viernes, 17 de junio de 2011

Indignación e reconstrución



Tempos de tribulación, si. Para o imaxinario oficial occidental o comezo do SXXI ficará vencellado ao estourido do 11-S e un dos seus danos colaterais, que non é outro que a xestación paciente e inducida dunha crise económica que fixo tremer as bases mesmas do sistema-mundo.

Deixando á marxe teorías de todo tipo o certo é que o acontecido despois daquel día foi unha baixada precipitada aos infernos da inmoralidade e a sen-razón en case tódolos aspectos. O que Saramago dera en chamar intelixentemente, pouco antes de falecer, como a instauración do “fascismo Armani”. Unha mutación. Estendeuse coma unha enfermidade descontrolada que afectou por igual á maioría dos estratos sociais. Cronificouse e supuxo a traizón aos valores primixenios e fundamentais das que presumiamos incólumes “sociedades democráticas avanzadas”, que foron absorbidas polo poder omnímodo do diñeiro fácil. Sometidas e amordazadas. Foi un espellismo, e tan só agora nos damos conta. Os “indignados” da Praza do Sol recórdannolo: “Nos vamos de Sol. Nos mudamos a tu consciencia”.

Isto contaxiou tamén á socialdemocracia en Europa enteira e levouna á confusión e a unha sorte de “síndrome do novo rico”: seducida pola ilusión dun progreso que parecía non ter retorno e abrazando boa parte das teses neoliberais coa esperanza posta en poder temperalo. As consecuencias afloran agora en termos electorais pero, tamén, en síntomas que representan algo máis ca metáforas (véxase o caso Dominique Strauss-Kahn e a nebulosa de opacidade connivente dos mass media. A gran esperanza da “esquerda” francesa.), e nunha sensación de ter perdido case todo o capital de credibilidade ata novo aviso. Aínda sabéndose inxusto o retorno do paradigma que nos empurrou ata esta: Reino Unido, Alemania, Francia, Portugal...

Agora ábrese unha xeira de incertidume como non se recorda. Pode que dende a II Guerra Mundial o equilibrio social (se é que o houbo) non afrontara un momento tan cheo de riscos e, tamén, oportunidades. Fixo falta que a crise chegase ao seu momento álxido para que os efectos mais implacables, insensibles e precarizantes, acompañados da democratización no acceso ás tecnoloxías, tiveran efecto-chamada dende Wisconsin ata Islandia, e dende Túnez, Siria, Yemen ou Exipto ata España ou Grecia. Por razóns múltiples milleiros de cidadáns, heteroxéneos e do común (non só mozos e anti-sistema) saen á rúa descontentos co devir dos respectivos réximes e dirixentes, coa insaciabilidade dun poder económico desbocado e co proceder dunhas institucións internacionais disfuncionais. Adiantan pola beira esquerda ás ferramentas tradicionais nas que fiaron ao longo da historia a responsabilidade da súa defensa ante o abuso: cúpulas partidarias e sindicais de todo o espectro ideolóxico da esquerda, habendo e recoñecéndose matices. Dentro da nosa especificidade súmase a crecente sensación de revivir a Restauración borbónica: Cánovas ou Sagasta, e non queda outra. Imposible levar a cabo reformas sen o acordo dos aparatos dos partidos hexemónicos e os seus tentáculos, instalados na xestión do ir tirando, pero afastados da Política e da sociedade cambiante. Coas consecuencias que iso ten para a representatividade ou a erradicación da corrupción, entre mais perversións. Engánase quen pense que esta é consubstancial ao sistema. É un síntoma mais da súa dexeneración!

A reacción daqueles actores que outrora foron vangarda, e que agora carecen de certa axilidade e perspectiva histórica, foi distante ao principio mais ofréceselles a oportunidade de escoitar e abrirse a recoller demandas e inquedanzas. Boa parte delas sensatas, xustas e, sobre todo, necesarias. Non innovadoras nin disparatadas, precisamente. Da súa reacción nos vindeiros tempos pode depender a súa supervivencia como estruturas centrais e recoñecibles, e tamén a capacidade de poder rexenerarse para reconstruír sendo fideis aos sinais de identidade: redistribución, igualdade, defensa do público, republicanismo, etc... Simplemente volvendo a ser. Aceptemos tamén dunha vez que esta democracia ten graves déficits e, recollendo o que teña de bo e aproveitable, mellorémola e afondemos nela. Unha Segunda Transición pode asomar. Lonxe queda o “ruido de sables” ou calquera outra escusa para non homologala ao nivel doutras mais lonxevas e algunhas que están (re)nacendo (Islandia). A sociedade (non toda) é suficientemente madura e empeza a detestar o paternalismo e a cosmética. Quere solucións, e quere ser escoitada.



XORNAL

No hay comentarios: