jueves, 2 de abril de 2009

Cumio esperado


A semana do repentino falecemento de Raúl Alfonsín estaba marcada, dende o cumio de Washington, polos gobernos das maiores potencias mundiais no calendario fixado para a folla de ruta a seguir co inaplazable obxectivo de intentar superala crise e relanzala enferma economía global.

A cita foi Londres, e a magnitude da problemática á que se fai obrigatorio facer fronte é dunha transcendencia singular tendo en conta a situación, nunca vista nos últimos decenios. Supón a posta de largo no plano internacional do esperado Obama e para algúns, córrese o risco de que aconteza como puidera suceder coa súa propia figura: que as altísimas expectativas acumuladas se poidan frustrar e non se chegue a acordos concretos e funcionais, que refloten o desenvolvemento natural e normalizado do sistema.

Economistas e analistas do mundo enteiro manteñen os ollos atentamente suxeitos no que vaia acontecer a partir destas datas xa que hai quen afirma que, así como Alfonsín foi peza esencial para dar carpetazo á ditadura militar arxentina e facela transición, evitando así novos golpes de estado naquel país, os reunidos en Londres teñen ante sí o reto de establecelas medidas adecuadas para asentalas bases dun futuro que non permita outro golpe de man do capitalismo sen freno. Pode supoñela transición dun modelo depredador a outro máis racional, que teña en conta a puxanza e importancia das economías emerxentes do segundo mundo e o seu peso na estabilidade económica e xeopolítica para os próximos anos, entre outras cousas.

A axenda é apretadísima para os líderes, e nela vese como se están a recompoñer e reposicionar alianzas, e como se consolidan eixos que marcarán o xogo de poder no seo dos organismos internacionais. O papel de España, que a priori puidera parecer secundario, adquire relevancia posto que está sendo conciliador, mediador e actúa de ponte entre posturas que defenden arraigadas tradicións (non só xurídicas ou filosóficas) e modalidades de entendela realidade socioeconómica. Aproveitar ou non a oportunidade marcará o rumbo do papel que España poida desempeñar nos procesos de toma de decisións.

No hay comentarios: