
Non, non estou a falar da ministra de Fomento nin de compañías aéreas. Afonda na noite dos tempos o intento de xunguir Portugal e España baixo unha mesma estrutura política. Dende o século XVI houbo quen soñou que estos veciños “irmáns” e ó tempo, perfectos descoñecidos, profundizasen na súa unión. Nun primeiro momento responde a ambicións imperiais da Coroa española (que goberna os dous territorios durante algún tempo) e foi no século XVII cando se separan definitivamente. De seguido, as alianzas internacionais de uns e outros (con franceses e ingleses) divórciaos por completo. Houbo algún intento posterior, e mesmo acordos de colaboración, pero os portugueses sempre recelaron de ser “absorbidos” e de que a súa identidade se diluíse, coma estaba sucedendo noutros lugares da España daquel intre.
A idea de construir Iberia rexurde con tímida forza a comezos do século XX: Joan Maragall, Cambó, Prat de la Riba, Castelao e algún máis defenden a unidade basada no respeto á diversidade cultural e personalidade política de tódolos pobos que a conforman, pero nun contexto que logo desaparece debido ó meteórico ascenso en Europa do fenómeno nacionalista.
Foi no ano 2006 cando sae publicado un estudo sociolóxico sobre este tema: o 45% dos españois defendía a integración, por un 30% de cidadáns portugueses. Era un dato a ter en conta.
A pasada semana os primeiros ministros de España e Portugal acordaron celebrar, no sucesivo, periódicos consellos de ministros conxuntos para visualizar un maior acercamento e tratar asuntos comúns, a imaxe e semellanza do que ocorre en Escandinavia con Noruega e Suecia, ou noutras rexións. Isto presenta oportunidades para os dous Estados tamén no xogo da política internacional, da Unión Europea e do mundo globalizado. Adianta a futurible xeopolítica da ibericidade. Integrar na diferencia é unha das máximas do proxecto de construcción europea, dende unha visión máis política ca económica, e máis federalista ca intergubernamentalista. Unha oportunidade para facer valer as potencialidades dun espazo xeográfico con tanto capital de influenza e posibilidades de exercelo soft power, e tan ben situado estratéxicamente nun mundo en reconstrucción. Hai aquí unha responsabilidade galega e botaráse en falla, durante a campaña, que os partidos non propoñan nada relevante neste eido. Teñen máis chicha as liortas localistas.