miércoles, 25 de marzo de 2009

Maioría natural

George Lakoff é un lingüista e analista político norteamericano, do máis relevante e influínte do panorama global. O seu obxectivo primordial é desmontalos artificios demagóxicos da dereita, ofrecendo ideas coa fin de articular un discurso efectivo para a esquerda moderna, con tantas dificultades para chegar ós cidadáns. No seu último traballo de renome internacional Puntos de reflexión recolle doce grandes propostas co ánimo de que a esquerda triunfe nas batallas electorais, traducidas en trampas nas que non debera caer.

Tamén incorpora categorías novidosas para identificar preferencias ideolóxicas no seo do electorado, como conservadores parciais ou progresistas parciais (ademáis de indecisos) partindo da valoración de que non existe o centro ideolóxico (é un mito), e de que a moderación non debera confundirse co que identifica como biconceptualismo. Segundo esta aportación, moitos somos biconceptuais (pero non de centro) pois podemos vivir conforme a valores progresistas e ter unha visión conservadora do mundo, ou viceversa.

Toda esta teorización, tan resumida aquí, sérvelle para extraer a moralexa de que o grande capital a explotar por parte da esquerda é conseguir manterse fiel ós seus valores de maneira valente, auténtica e honesta, por moitas doses de pragmatismo que se poidan incorporar. Salvando as diferencias entre a política norteamericana e a galega, e constatando as peculiaridades innegables desta última, pódese entender que unha das leccións recibidas co resultado do 1-M foi que a esquerda galega non foi quen de zafarse das trampas nas que a dereita renovada de Feijoo a forzou a tropezar. Tampouco soubo trasladala súa propia mensaxe (confundindo ó electorado e confundíndose a sí mesma) deixando á marxe diferencias de matiz enriquecedoras, pero case nunca insalvables.

O reto para o futuro, e o que debera facer ser optimista á oposición parlamentaria, é a posibilidade de chegar por fin a un acordo de convivencia e entendemento mutuo, xunto cunha decidida posta en común de valores e mínimos compartidos para así, construír unha alternativa crible e fiable para aqueles galegos que, aínda sendo biconceptuais de nacemento, non son conservadores e que, diga Fraga o que diga, non son a maioría natural do país.

No hay comentarios: