Dí o profesor de Filosofía da Universidade de Zaragoza, Daniel Innerarity, que o vicio da esquerda española é a melancolía, namentras que o da dereita é o cinismo. Sostén que por norma, a esquerda espera moito máis da política e a dereita se contenta con que esta se limite a respetalas regras do xogo. É práctica e procedimental, pero actualmente incluso máis voluble e permeable ás novas influenzas. Menos dogmática. Hoxe, especialmente en Europa, é capaz de conectar mellor coa cidadanía porque foi quen de incorporar valores tradicionais do espazo da esquerda sociolóxica. Sarkozy representa a novidade habilmente. En definitiva, son dúas culturas políticas ben diferenciadas, pero a dereita vai gañando terreo nos campos dos marcos interpretativos e do discurso: a batalla dialéctica.
Exemplo disto, aínda que cos matices propios do cleavage identitario, vímolo en Galicia o pasado domingo co gallo da entrega das Medallas Castelao. Feijóo pronunciou un discurso intelixente e desconcertante por brilante, inserido na tradición galeguista e incorporando, como xa perfilara anteriormente, referenzas a Obama ou a Gandhi pero tamén a Luther King ou ó nacionalista sudafricano Nelson Mandela. Non escatimou en loubanzas ós compatriotas Castelao, García-Sabell, Pedrayo..., cunha solemnidade escenográfica estudiada, no Panteón dos Galegos Ilustres, e cunha fonda mensaxe de inspiración piñeirista.
O que alí dixo subscribiríao, cen por cen, calquer cidadán proclive a esta sensibilidade de non ser porque a retórica non ven respaldada por feitos que a sustenten. Non resulta crible, nin intelectualmente honrado, falar de tolerancia e de galeguismo cordial, cosmopolita e integrador (eso mesmo foi sempre a tradición galeguista) cando rachas o consenso sobor da lingua propia dos galegos e tratas de provocar unha fenda social. Moitos alertaron, no seu día, da posibilidade de que o poder autonómico instituído se vise tentado de instrumentalizar figuras tan comprometidas e relevantes co fin de devaluar a carga política que levan aparellada. Podemos pensar que así está sendo.
É a mesma actitude que a do lobo (non necesariamente o lobo estepario de Hesse, do que gusta o Presidente) cando viste a pel do cordeiro, aínda que seguramente a pedagoxía sexa positiva para seducir ós reticentes, pois foi polo que morreron, foron exiliados e sufriron cárcere quenes forman parte inescindible do imaxinario colectivo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario