o acordo permanente na procura da integración do disenso. Se a Constitución de 1978 pretendía pechar esto dunha vez e para sempre está claro que fracasou (o resultado das vindeiras eleccións catalanas abrirá un novo ciclo nesta materia). Non hai mais que ver o pouco pedagóxica que foi para algúns, mesmo para os que naceron politicamente baixo a súa vixencia plena e deberan manter, cando menos, as formas. Non asumen a plurinacionalidade, e nalgunhas partes do crebacabezas hai cada vez mais poboación disposta a non esperar mais. E con mais sólidas estruturas para facelo posible e efectivo.

Referíame antes directamente á xeración de políticos desmemoriados e desacomplexados, post-transición, que representan Alicia S. Camacho e Feijóo, metidos no papel de vedettes, e Basagoiti (alguén con maior cintura politica que os anteriores). Baixo o mantra de ollar ao futuro, do “sentido común”, e da “liberdade” propoñen unha recentralización soterrada (nas mentes e na práctica) que puidera custarlle cara á sacrosanta indivisibilidade e unidade patria. Consideran a descentralización como cerne de tódolos males e disfuncións, cando achegou as maiores cotas de progreso e benestar para os cidadáns, e como fonte dun recurte de liberdades en nome da normalización e a recuperación das linguas minorizadas por mor de “acordos ilexítimos” entre os dous grandes diaños: o nacionalismo e PSOE. O pacto que dende 1923 mantiveron catalanistas, galeguistas e o nacionalismo vasco para resisitir ao antidemocrático nacionalismo de estado, e que logo cristalizou en reivindicacións de naturaleza política, fora tamén chamado a Triple Alianza. Hoxe, ao abeiro de ABC, El Mundo ou Federico Jiménez Losantos outra triple alianza xermina: nostálxicos do réxime franquista, conservadores e os autoproclamados liberais. E baixo o paraugas de marcas tan estimulantes como Galicia Bilingüe, Manifiesto por la Lengua Común, Rebelión Cívica ou Peones Negros quixeran retrotraernos á etapa pre-constitucional. Nisto consiste a Galeusca española.


No hay comentarios: