miércoles, 27 de julio de 2011

A impostura sacralizada


Nos últimos días sentía unha ledicia contida ao ver que parte da sociedade, fundamentalmente unha pluralidade de cidadáns ligados ou non a partidos e outras organizacións de esquerdas, despertou/amos do letargo e comeza a reivindicar asuntos xustos ao fío do nacemento e repercusión do Movemento 15-M. Paralelamente pódese aledar un de ver como medios de comunicación comprometidos coas liberdades tratan sen revisionismos vergoñentos e mediante especiais temáticos, e especialistas respectables, a delicada época que vai dende a proclamación da II República ata o golpe militar-fascista de 1936, do que recentemente se recorda a efeméride e sobre o cal queda por investigar. Décadas despois afondase dende o des-apaixonamento que o tempo permite pero, ás veces, con mais terxiversación da debida e unha recorrente axitación do medo a non-se-sabe-qué válido para agochar de todo. Queda por facer na dignificación da memoria e da loita anti-franquista aínda habendo avances (sobre todo dende a presión e auto-organización das asociacións de vítimas e afectados), pero tamén hai que ter presente que 40 anos de réxime nacional-católico deron moito de si: desfacerse de documentación vital e construír un relato ideolóxico a medida dos vencedores que continúa sendo hexemónico foron algunhas consecuencias. Semella que os que gañaron a Guerra e a Transición toman posicións para gañar a que asoma.

19 de Xullo de 2011, Madrid, Congreso dos Deputados: setenta e cinco anos despois da traizón á legalidade republicana por parte dos salva-patrias de sempre presentase unha proposición de condena do “Alzamiento Nacional”. Ata o de agora unicamente o PP fora tan cínico como para evitar condenar en democracia o golpe, a represión e a ditadura. Pero consumouse outra que doe mais, se cabe, para quen se identifica cos valores da esquerda e o republicanismo: José Bono escondeuse detrás da des-contextualización do mítico discurso de Azaña pronunciado en 1938, e evitou introducir unha condena explícita do golpe de estado a petición doutros grupos parlamentarios. A bancada do PSOE de Pablo Iglesias aplaudiu no momento sen que aparecesen voces discrepantes relevantes. Nin tan sequera dende a federación catalá ou sectores mais esquerdistas. Nesa mesma sesión négase a posibilidade de reformar a pre-constitucional Lei de Amnistía, que abriría as portas a revisar xuridicamente os delitos impunes. Inaudito. É a sacralización da impostura histórica dende representantes de herdeiros do bando vencido. Nisto consistiu o pacto de silencio e a “reconciliación nacional”: aceptar dende institucións democráticas, por omisión, o ilexítimo como lexítimo e esquecer.

O momento é terrible para milleiros de familias e empresas: taxas de desemprego asfixiantes produto dun sistema de relacións laborais obsoleto, 10 % de persoas en risco de exclusión social, 9% de fogares nos que non traballa membro algún, 300.000 desafiuzamentos dende o comezo da crise, un 340% do PIB de débeda privada froito da burbulla inmobiliaria (o 82% da débeda total) a maiores dun proceso desocializador que tan só asomou a patiña á espera da “solución mariana” e dun posible rescate-estafa que pode iniciar unha fase de mobilización popular e sindical sen precedentes configuran un panorama no que falar do anterior parece unha frivolidade. Pero, un país pode artellar as expectativas de futuro sen render contas co inmediato pasado e que condicionan o presente? Comprenderíase algo así en Alemaña ou Arxentina? A alianza estratéxica das elites e forzas interesadas en manter o status quo e os privilexios é tan férrea que penetraron e chegaron a vampirizar organizacións que parecen coller o camiño da claudicación ata a desfiguración definitiva. Acontece na Europa enteira. De non reaccionar, cando sexan completamente irrecoñecibles será tarde para recuperar a confianza da base social natural, e cando volvan a reclamala sen rémoras ou circunloquios puidera dotarse de ferramentas alternativas.

Vendo a unidade de mensaxe da Banca, a CEOE, a cúpula do PP e sectores da esquerda política e mediatica acomodaticia (polémicos editoriais cebrianistas en 18 de Xullo inclusive) e, unha vez soterrado o vaudeville zapaterista, xa só resta esperar a que agromen e incorporemos por asentimento o mantra que todo resolverá: “gobierno de concentración nacional”, “pacto entre los dos grandes partidos que ponga fin a la fiesta autonómica”, “sentido común”, “coraje”, “duros sacrificios”, “empleados públicos vagos”, “copago sanitario”, “educación ineficiente”...e o que lle boten.

XORNAL

No hay comentarios: