viernes, 12 de junio de 2009

Fantasmas na Unión


Fai unhas semanas afirmei nestas liñas que sería factible unha maioría de centro-esquerda no Parlamento Europeo. Á vista está o lonxe que adoitan atoparse os desexos da realidade. Non era pois, unha previsión científica, nin estaba baseada no estudio exhaustivo de enquisas fiables e de evolución do voto neste tipo de convocatorias. A sentencia respondía ó convencimento de que a derrota ideolóxica do modelo de neoliberalismo duro, e a aplicación de políticas que facilitaron e expandiron esta grave crise global non quedaría sen unha resposta contundente da cidadanía, máis aínda comprobando como se desenvolven na outra beira do Atlántico e como alí sí parece que decisións progresistas vánse consolidando logo de décadas de depredación. Ben é certo que non toda a dereita europea actúa na mesma dirección e de feito, acreditados gobernos europeístas desta cor tomaron medidas que, en principo, non responden á clásica categorización liberal. É evidente que todos sufriron un certo castigo, pero uns máis ca outros.

A día de hoxe están feitos todo tipo de análises pero o elemento máis reseñable e preocupante é o auxe de forzas radicais e xenófobas de ultradereita. Incluso no Reino Unido, símbolo universal e incontestable de loita antifascista. Non deixa de ser sorprendente, e perigoso, que o nativismo islamofóbico emerxa significativamente en lugares coma Holanda, e que o neofascismo e o nacional-populismo entraran na eurocámara reforzados. Foi como a sacudida que nos desperta dun letargo pois veñen para recordar, coa súa fantasmal presenza, que a Democracia é un prezado ben do que non deberiamos desprendernos xa que as posturas que defenden levaron ás matanzas e crímenes máis abxectos da historia da humanidade.

Resulta desalentador que a abstención supere á participación e ó compromiso democrático. Eso indica que unha maioría, por omisión, constitúe o caldo de cultivo axeitado, e permite que siga enraizando a mensaxe destas formacións que aproveitaron históricamente as etapas de depresión para asentarse. A Unión ten demostrado que pode saír de momentos difíciles de estancamento, pero o reto que lle presenta o euroescepticismo é de grandes proporcións.

No hay comentarios: