viernes, 8 de julio de 2011

Emprendido o rumbo da Paz


Produciuse unha nova que, a falla de contrate e confirmación pero con visos de verosimilitude segundo medios de comunicación de ámbito vasco e estatal e fontes coñecedoras que así o manifestaron, pasou un tanto desapercibida: a orde de disolución de EKIN (emprender en euzkera, nome recollido dos primeiros nacionalistas que marcharon do PNV e fundaron ETA alá por 1958). En calquera caso é positivo que sexa así pois pouco rebumbio é sempre bo, pero tamén confirmaría a teoría do dirixente socialista Jesús Eguiguren cando afirmou fai meses que a des-activación paulatina da rede de estruturas do complexo etarra non sucederá nun día concreto con grandes postas en escena ou anuncios públicos senón que desaparecerán “como a neve” ata que deixe de operar a maquinaria da violencia. Que non haxa moito debate arredor disto que se sumara ao perturbador sobre a forte entrada da formación Bildu nas administracións locais é a constatación de que e o problema considérase secundario na axenda, e non só polo anuncio de non levar a cabo “accións armadas ofensivas”, a conxuntura económica ou a aparición do 15-M no escenario, por poñer tres exemplos. Noutro momento teríanse vertido ríos e ríos de tinta ao ser este, ao meu xeito de ver, un acontecemento de calado e fondura histórica se partimos da base de que é verídico e ten carácter irreversible.

Como de seguro coñece o lector destas liñas EKIN é continuador da Koordinadora Abertzale Sozialista (K.A.S), que foi dende mediados dos anos 70 o órgano clandestino e colectivo encargado de harmonizar no ideolóxico e no estratéxico todo o conglomerado de sindicatos, partidos, movementos sociais (legais ou ilegais, a unha beira e outra dos Pirineos) e distintas organizacións armadas pertencentes ou afíns ao auto-denominado Movemento de Liberación Nacional Vasco. Dende o punto de vista do funcionamento interno, e logo das diferentes rupturas históricas, víñase demostrando a preponderancia da hoxe decimada facción mais militarista, belixerante e partidaria da concorrencia entre a chamada “loita de masas” e a “loita armada”. O que consistía na compatibilidade da mobilización e a disidencia organizada nas rúas (kale borroka incluída) coa decisión de cometer atentados terroristas, o que daba sentido ao lema-mantra Bietain Jarrai. Moi por debaixo, en canto a importancia estratéxica, considerábase á “loita institucional”. Sempre había acatamento e as decisións dos mais extremistas, instalados na cúpula da pirámide e coa aplicación estrita do marxismo-leninismo, condicionaban todo o conxunto. Os feitos mostran que esa situación virou substancialmente, e o respaldo electoral acadado polo espazo social abertzale ante a nova situación representa un influxo e un empurrón na liña contraria, ata acadar o abandono da expresión violenta.

Polas noticias e os síntomas que se coñecen (declive imparable dos actos de coacción e violencia nas rúas de vilas e cidades, fin do imposto revolucionario, etc...), ademais das contundentes declaracións dos principais líderes abertzales (Otegui e Usabiaga) ou o compromiso coa resolución do conflito e opinións de autorizadas figuras internacionais é probable que nos atopemos ante un cambio de ciclo decisivo. Isto suporía o trunfo, no seo desa dirección compartida que desaparece, da ala mais posibilista e o control efectivo do conxunto do MLNV pola rama “política” por primeira vez en 50 anos. De ser así é un fito que abre de par en par as portas a un escenario estable e permanente de non-violencia, pois ETA desleixase e fica ao marxe á espera da decisión do seu desmantelamento, con riscos de escisións, pero sen posibilidade de respaldo nin comprensión social como ata o de agora. Tamén puideran acompañar xestos e decisións significativas dende o Goberno no camiño dunha maior distensión.

Anos de eficacia policial e firmeza política por parte do Estado, xunto co propio convencemento colectivo no seo da Esquerda Abertzale de que a violencia é inútil, entorpece os seus obxectivos e fracasou o proxecto revolucionario (dada a conxuntura internacional e os grandes cambios sociais) levaron a unha situación onde semella estar mais preto que nunca a fin do derradeiro conflito desta natureza na Europa Occidental (rebrotes en Irlanda ao marxe), e un dos últimos vestixios do réxime anterior. Sería unha novidade de incalculable valor para xeracións marcadas pola súa ameazante presenza, e coincidiría co cada vez mais estendido sentimento de que a democracia post-franquista tamén esmorece, precisando dun pulo que a revitalice.


No hay comentarios: