Ramón Piñeiro pertence, por dereito propio, á longa lista de personalidades que máis e mellor representaron e souberon interpretar o particular espírito e anceios dunha terra comprometida cos ideais da paz, a liberdade, a igualdade e a fraternidade. El, coma outras e outros noutros tempos, viviu en carne propia a inxustiza e a incomprensión. Sufriu cadea e loitou, dende dentro, por dignificala memoria e a lingua dos galegos e das galegas, e por facer do noso un espazo democrático e normalizado de convivenza e de progreso.
Á súa inesgotable laboura debémoslle moito do que Galicia é hoxe como país. Un país plural e aberto ó mundo. Un país onde a súa xente posúe clara conciencia de pertenza a unha identidade distinta, pero que maioritariamente renega do conflito identitario. Onde os seus cidadáns aman e protexen a súa lingua a partes iguais, e onde hai que continuar pulando pola súa dignificación e respeto.
Ó carón da famosa mesa de braseiro atopáronse moitos mozos e mozas concienciados, na procura da comunicación, do debate e do pensamento crítico proscrito na época, ós que escoitaba e ós que inculcaba, sen adoutrinamento de ningún tipo, a paixón pola cultura dun pobo esmagado pola aterradora escuridade da longa noite de pedra.
Para as XSG Ramón Piñeiro soubo captar e condensar intelixentemente a sensibilidade e valores dos galegos, e é por eso que facemos nósas as súas verbas: “somos galegos de nación, españois por historia e europeos de cultura”.
O 17 de Maio XSG recordará, de maneira convencida, a figura deste home inesquecible pero tamén o fará tódolos días, e anima á xuventude galega e ós demáis cidadáns a facelo mesmo para que xuntos construamos unha Galicia semellante á que Ramón Piñeiro tiña en mente. Só así honraremos sinceramente a memoria dun grande do noso país. Un grande do que XSG se sinte orgulloso, pois considerámonos humildes continuadores da súa tarefa pola dignificacións dos nosos rasgos diferenciais, pero integradores.
Xuventudes Socialistas de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario