jueves, 4 de noviembre de 2010

Barack Obama: 2012


Ao peche destas liñas botou a andar o reconto na Costa Leste dos EUA. O lector sabe de antemán que o minucioso sistema político estadounidense susténtase nun engranaxe complexo e difícil de comprender cos nosos lentes. Para o constante proceso político ten reservado un papel moderador alleo á nosa realidade e hai que ter presente que leva perfeccionándose no aspecto xurídico mais de dous séculos. Falamos da república democrática e capitalista mais influínte, dende o punto de vista ideolóxico e de modelo socioeconómico, do panorama occidental. O berce dun imperio que non madura ben e que semella atragoarse nos comezos de século. Este tipo de votacións, que se celebran sempre a metade do mandato presidencial, midterm elections, elixen aos cen Senadores para os vindeiros seis anos, aos catrocentos trinta e cinco Representantes da cámara baixa para os dous anos seguintes e aos Gobernadores da maioría dos territorios autónomos. Ademáis de votacións plebiscitarias sobor de leis concretas e membros do aparello xudicial.

Referímonos a uns comicios dunha gran transcendencia para o desenvolvemento da vida pública e dos segredos da actividade lexislativa daquela nación, que repercutirán indefectiblemente na vida de millóns de seres humanos do planeta: dende México ou Cuba ata Irán ou as Coreas, e mesmo Europa. Pero pódese asegurar que o influxo da superpotencia, ata o dagora incuestionada, é menor xa que as relacións xeopolíticas, os hábitos sociais e as estruturas mentais mudan mais rápido do que temos en conta a cotío, nunha liorta perenne entre a homoxeneización global e a resistencia. En ocasións para retornar a camiños mallados e noutras advertindo sinais que fai un tempo identificariamos propios de calquera escena dunha superproducción hollywoodiense e, nalgunhas latitudes, unha utopía. Que pregunten senón aos curmáns brasileiros.

Non hai nada seguro en canto aos resultados pero todo indica que os sistemas de investigación social e de sondaxe non se trabucarán substancialmente e o previsible, pero relativo, sismo conservador reequilibrará as balanzas do xogo de poder despois da espectacular e masiva participación que deu a victoria ao Partido Demócrata de Obama: espérase o Senado para os burros e a Cámara de Representantes para os elefantes. O que suporá un contratempo na axenda e no camiño sinalado pola Administración, traducido nun anunciado bloqueo onde a marxe de maniobra e de erro será mais estreito do habitual. Sobre o papel, o sistema diseñouse para desconfíar da concentración do poder en poucas mans (aínda que a crise mostrou que o poder real se concentra nun número delas ínfimo) e, tradicionalmente, a vontade dos cidadáns corrixe o rumbo consagrado dous anos antes. O dun navío tan enorme que o fai case inmune a cambios drásticos ou revolucionarios, alén das operacións de maquillaxe convenientemente explotadas para consumo da cultura popular. Será curioso: un dos presidentes mais progresistas terá que lidiar con un dos Congresos mais conservadores da Historia.

Contábase que as espectativas de cambio xeradas na campaña que elevou a Obama aos altares da Casa Blanca se frustrasen pola vía dos feitos pero o horizonte que depara esta elección puidera non resultar tan dramático para o proxecto político que ergueu e personifica. Sendo certo que lle esperan dous difíciles anos centraráse agora en proxectos onde non teña as mans atadas e logo presentaráse ante o electorado como un facilitador daqueles consensos (sempre que a estancada economía e a axenda internacional axuden) boicoteados por un Partido Republicano radicalizado e botado en brazos de Sarah Palin (habería que matizalo), quen non sería rival nunhas presidenciais. Resucitaría unha maquinaria mobilizadora que, desta volta, reactivou tarde e cando as teses dos sectores mais ultras xa callaran, alimentadas pola crise.


Para acompañar: Yes we can

No hay comentarios: