martes, 17 de enero de 2012

Gasteiz

domingo, 15 de enero de 2012

4 anos de blog




Este blog nacía da necesidade persoal de comunicar e analizar sobre a actualidade e a política dende posicións ideolóxicas ben marcadas que seguro tamén foron madurando e evolucionando co tempo. Nunca se negou. Dende que comecei ata hoxe tiven a oportunidade de publicar o que nacera neste espazo en diferentes medios de comunicación do país, cos cales me identifiquei e identifico, fundamentalmente no extinguido Xornal de Galicia e tamén na revista Tempos Novos (onde fixen poucas colaboracións). Agora pasarei a colaborar no medio dixital en galego que nacerá a comezos de Febreiro, e que promete dar que falar, Praza Pública. Pasaron moitas cousas dende aquela.

jueves, 5 de enero de 2012

Morre Isaac, pero non a Memoria


Sabiamos que estaba maior e enfermo. Na homenaxe a Beiras leuse unha carta del dicindo que tamén quería estar, pero non podia...

Falar de Isaac Díaz Pardo é falar da Memoria do país: da República, do primeiro Estatuto de Autonomía, de Castelao, de Casal, dese fascismo que quere volver a asomar a cabeza mediante formas mais silenciosas e sutís, do exilio, da pintura, do pensamento e dun dos maiores intelectuais e artistas ao servizo da consciencia social e nacional galega.

Eu non podo apuntar moito que non se saiba. Hainos moito mais preparados e coñecedores pra facelo. Só decir que tiven a sorte de escoitalo en varias ocasións e tamén falar con el, e que segue habendo xente que sintoniza co que trataba de transmitir con esa voz frouxa pero firme. Unha vez na Galería Sargadelos de Lugo, xunto a Santiago Carrillo. Outra, en Compostela nun acto que organizaramos as XSG sobre a Memoria Histórica con el e Xosé Manuel Sarille.

Era pequeno e aparentaba fraxilidade, pero o que levaba ás costas non. Por mais que haxa quenes queiran esmagar todo o que representou el e a súa xeración, o seu legado é imborrable. Falaba de Castelao, de Del Riego ou de Ramón Piñeiro. Da campaña pola aprobación do Estatuto de Autonomía do 1936, que logo deixaron sen efecto os militares traidores.

Eses, os continuadores ideolóxicos dos que o empurraron a saír de Galicia cara a América logo de matarlle ao pai, coma tantos outros, están desexando que pase hoxe e mañá pra que non se afonde moito na súa figura nin na súa obra. Deixémolos estar e deixemos que aparenten, cinicamente, o que non son.

Vaise un 5 de Xaneiro porque moito do que creou tiña maxia. Quedan os seus cadros, as cerámicas, os ensaios e artigos... Publicouse hoxe que a familia lle preguntou recentemente se quería ser enterrado ou feito cinzas, e dixo: "facede o que vos dea a gana". Mais galego, imposible.

"Naturalmente que Galicia é unha nación. Unha nación escarallada por mais de 9 séculos de abandono total"

domingo, 18 de diciembre de 2011

Á beira de Beiras



Tiven a sorte de estar na Homenaxe Popular a Xosé Manuel Beiras polo cumprimento dos 40 anos da publicación de "O atraso económico de Galicia", que coincide coa súa idade de 75 anos, no Auditorio de Galicia. Foi un acto revitalizante.

Que dicir d´O Beiras que non se teña dito xa a estas alturas? Pouco podo engadir.

Estando na homenaxe, escoitando música, poesía e escoitándoo a el un reflexiona sobre o paradoxal que resulta que namentras as elites das organizacións maioritarias da esquerda galega estaban nos seus respectivos Consellos Nacionais navallándose de tódolos xeitos posibles neste momento tan duro para elas, un só home, conciencia viva e xenuina dun pobo, que entronca co galeguismo histórico de preguerra e que liderou ao BNG ata levalo ás máximas cotas de poder e influenza neste país, reúne a mais persoas arredor de si e do que representa a súa xeración de combatentes antifranquistas (e tamén combatentes antifascistas, anti-oligárquicos e anti-opresión en plena "Democracia") que os partidos mesmos. E reflexiona tamén sobre o importante que é transmitir principios e valores na Política, nesta época de zozobra e confusión xeralizada. Ten isto mais de simbólico ca outra cousa, pero aqueles que son ou pretenden ser "políticos profesionais" deben tomar nota.

Beiras é irrepetible. Mentras el exista existirá a conciencia crítica, a lucidez no análise e a Memoria viva deste pobo. Mais alá de matices ideolóxicos ninguén pode negar a grandeza intelectual e moral de Xosé Manuel, o que fora príncipe e esperanza do galeguismo. Hoxe case un druida moderno que interpreta como moi poucos a realidade que nos tocou vivir. Ábrenos os ollos.

Podería escribir mais e mellor sobre algo disto, pero chega con ver e escoitar o vídeo que adxunto. A proba de que non tódolos políticos son iguais.

"Vivimos a fin dun ciclo histórico e é a hora dos cidadáns, máis alá da obediencia ás organizacións, aínda que sexan as nósas"

Deixo unha descripción de Eduardo Galeano sobre el:

‎"A primera vista parece un león. Y es. Pero tiene la delicadeza del ciervo, la paciencia del gato, la lealtad del perro, la solidaridad de las aves, que se ayudan en el vuelo, el sentido del honor del toro de lidia, que se crece en el castigo, y la inteligencia de los raros hombres que dan prestigio a la condición humana. Gallego tenía que ser."

Este comentario foi publicado no blog A Revolta entre a Mocidade, das Mocidade Irmandiña http://revoltairmandinha.blogspot.com.es/2011/12/millan-fernandez.html

martes, 15 de noviembre de 2011

Normativa de Permanencia: movemento estudantil reactivado

É unha sensación compartida a de que o movemento estudiantil estaba fragmentado e practicamente desactivado no conxunto do Estado dende fai moito tempo, tamén en Galiza. A última etapa dunha certa efervescencia remóntase aos anos 90 e, despois, á etapa da loita contra a LOU e, en menor medida, na contestación ao Plan Bolonia. Dende aquela non houbera actividade significativa e en Galiza producíronse cambios, escisións e liortas entre organizacións nun contexto de atonía reivindicativa, fundamentalmente dentro do espazo ideolóxico nacionalista e de esquerdas, que é o maioritario entre os sindicatos de estudantes universitarios.

Coa chegada do novo equipo reitoral á Universidade de Santiago de Compostela e o intento de aprobar, pola vía rápida e sen diálogo previo, unha Normativa de Permanencia moi pouco flexible (en comparación con outras xa aprobadas) adaptada ao Plan Bolonia, que abundaría na precarización e tería graves efectos para os intereses dos estudantes e as súas familias (suba de taxas encuberta) xurdiu unha oportunidade para reactivar o movemento estudantil. Ao contexto de recorte orzamentario en políticas educativas hai que sumarlle a paulatina concienciación de cada vez mais amplos sectores xuvenís pola súa situación xeracional. É algo que non acontece só na universidade galega nin, tampouco, noutras españolas. Reino Unido, Colombia ou Chile (especialmente) están vivindo tamén procesos similares (todos eles moito máis masivos), e todos cun denominador común: a defensa do sistema universitario público nun contexto de crise das economías occidentais como non se recorda.

Na USC produciuse un feito que ten poucos precedentes na historia mais recente: o acordo unitario das organizacións maioritarias para combater a aprobación do proxecto. Liga Estudantil Galega, Comités, Movemento Estudantil Universitario, Sindicato de Estudantes e IESGA compartiron a necesidade de paralizar o procedemento previsto e forzar ao reitorado a negociar unha Normativa de Permanencia que satisfaga a tódalas partes. Houbo reivindicacións e diferentes actividades e mobilizacións dende o comezo de curso ata a chegada da Folga Unitaria do día 9 de Novembro, que supuxo un punto de inflexión, pola súa importancia e porque logrou arrincar o compromiso dun diálogo que ten que ser real. Non se sabe o que acontecerá nas próximas semanas ou meses, pero logrouse algo: reactivar, aínda que sexa mínimamente e de xeito incipiente, ao movemento estudantil despois de moitos anos. O que suceda a partir dagora é unha incógnita aínda que é probable que continúe habendo noticias das universidades, alomenos no futuro máis inmediato. Non é doado, cada vez menos, pero está nas mans dos estudantes auto-organizarse e manter viva a chama do movemento estudantil. En Galiza, e no mundo enteiro.

Algunhas novas relacionadas:

sábado, 12 de noviembre de 2011

A Doctrina do Shock (Naomi Klein)



Fai aproximadamente un ano que subin un esbozo de documental sobre a Doctrina do Shock (teoría consagrada pola intelectual Naomi Klein). Hoxe colgo o documental completo. Non pode ser mais interesante e oportuno para os tempos que corren.

sábado, 22 de octubre de 2011

Brigadas Internacionales



Hoxe, 22 de Outubro de 2011, cúmprense 75 anos da retirada das Brigadas Internacionales. Mais de 60.000 voluntarios dos cinco continentes uníronse ao Exército Republicano para defender a Democracia e a Liberdade combatento e morrendo contra o fascismo. Son exemplo universal das loitas históricas contra a opresión e un referente, demostrando que a fraternidade non ten fronteiras. Sendo unha data tan importante o Estado non celebra unha homenaxe oficial a quenes tamén "caeron por España".



jueves, 20 de octubre de 2011

Konferentzia



Vídeo de Lokarri sobre a Conferencia Internacional de Paz de Donostia, onde destacadas personalidades internacionais participaron para promover a resolución pacífica do conflito vasco e esixirlle a ETA que respecte os DDHH e abandone o uso da violencia con fins políticos e a práctica do terrorismo. A caverna mediática, nun alarde de esperpento e mesquindade como non se recorda, descalificou de tódolos xeitos posibles o encontro e aos participantes.

Entre outros estiveron: Kofi Annan (ex Secretario Xeral da ONU), Bertie Ahern (ex primeiro ministro irlandés), Gerry Adams (líder do Sinn Féin), Pierre Joxe (ex ministro de Interior e Defensa francés), Gro Brudtland (ex primeira ministra de Noruega e membro da fundación The Elders, pola Paz, promovida por Nelson Mandela). Ás conclusión resultantes do cónclave sumáronse Jimmy Carter (ex Presidente USA), Tony Blair (ex Premier británico) e o Senador George Mitchell (enviado especial de USA a Oriente Medio e promotor dos archicoñecidos principios Mitchell para a resolución do conflito de Irlanda do Norte).

Ademáis participaron tódolos partidos da realidade vasco-navarra, a excepción do Partido Popular, mostrando así o seu interese polo diálogo para chegar a un escenario de non-violencia que abre unha nova era en Euskadi e na Democracia española.

O tempo porá a cada un no seu lugar.

A oportunidade de Izquierda Unida



Se consiguen trasladar a mensaxe e introducila pode dar a sorpresa nas vindeiras Eleccións Xerais. A coxuntura é favorable como nunca dende a Transición. Haberá que velo o 20-N, pero, habilmente, conecta a mensaxe co xurdimento dos movementos sociais e coa esquerda que pode sentirse defraudada pola última lexislatura do PSOE. Estaremos atentos.

martes, 11 de octubre de 2011

En Movemento



O Movemento Estudantil Universitario (MEU) afronta este novo curso académico co propósito de continuar dándose a coñecer entre o estudantado e a comunidade educativa, co mesmo compromiso, pero con maior forza, se cabe. E en expansión e crecemento. Seguirá coas actividades que dinamizan e complementan a vida cotiá na Universidade e afronta o reto de estar á altura dos tempos que lle tocou vivir.

Acaba de lanzar unha campaña masiva (#enmovemento) con varias frontes: facultades, redes sociais, actos, etc...co gallo da mobilización global do 15-Outubro, da que participará e continuará participando, estreitando lazos cos novos movementos sociais de protesta. O MEU nunca escondeu os seus vínculos e algúns dos seus ideais, dende o primeiro momento. No seu espírito fundacional hai moitos puntos de converxencia.

Cre tamén na Unidade das forzas e organizacións estudantís galegas comprometidas coa Educación Pública e disposta a defenderse dos ataques constantes, en forma de discursos, actitudes e prácticas encamiñadas a precarizar e rebaixar a calidade do ensino universitario e non-universitario e do conxunto dos piares do Estado de Benestar, en risco coa excusa dunha crise económica global xestada nas alturas. Para defenderse conta coa arma da mobilización, se é preciso.

A Campaña.
A Crise.
A Univeridade.
Artigos/Formación.

O MEU está activo en Twitter e Facebook


domingo, 9 de octubre de 2011

Os idealistas moven o mundo

Dedicado a Jose Luis Gómez, María Val, Xabier R Blanco, Silvia Carregal, David Lombao, Miguel Pardo, Noela Rey, Sonia Dapena, Sergio Barbeira, Lara Graña, Iago Martínez, Cristina Díaz Pardo, Mercedes Cernadas, Lucia L. Bayo e a tódolos traballadores, colaboradores e lectores do Xornal.

Houbo filósofos ao longo dos tempos que abordaron o devir histórico dende unha perspectiva cíclica. O napolitano Giambattista Vico, que logo influíra de xeito determinante nas obras de pensadores coma Montesquieu, Hegel, Marx, Comte ou Spegler, tiña unha visión circular debedora das filosofías orientais. Acreditaba no continuo retorno de épocas que establecían pautas parellas a outras anteriores (tamén nunha sorte de volta de líderes sociais e políticos) e non cría nun suposto progreso sen fin, entendido como a liña imaxinaria que avanza determinada pola senda da harmoniosa mellora colectiva. O certo é que nunca se repite exactamente pero si regresan tentacións e pantasmas, para ben e para mal. Como a de silenciar voces críticas. Xa sexa mediante a censura dunha orde arbitraria, prexuizosa ou inxusta, xa sexa coa sutil e fría censura que impón a ditadura duns balances economicistas que sacrifican a pluralidade informativa ou a cesión a presións políticas.

Nos últimos meses, especialmente, non deixan de concatenarse feitos, imaxes e narrativas que rememoran tempos xa vividos, coma se de ecos da historia se tratase. Tempos que un non coñeceu mais que pola literatura, o cine ou as reportaxes e documentais, e que tampouco ten demasiado interese en coñecer mais a fondo en carne propia. Penso que é unha sensación envolvente que agroma e que vai sendo, pouco a pouco, compartida. Incluso anunciada, cos pertinentes matices ideolóxicos, dende o corazón dun sistema que se sabe tocado (Obama: “la crisis en Europa está asustando al mundo”). Os actores mudan, as problemáticas soterran as raíces en novos e complexos fenómenos, aparecen novos riscos (peak-oil, precaria sostibilidade ambiental, etc...) e oportunidades, mais prodúcense situacións evocadoras doutras que ameazan con ser causa do triunvirato configurado pola loita de sempre: igualdade, liberdade e xustiza social.

Hai quen establece paralelismos e describe a realidade dos nosos días comparándoa coa fin do Antigo Réxime feudal, ou atopa vínculos coa etapa que vai da Gran Depresión ao estalido da sanguenta peste que supuxo a Segunda Guerra Mundial. Outros ven no substrato latente e imparable de efervescencia social resonancias do cúmulo de demandas que provocaron as axitacións de finais da década dos sesenta e 70´s. Todos eles períodos de cambios e mudanzas mais ou menos abruptas xestadas en contexto de importante florecemento científico-tecnolóxico que repercutiu tamén na maneira de comunicarse, compartir información e facer xornalismo. A imprenta foi revolucionaria, como tamén o foron a radio ou a televisión. Hoxe a arma, non hai dúbida, chámase Internet.

O mundo que herdamos xa é ben diferente ao que criamos que nos correspondía. Eramos conscientes (dende o egoísmo) das penurias de terceiros mundos, mais hoxe sectores amplos de poboación corren risco certo de ser expulsados tamén dunha vida digna (A OIT e a OCDE prevén que a taxa de desemprego continuará medrando a nivel global, e mesmo podería duplicarse), e poñernos dacordo na procura de responsables vai ser moi difícil aínda que dirixentes coma Berlusconi sigan no poder e brokers coma Alessio Rastani fagan declaracións de guerra aos pobos e alenten o éxito de mobilizacións como a prevista para o 15 de Outubro (“La crisis es un sueño para los que queremos hacer dinero”, “Los políticos no gobiernan el mundo, sino Goldman Sachs”, “Me voy a la cama cada noche y sueño con otra recesión”).

A política e a economía realmente existentes semellan estar, mais ca nunca, abocadas a un colapso que debera facernos repensar as cousas e procurar outros horizontes, pero nunca empurrarnos a comezar de cero. Neste escenario, os románticos e os idealistas abrollarán coma papoulas dispostos a defender e a imaxinar o que é de xustiza, hoxe fanada por elites ás que o xogo do Monopoly se lles foi das mans. Serán tan idealistas coma os que unha década atrás estaban convencidos de que un proxecto coma o de Xornal de Galicia era viable na nosa terra, e o mimaron todo este tempo. Despois da caída e de deixarnos orfos voltarán tempos mellores, e tamén para o xornalismo e a liberdade de expresión neste país tan contraditorio e tan de seu. Grazas aos idealistas que mantiveron e manterán vivo o espírito do Xornal, e imaxinan outro mundo e unha outra Galiza.

XORNAL

martes, 27 de septiembre de 2011

Mobilizacións e loita de clases

"Por qué te persiguen los asesinos pos–dictadores?Porque tú vienes con tu boca de vuelo popular, porque vienes de esos lugares “que a veces incluso se les llega a olvidar”. Oh, vienes con sus cantos de sueños despiertos. Y sueñas un horizonte rojo de alegría, de calor, de Revolución permanente. No el rojo de los pos-dictadores que edifican una larga muerte con sus guerras y sus leyes. Los pos-dictadores quieren matarte. Qué saben de la muerte: nada. Hay que enseñarles llevarlos a tu Universidad amorosa, entregarles los diplomas de la “solidaridad continuada”. Y un afiche que diga que los que murieron por el pueblo, están resucitados, hermosos, en el pueblo. Camila Vallejo Dowling, Rosa Roja, tu corazon de catedral nos cubre en este instante, como el firmamento. Desde Chile viaja tu palabra de bondad tus manos empuñadas de justicia. Y nuestra América lo siente y se despierta. Eleva tu fuerza en el aire y va más allá de la muerte y el “HOMBRE NUEVO” se levanta, no importa donde, tiene 1000 corazones y canta y marcha y grita tu nombre: Camila Antonia Amaranta Vallejo Dowling, ROSA ROJA, CORAZÓN DE CHILE"

Fíxose oficial: a “loita de clases” rexurde, se é que algunha vez se diluíra no espellismo da postguerra fría, neste Occidente que entrou de cheo en crise de civilización, como xa moitos albiscan, co estourido da fenomenal crise (máis quixeramos que só económica). A maioría dos académicos, políticos profesionais, medios de comunicación e boa parte dun ecosistema cultural que virara ao acriticismo, salvo contadas e honrosas excepcións, decretara e asumira a fin da historia e das ideoloxías como enfeitizados polo progreso e crecemento infinito, pero hoxe vóltase a falar de revolta, marxismo, compromiso ético e revolucionario e de necesidade de utopías para camiñar (como diría Eduardo Galeano) nun contexto, outravolta, de no future para toda unha xeración que, dende as loitas estudiantís que evocan e reivindican o legado de Allende en Chile ata Madrid, Barcelona, Atenas, Nova York, Tel Aviv ou a primavera mediterránea está demostrando non resignarse a vivir substancialmente peor que os seus pais por mor da avaricia descontrolada duns poucos especuladores e da complexidade de retos que afrontan as sociedades do SXXI. Ante estes, os que dominan ou ben miran cara outro lado ou recetan o xa fracasado pero máis cargado de bombo.

Nos Estados Unidos de América, berce da prosperidade, prodúcese unha situación que é unha verdadeira bomba de reloxería perante a cal a cúspide da pirámide social (en alianza coas grandes fortunas e os prebostes do reaccionariado) se nega, no máis remoto, a colaborar co fin de temperar o ánimo e a paciencia dun precariado ao que só lle falta ter conciencia definitiva do negro porvir ao que o empurraron irresponsablemente e que ameaza con facernos retroceder décadas. Non é de estrañar pois, que medre a porcentaxe de cidadáns que se declaran socialistas no país arquetípico do capitalismo. O multimillonario Warren Buffett aclárao: “claro que existe loita de clases, e ímola gañando”. O Partido Republicano, escorado á dereita e bebendo desa américa isolacionista e irredenta que atopa expresión na demagoxia maniquea do Tea Party, secunda a tese para complicar a reelección dun presidente demasiado europeo.

O panorama real alí configúrano 25 millóns de desempregados, 46 millóns de pobres e 50 millóns de persoas sen seguro médico. E estes datos ameazan con acentuarse e provocar unha fractura de consecuencias impredecibles. Así o anuncia a banca suiza que, nun escenario de posibles para os vindeiros tempos, como hipótese certa, prevé conflito social crecente con posibilidade de ascenso ao poder de gobernos fortes e risco de desordes severos nun horizonte que recorda ao dos anos 30 do século pasado. Nunca as desigualdades foran tantas alí nin a promesa dos pioneiros tan desatendida. Desta beira do Atlántico a situación é comparable e susceptible de empeorar.

E como mostra da insensibilidade da que fan gala dous lideres dos máis significativos da onda conservadora imperante, que se nutre da desesperanza, e disposta a que o peso da recuperación recaia nos de sempre, para manter a orde natural, recollo declaracións literais: “La educación es un bien de consumo” (Sebastián Piñera, Presidente da República de Chile) ou “La educación no debe de pagarse en todos sus tramos” (Esperanza Aguirre). Darwinismo social. Pinochet e Tatcher returns!

Como viñamos dicindo o proceso desocializador é imparable, e ven acompañado da criminalización de profesións indispensables para manter o estado social e dos seus instrumentos tradicionais de resistencia. Ten un duplo obxectivo: desviar a atención dos verdadeiros responsables da situación e confundir á opinión pública mais des-informada. Trátase de artellar e consolidar un novo verticalismo e o reino absoluto da flexibilidade, a temporalidade e o interinato. Pero os pobos sempre atopan vías para auto-organizarse. Noutrora as loitas foron de conquista. Hoxe serán de conservación mais de conquista dunha nova xeración de dereitos e liberdades nun período incerto e convulso, de transición e de aceleración histórica, que atende a cambios tecnolóxicos, enerxéticos, climáticos e de irrupción de novas potencias e actores internacionais. A mobilización social acaba de empezar e ven para quedarse por un tempo. Presúmese que tamén en España, aconteza o que aconteza nos comicios de Novembro.

XORNAL
MundoGaliza

domingo, 31 de julio de 2011

Vacacións no blogue



No mes de Agosto este blog, como tódolos anos, fai un descanso. Deixoo con un tema que é xa mais que un hino xeracional esperando que, Moody´s mediante, á volta poidamos continuar opinando e debatendo. Curioso que sexa sempre dende o veciño e, ás veces, incomprendedido Portugal de onde veñan letras inspiradoras. Mundo parvo!!

"Sou da geração sem remuneração
E nem me incomoda esta condição.
Que parva que eu sou!
Porque isto está mal e vai continuar,
Já é uma sorte eu poder estagiar.
Que parva que eu sou!

E fico a pensar,
Que mundo tão parvo
Que para ser escravo é preciso estudar.
Sou da geração 'casinha dos pais',
Se já tenho tudo, para quê querer mais?
Que parva que eu sou!

Filhos, marido, estou sempre a adiar
E ainda me falta o carro pagar,
Que parva que eu sou!
E fico a pensar
Que mundo tão parvo
Onde para ser escravo é preciso estudar.
Sou da geração 'vou queixar-me para quê?'
Há alguém bem pior do que eu na tv.
Que parva que eu sou!

Sou da geração 'eu já não posso mais!'
Que esta situação dura há tempo demais
E parva não sou!
E fico a pensar,
Que mundo tão parvo
Onde para ser escravo é preciso estudar"

miércoles, 27 de julio de 2011

A impostura sacralizada


Nos últimos días sentía unha ledicia contida ao ver que parte da sociedade, fundamentalmente unha pluralidade de cidadáns ligados ou non a partidos e outras organizacións de esquerdas, despertou/amos do letargo e comeza a reivindicar asuntos xustos ao fío do nacemento e repercusión do Movemento 15-M. Paralelamente pódese aledar un de ver como medios de comunicación comprometidos coas liberdades tratan sen revisionismos vergoñentos e mediante especiais temáticos, e especialistas respectables, a delicada época que vai dende a proclamación da II República ata o golpe militar-fascista de 1936, do que recentemente se recorda a efeméride e sobre o cal queda por investigar. Décadas despois afondase dende o des-apaixonamento que o tempo permite pero, ás veces, con mais terxiversación da debida e unha recorrente axitación do medo a non-se-sabe-qué válido para agochar de todo. Queda por facer na dignificación da memoria e da loita anti-franquista aínda habendo avances (sobre todo dende a presión e auto-organización das asociacións de vítimas e afectados), pero tamén hai que ter presente que 40 anos de réxime nacional-católico deron moito de si: desfacerse de documentación vital e construír un relato ideolóxico a medida dos vencedores que continúa sendo hexemónico foron algunhas consecuencias. Semella que os que gañaron a Guerra e a Transición toman posicións para gañar a que asoma.

19 de Xullo de 2011, Madrid, Congreso dos Deputados: setenta e cinco anos despois da traizón á legalidade republicana por parte dos salva-patrias de sempre presentase unha proposición de condena do “Alzamiento Nacional”. Ata o de agora unicamente o PP fora tan cínico como para evitar condenar en democracia o golpe, a represión e a ditadura. Pero consumouse outra que doe mais, se cabe, para quen se identifica cos valores da esquerda e o republicanismo: José Bono escondeuse detrás da des-contextualización do mítico discurso de Azaña pronunciado en 1938, e evitou introducir unha condena explícita do golpe de estado a petición doutros grupos parlamentarios. A bancada do PSOE de Pablo Iglesias aplaudiu no momento sen que aparecesen voces discrepantes relevantes. Nin tan sequera dende a federación catalá ou sectores mais esquerdistas. Nesa mesma sesión négase a posibilidade de reformar a pre-constitucional Lei de Amnistía, que abriría as portas a revisar xuridicamente os delitos impunes. Inaudito. É a sacralización da impostura histórica dende representantes de herdeiros do bando vencido. Nisto consistiu o pacto de silencio e a “reconciliación nacional”: aceptar dende institucións democráticas, por omisión, o ilexítimo como lexítimo e esquecer.

O momento é terrible para milleiros de familias e empresas: taxas de desemprego asfixiantes produto dun sistema de relacións laborais obsoleto, 10 % de persoas en risco de exclusión social, 9% de fogares nos que non traballa membro algún, 300.000 desafiuzamentos dende o comezo da crise, un 340% do PIB de débeda privada froito da burbulla inmobiliaria (o 82% da débeda total) a maiores dun proceso desocializador que tan só asomou a patiña á espera da “solución mariana” e dun posible rescate-estafa que pode iniciar unha fase de mobilización popular e sindical sen precedentes configuran un panorama no que falar do anterior parece unha frivolidade. Pero, un país pode artellar as expectativas de futuro sen render contas co inmediato pasado e que condicionan o presente? Comprenderíase algo así en Alemaña ou Arxentina? A alianza estratéxica das elites e forzas interesadas en manter o status quo e os privilexios é tan férrea que penetraron e chegaron a vampirizar organizacións que parecen coller o camiño da claudicación ata a desfiguración definitiva. Acontece na Europa enteira. De non reaccionar, cando sexan completamente irrecoñecibles será tarde para recuperar a confianza da base social natural, e cando volvan a reclamala sen rémoras ou circunloquios puidera dotarse de ferramentas alternativas.

Vendo a unidade de mensaxe da Banca, a CEOE, a cúpula do PP e sectores da esquerda política e mediatica acomodaticia (polémicos editoriais cebrianistas en 18 de Xullo inclusive) e, unha vez soterrado o vaudeville zapaterista, xa só resta esperar a que agromen e incorporemos por asentimento o mantra que todo resolverá: “gobierno de concentración nacional”, “pacto entre los dos grandes partidos que ponga fin a la fiesta autonómica”, “sentido común”, “coraje”, “duros sacrificios”, “empleados públicos vagos”, “copago sanitario”, “educación ineficiente”...e o que lle boten.

XORNAL

domingo, 17 de julio de 2011

18 de Xullo


Triste efeméride. Cúmprense tres cuartos de século da gran traición. Recomedo algúns bos especiais, testimonios e artigos de historiadores (serios) que veñen na prensa:

El País
Público

viernes, 8 de julio de 2011

Emprendido o rumbo da Paz


Produciuse unha nova que, a falla de contrate e confirmación pero con visos de verosimilitude segundo medios de comunicación de ámbito vasco e estatal e fontes coñecedoras que así o manifestaron, pasou un tanto desapercibida: a orde de disolución de EKIN (emprender en euzkera, nome recollido dos primeiros nacionalistas que marcharon do PNV e fundaron ETA alá por 1958). En calquera caso é positivo que sexa así pois pouco rebumbio é sempre bo, pero tamén confirmaría a teoría do dirixente socialista Jesús Eguiguren cando afirmou fai meses que a des-activación paulatina da rede de estruturas do complexo etarra non sucederá nun día concreto con grandes postas en escena ou anuncios públicos senón que desaparecerán “como a neve” ata que deixe de operar a maquinaria da violencia. Que non haxa moito debate arredor disto que se sumara ao perturbador sobre a forte entrada da formación Bildu nas administracións locais é a constatación de que e o problema considérase secundario na axenda, e non só polo anuncio de non levar a cabo “accións armadas ofensivas”, a conxuntura económica ou a aparición do 15-M no escenario, por poñer tres exemplos. Noutro momento teríanse vertido ríos e ríos de tinta ao ser este, ao meu xeito de ver, un acontecemento de calado e fondura histórica se partimos da base de que é verídico e ten carácter irreversible.

Como de seguro coñece o lector destas liñas EKIN é continuador da Koordinadora Abertzale Sozialista (K.A.S), que foi dende mediados dos anos 70 o órgano clandestino e colectivo encargado de harmonizar no ideolóxico e no estratéxico todo o conglomerado de sindicatos, partidos, movementos sociais (legais ou ilegais, a unha beira e outra dos Pirineos) e distintas organizacións armadas pertencentes ou afíns ao auto-denominado Movemento de Liberación Nacional Vasco. Dende o punto de vista do funcionamento interno, e logo das diferentes rupturas históricas, víñase demostrando a preponderancia da hoxe decimada facción mais militarista, belixerante e partidaria da concorrencia entre a chamada “loita de masas” e a “loita armada”. O que consistía na compatibilidade da mobilización e a disidencia organizada nas rúas (kale borroka incluída) coa decisión de cometer atentados terroristas, o que daba sentido ao lema-mantra Bietain Jarrai. Moi por debaixo, en canto a importancia estratéxica, considerábase á “loita institucional”. Sempre había acatamento e as decisións dos mais extremistas, instalados na cúpula da pirámide e coa aplicación estrita do marxismo-leninismo, condicionaban todo o conxunto. Os feitos mostran que esa situación virou substancialmente, e o respaldo electoral acadado polo espazo social abertzale ante a nova situación representa un influxo e un empurrón na liña contraria, ata acadar o abandono da expresión violenta.

Polas noticias e os síntomas que se coñecen (declive imparable dos actos de coacción e violencia nas rúas de vilas e cidades, fin do imposto revolucionario, etc...), ademais das contundentes declaracións dos principais líderes abertzales (Otegui e Usabiaga) ou o compromiso coa resolución do conflito e opinións de autorizadas figuras internacionais é probable que nos atopemos ante un cambio de ciclo decisivo. Isto suporía o trunfo, no seo desa dirección compartida que desaparece, da ala mais posibilista e o control efectivo do conxunto do MLNV pola rama “política” por primeira vez en 50 anos. De ser así é un fito que abre de par en par as portas a un escenario estable e permanente de non-violencia, pois ETA desleixase e fica ao marxe á espera da decisión do seu desmantelamento, con riscos de escisións, pero sen posibilidade de respaldo nin comprensión social como ata o de agora. Tamén puideran acompañar xestos e decisións significativas dende o Goberno no camiño dunha maior distensión.

Anos de eficacia policial e firmeza política por parte do Estado, xunto co propio convencemento colectivo no seo da Esquerda Abertzale de que a violencia é inútil, entorpece os seus obxectivos e fracasou o proxecto revolucionario (dada a conxuntura internacional e os grandes cambios sociais) levaron a unha situación onde semella estar mais preto que nunca a fin do derradeiro conflito desta natureza na Europa Occidental (rebrotes en Irlanda ao marxe), e un dos últimos vestixios do réxime anterior. Sería unha novidade de incalculable valor para xeracións marcadas pola súa ameazante presenza, e coincidiría co cada vez mais estendido sentimento de que a democracia post-franquista tamén esmorece, precisando dun pulo que a revitalice.


viernes, 17 de junio de 2011

Indignación e reconstrución



Tempos de tribulación, si. Para o imaxinario oficial occidental o comezo do SXXI ficará vencellado ao estourido do 11-S e un dos seus danos colaterais, que non é outro que a xestación paciente e inducida dunha crise económica que fixo tremer as bases mesmas do sistema-mundo.

Deixando á marxe teorías de todo tipo o certo é que o acontecido despois daquel día foi unha baixada precipitada aos infernos da inmoralidade e a sen-razón en case tódolos aspectos. O que Saramago dera en chamar intelixentemente, pouco antes de falecer, como a instauración do “fascismo Armani”. Unha mutación. Estendeuse coma unha enfermidade descontrolada que afectou por igual á maioría dos estratos sociais. Cronificouse e supuxo a traizón aos valores primixenios e fundamentais das que presumiamos incólumes “sociedades democráticas avanzadas”, que foron absorbidas polo poder omnímodo do diñeiro fácil. Sometidas e amordazadas. Foi un espellismo, e tan só agora nos damos conta. Os “indignados” da Praza do Sol recórdannolo: “Nos vamos de Sol. Nos mudamos a tu consciencia”.

Isto contaxiou tamén á socialdemocracia en Europa enteira e levouna á confusión e a unha sorte de “síndrome do novo rico”: seducida pola ilusión dun progreso que parecía non ter retorno e abrazando boa parte das teses neoliberais coa esperanza posta en poder temperalo. As consecuencias afloran agora en termos electorais pero, tamén, en síntomas que representan algo máis ca metáforas (véxase o caso Dominique Strauss-Kahn e a nebulosa de opacidade connivente dos mass media. A gran esperanza da “esquerda” francesa.), e nunha sensación de ter perdido case todo o capital de credibilidade ata novo aviso. Aínda sabéndose inxusto o retorno do paradigma que nos empurrou ata esta: Reino Unido, Alemania, Francia, Portugal...

Agora ábrese unha xeira de incertidume como non se recorda. Pode que dende a II Guerra Mundial o equilibrio social (se é que o houbo) non afrontara un momento tan cheo de riscos e, tamén, oportunidades. Fixo falta que a crise chegase ao seu momento álxido para que os efectos mais implacables, insensibles e precarizantes, acompañados da democratización no acceso ás tecnoloxías, tiveran efecto-chamada dende Wisconsin ata Islandia, e dende Túnez, Siria, Yemen ou Exipto ata España ou Grecia. Por razóns múltiples milleiros de cidadáns, heteroxéneos e do común (non só mozos e anti-sistema) saen á rúa descontentos co devir dos respectivos réximes e dirixentes, coa insaciabilidade dun poder económico desbocado e co proceder dunhas institucións internacionais disfuncionais. Adiantan pola beira esquerda ás ferramentas tradicionais nas que fiaron ao longo da historia a responsabilidade da súa defensa ante o abuso: cúpulas partidarias e sindicais de todo o espectro ideolóxico da esquerda, habendo e recoñecéndose matices. Dentro da nosa especificidade súmase a crecente sensación de revivir a Restauración borbónica: Cánovas ou Sagasta, e non queda outra. Imposible levar a cabo reformas sen o acordo dos aparatos dos partidos hexemónicos e os seus tentáculos, instalados na xestión do ir tirando, pero afastados da Política e da sociedade cambiante. Coas consecuencias que iso ten para a representatividade ou a erradicación da corrupción, entre mais perversións. Engánase quen pense que esta é consubstancial ao sistema. É un síntoma mais da súa dexeneración!

A reacción daqueles actores que outrora foron vangarda, e que agora carecen de certa axilidade e perspectiva histórica, foi distante ao principio mais ofréceselles a oportunidade de escoitar e abrirse a recoller demandas e inquedanzas. Boa parte delas sensatas, xustas e, sobre todo, necesarias. Non innovadoras nin disparatadas, precisamente. Da súa reacción nos vindeiros tempos pode depender a súa supervivencia como estruturas centrais e recoñecibles, e tamén a capacidade de poder rexenerarse para reconstruír sendo fideis aos sinais de identidade: redistribución, igualdade, defensa do público, republicanismo, etc... Simplemente volvendo a ser. Aceptemos tamén dunha vez que esta democracia ten graves déficits e, recollendo o que teña de bo e aproveitable, mellorémola e afondemos nela. Unha Segunda Transición pode asomar. Lonxe queda o “ruido de sables” ou calquera outra escusa para non homologala ao nivel doutras mais lonxevas e algunhas que están (re)nacendo (Islandia). A sociedade (non toda) é suficientemente madura e empeza a detestar o paternalismo e a cosmética. Quere solucións, e quere ser escoitada.



XORNAL