Vaian atizando porque xa dispoñemos de probas concluíntes para considerar a Obama dentro da inacabada nómina de herexes con endiañada vontade destructora. Atopámonos na hora do Anticristo. Gañouse por méritos propios ser posible candidato, ou mesmo sucesor, a representar unha versión mellorada da pérfida inmoralidade dun tal Zapatero. Barack, estás condenado.
Entre sectores fanatizados da sociedade americana empeza a cundilo pánico e algúns recóllense xa que, dous meses despois da toma de posesión, e sen tempo a que lle tremera o pulso, as promesas de cambio son agora decisións que están en marcha. Eso doe. Alí, periodistas do International Herald Tribune realizáronlle a primeira entrevista a bordo do Air Force One. Unha das preguntas, sen acritude e moi benintencionada, foi: “É vostede socialista?”, ó que o Presidente, incrédulo, respondeu: “eu diría que non”. Dende o Vaticano tamén se albiscan sinais de impaciencia inquisitorial pois resístense a aceptar convivir cun “Zapatero global” que apoia e financia, con diñeiro público, a investigación científica que teña como fin a posibilidade de curar enfermidades terminais para o común dos mortais. Estaría levantando así o veto imposto por oito anos de réxime evanxelista, promotor de creacionismo medievalizante e escura involución. Intolerable.
Antes propúxose levar a cabo a paulatina retirada das tropas de cruzados que tan boa labor fixeron no corazón da Mesopotamia salvaxe e eso é tamén unha afrenta, e unha traizón, ós principios da mensaxe do Deus único e verdadeiro. Outro expoñente máis do relativismo e da pobreza moral, tamén membro destacado da masonería internacional. Outro perigo para a pureza espiritual dun Occidente en franca e desasosegante decadencia. Sólo lle resta legalizalas unións de parellas dun mesmo sexo para desvirtuar a eterna e inamovible institución familiar, derrubando definitivamente os cimentos da impoluta nación dos pioneiros, das ánimas elexidas que fuxiron dunha Europa irrecuperable para erguer o paraíso na Terra. Ambos, Zapatero e Obama, son producto da dexeneración á que as masas chegan cando non lles deixan aferrarse ó único que conquire a súa salvación.
En definitiva: sin querelo, o apocalíptico Vaticano bótalle unha man ó Presidente do Goberno, no seu momento máis baixo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario