martes, 16 de diciembre de 2008

Bush e os zapatos

A política regálanos, en ocasións, imaxes que encerran forte simbolismo e que ficarán na Historia. O acontecido na recente visita de Bush a Bagdad é boa mostra. Un espontáneo periodista iraquí, fóra de sí e durante unha rolda de prensa, xogouse o físico arrebolándolle os seus zapatos ó todopoderoso, e en retirada, cowboy ó berro de “can” autoproclamándose vingador das vítimas ocasionadas polo interminable conflito naquel maltratado pobo. No imaxinario árabo-musulmán a escea, xunto coa agresión verbal, consegue xunguir en sí mesma o maior dos desprezos. A incuestionable pericia á hora de salvalo ataque evitou que nacera un novo heroe.

Resulta divertido comprobar como se producen bucles serendípicos e, así como hai unha curiosa relación entre o gutural e a política norteamericana (dende Garganta Profunda, ou o atragantamento do querido George coa afamada galleta Pritzel, ata a forza do son na oratoria de Obama), tamén existe un nexo de unión entre o calzado e o inesquecible mandato deste home.

Ademáis de facer unha política de pobre perfil e de que a súa catadura moral, en asuntos capitais, se mostrase a ras de chan os cidadáns non podemos obviar o momento no que Aznar deu o seu apoio político á vergoñenta Guerra de Iraq, con zapatos riba dunha mesa da Casa Branca incluídos. A obscenidade da instantánea bate coas visitas ó polvorín de Medio Oriente dun Rumsfeld equipado con botas de campaña, traxe e corbata nun lugar no que os nenos camiñan aterrorizados e descalzos. Un lugar onde os marines se fan fotos torturando a prisioneiros e cun pé riba das súas cabezas. Un lugar que non está moito máis alén da península con forma de bota.

E nesto chegou Zapatero, e mandou a parar. Escomezou o rebote internacional anti-Bush, a resistencia e deslexitimación efectista e efectiva dunha invasión ilegal. E as tropas españolas, cumpríndo a vontade popular, fóronse de onde nunca deberan estar.

O acto final da obra remata cun zapato volador. Semella a metáfora dun mandato decadente que comeza con dous pequenos políticos contentos, coma con zapatos novos, que se vai enturbiando con pólvora, lodo e terra, pero que remata relativamente ben. Digo relativamente porque a forza destructora dun zapato nada ten que ver coa dun tomahawk. Obama terá que pensar coa cabeza, e non cos pés.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

Brilante como sempre Millán. Noraboa polos teus acertados comentarios. Son un seguidor cotiá deste blog. Unha aperta.

Anónimo dijo...

Noraboa Millán. Os teus comentarios resultan sempre moi acertados e, como non, brilantes.
Continúa nesta liña.

Anónimo dijo...

E cómo se che dou polos xogos florais?

Millán Fernández dijo...

...como non concretes, amiguiño....

Anónimo dijo...

E que se che dou por xogar cos zapatos e as palabras...

ZAPATOS:
Bush e os zapatos

ZAPATO:
xogouse o físico arrebolándolle os seus zapatos

CALZADO:
existe un nexo de unión entre o calzado e o inesquecible mandato deste home.

ZAPATO:
con zapatos riba dunha mesa da Casa Branca

BOTAS
Rumsfeld equipado con botas de campaña

DESCALZO:
nenos camiñan aterrorizados e descalzos

PÉ:
e cun pé riba das súas cabezas

BOTA:
Un lugar que non está moito máis alén da península con forma de bota.

ZAPATO:
O acto final da obra remata cun zapato volador

ZAPATOS:
políticos contentos, coma con zapatos novos

ZAPATO:
a forza destructora dun zapato

PÉS:
pensar coa cabeza, e non cos pés.

Anónimo dijo...

Bush sabe que a saude non está no plato, senón no zapato.
E o xornalista iraquí sabe que ó ingrato coa suela do zapato, por que Bush, ese tio que é máis molesto ca unha pedra no zapato encontrou en Aznar á horma do seu zapato.... está claro que ningún dos 2 lle chega a Obama á suela dos zapatos.

Millán Fernández dijo...

...esquéceste de Zapatero, que tamén lle deu ben nos dentes...

Anónimo dijo...

zapatero ós seus zapatos