viernes, 31 de julio de 2009

ETA franquista



Si algo quedou claro co último e posiblemente, derradeiro proceso negociador coa organización ETA é que a fin das mortes e demáis desgracias inflinxidas, de xeito frío e arbitrario, co uso da violencia só pode vir da man do atrevemento a ser conscentes de vivir non nunha superflua irrealidade construída e paralela, senón da reflexión e o autoconvencemento de que a sangrenta estratexia iniciada fai medio século é completamente inútil e perxudicial para os intereses desa minoría fanatizada e sumerxida nunha cosmovisión tan anacrónica como anti e contrasocial. Cando un 15% dos xóvenes vascos, de entre 16 e 30 anos, cren xustificado e eficaz o terrorismo e non consideran que aí onde comeza este, por definición, remata a política sucede algo moi pouco alentador: e é que ETA ten garantido un constante, aínda que decrecente en termos cuantitativos, relevo xeracional.

Namentras o conxunto do movemento social que respalda todo isto non interiorice a necesidade colectiva de revisar tanto os plantexamentos ideolóxicos (onde se lexitima a “violencia revolucionaria”) como a ausencia de esquemas éticos que os sitúan non só á marxe da sociedade deste tempo, senón da propia humanidade, seguiremos na dinámica das condenas, as balas, o cárce, os funerais e a distorsión do sistema democrático. Non se pode discutir de política con quen se sitúa á marxe dela, así como tampouco é probable saír deste bucle mediante a exclusividade da vía policial. Poderáse reducir ata un mínimo, aínda máis marxinal, o número de efectivos dispostos a asasinar por nada pero seguirá sendo este un constante pesadelo que non deixa de tensionar e alimentar as máis baixas paixóns.

Cincuenta anos despois da súa fundación tan só foron quen de acabar directamente coa vida de 823 persoas. Non moveron, nin un ápice, o discurrir normalizado dunha sociedade que cada vez os ignora e detesta máis. O pecado orixinal reside en considerarse a sí mesmos iniciadores dun proceso que xa de por sí era irreversible, e que foi o desmantelamento do ditatorial réxime franquista. Aí mesmo convertéronse en seres tan crueis, despiadados e endiosados coma o propio Franco. Esa foi a súa "etapa de gloria", da que semellan ser uns nostálxicos devotos. Seguirá pasando o tempo e a Historia terálles reservado un privilexiado lugar ó lado dos máis abxectos e oscuros, dos máis indignos e malignos. Convertidos na súa propia caricatura loitando por liberarse dos seus propios medos.

1 comentario:

Iago dijo...

Cada vez teñen menos apoios e cada vez precisan facerse oir máis... supoño que o seu final será como o de todas as dictaduras dando os últimos coletazos ainda máis duros. Pareceme totalmente acertada a túa definición de nostálxicos do franquismo.