viernes, 10 de julio de 2009

Nas catacumbas


Os cidadáns coñecen de primeira man que o nacionalismo político organizado galego atópase mergullado nun perigoso e pode que crucial proceso, aínda que a cotidianidade nos faga ver que as augas corren calmas neste mundo. Meses despois da experiencia no goberno entra, de cheo, en serio risco de auscultarse obsesivamente pero sobre todo, e canto antes, ten a necesidade de mirar de fronte, e sen prexuízos nin dogmas, aos galegos se non quere verse arrasado polo tsunami do permanente cambio social.

A imaxe que proxectou durante a fase que desembocou na elección dun renovado Consello Nacional e dun novo, transitorio e gris liderado non puido resultar máis infructuosa para os intereses do BNG e, independientemente do pobre resultado colleitado nas eleccións ao Parlamento Europeo son varias, e autorizadas, as voces internas que veñen reclamando un xiro revolucionario na fronte ou, do contrario, intúese unha progresiva perda de apoios, alertando, á vez, do definitivo que sería profundizar na autodestructiva espiral de división e enfrontamento, a cal o condenaría a unha sorte de catacumbas sociais e, e en franca decadencia parlamentaria.

Para ser crible e suxerente para espazos amplos, e posicionarse no mercado electoral con garantías de regresar ao poder e mudar a realidade debería resolver, canto antes, dous problemas: neste preciso instante está, de facto, partido en dúas metades e confrontando dúas formas opostas de entender o presente e o futuro da organización e, o que é máis grave: dous proxectos antagónicos de entender e promover un modelo de sociedade e dúas culturas políticas opostas. Son dúas cosmovisións, aínda que o efecto sedante dunha UPG fría e implacable o queira camuflar dunha abafante ofensiva españolista ou bipartidista incorrendo no non sempre, e en todo lugar, eficaz vitimismo. A sociedade galega non é xa a de 1969, nin a de 1975, nin a de 1982.

O outro gran problema é tamén de fondo calado: segundo unha das últimas enquisas do CIS un 23% das galegas e dos galegos defínese nacionalista e o BNG, nas eleccións do 1 de Marzo, conseguiu tan só convencer ó 16%. Nas europeas un 10%. A última cifra indica que existe máis nacionalismo alén da organización pretendidamente aglutinadora da realidade social e que só é capaz de fidelizar menos da metade cando a deriva vai na liña dun maior soberanismo e aillamento ideolóxico. Esto deberáse resolver dunha forma máis ou menos traumática nos videiros tempos, pero namentras non se aborde con amplitude de miras, e de maneira aberta, será moi complicado que se abra unha mínima posibilidade para construír unha alternativa ó Goberno de Núñez Feijóo. Ten que clarificarse. Coa ruptura da fronte e a aparición de varias opcións, se é preciso. Faríalle un mellor servizo ao nacionalismo, á esquerda e a Galiza.

3 comentarios:

Xabier Pérez Igrexas dijo...

Para unha forza cuxa moderación, cando non ausencia, ideolóxica se presenta socialmente como síntoma de modernidade, apertura, cosmopolitismo e carácter maioritario, xa temos a franquicia PSOE (definir ao PSOE de organización política sería de risa, vendo cousas como as Gondomar).

Porén, agradezoche sinceiramente que apuntes con tanta precisión contra da UPG, contra do resultado da última asemblea nacional do BNG, e contra do proxecto resultante desta. Deixas claro, apuntando, que o para ti problema, e o para min acerto, está en que o BNG decidiu que o camiño para o seu proxecto de emancipación social e nacional, non pasa por ser unha versión con máis acento galego do proxecto socialdemocrata-keynesiano-3ª via do PSOE-ZP, nin das súas franquicias territoriais (PSdG), senón por asentar o seu programa nos principios ideolóxicos que sustentan o BNG: nacionalismo e esquerda.

Eu preferiría ter lido algo a respecto de como o "socialista" Delfín Fernández, subdelegado do goberno en Pontevedra, ordenaba as cargas contra os traballadores do metal, ou como presumía recentemente das ducias de multas que lle ían caer, claro por cometer o grave delito de manifestarse.

A profisión de benegologo (dícese do pseudo-experto/neogurú que determina como debe de ser o BNG, iso sí situandose ideoloxicamente fora do seu proxecto político) xa está moi pillada. Só hai que ler a Antón Losada, por citar un exemplo que te sexa próximo.

Apertas.

Millán Fernández dijo...

Grazas polo teu comentario Xabier, aínda que esteamos lonxamos no ideolóxico gústamme conversar contigo. Quero ser breve:

Cargas policiais: estou contigo

Eu gurú?: que máis quixera!!Só opino, como pode facelo calquer outro cidadán: en liberdade. É o bon que ten este invento da supercapitalista Democracia pseudo-facciosa e imperialista. Quizáis a Kim Jon-il non o poidan criticar pero aquí na Galiza, ou en Galicia, por sorte, aínda podemos expresarnos libremente.

Considero que a UPG, como formación política inserida na realidade social que é, é susceptible de crítica coma calquer outra. Se pensamos que somos unha sorte de intocables, elexidos, ou o exército nacional popular da Galiza liberada é outra cousa... Cando me refiro á UPG estoume a referir ós dirixentes (nomenklatura endogámica)que levan máis de 30 anos enganando ó personal con retórica barata, e pasada de moda unhas cantas décadas....absolutamente lexítima e respetable, eso sí. Non vale de moito estar diariamente criticando ós españolistas rancios (eu serei un deles tamén, un colonizado...)e non asumir que un compatriota teu te poida criticar.

Porque cal é a nación, ou o pobo?os militantes da UPG ou a totalidade dos cidadáns galegos?

O PP, o PSdeG ou a Asociación de Veciños de Meixonfrío deben aceptar a crítica tamén. Interna e externa. De militantes e de cidadáns, de gurús, de periodistas, de nenos, de maiores e ata dun canadiense que pase aquí 15 días, se quere opinar.

Non aspiro a influír nin dirixir absolutamente nada na UPG, nin no BNG. Só intento analizar o mellor que podo dende a perspectiva politolóxica (tamén baseándome no que foi a historia da UPG...)o que penso que é unha deriva hacia ningures.

O PSdeG debe facer tamén moitísimos deberes para ser crible novamente, etc...Como saberás non creo nunha franquicia do PSOE en Galicia senón en algo semellante ó que é o PSC en Catalunya (como exemplo), pero a viraxe de máis esquerda e máis nacionalismo no BNG só serve para que esa nomenklatura se perpetúe ata a xubilación.

O que eu digo considero que non é cousa de benególogos, nin de Antón Losada. Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras e outros opinan algo moi semellante...e non hai máis que escoitar na rúa o que moitos nacionalistas din, e xa sabes tamén que cando digo nacionalista non me refiro exclusivamente a militante do BNG...

Por certo, eu non "apunto" contra ninguén.

Unha aperta socialista e galeguista.

Anónimo dijo...

Eu creo que saen ganando moitos desta asemblea: UPG, PP, PSOE... Parabéns a todos. Xabier, a ti tamén que supoño que estás contento.
Ó BNG hai que recoñecerlle o caracter democrático, sen parangón nos seus rivais. A mágoa e que van utilizar o reforzados que saen para gobernarse a si mesmos. A ninguén máis.
Eu, pola miña banda quedo horfo de simpatías políticas.

Pois eso parabéns os rivais do bloque e á UPG