jueves, 3 de febrero de 2011

Wikirrevolucións?


É unha pregunta que fascina a moreas de pensadores do planeta dende que as redes sociais forman parte das nosas vidas, alá por 2008: son unha ferramenta con potencial para mudalo estado das cousas no mundo ou non? A resposta non é tan sinxela aínda que as mentes e o xeito no que abordamos “a realidade” xa cambiou. Para uns simplemente mudaron as canles de comunicación e, ao igual que a Revolución Francesa non foi a revolución da imprenta, as que hoxe se suceden e estánse xestando no mundo árabe (Tunisia, Exipto e expectativas de estenderse tal cal efecto dominó polo Magreb, Siria, Yemen, Xordania...) non son revolucións Twitter, Wikileaks ou Facebook strictu sensu. O importante é a revolución en sí mesma e as causas de sempre: o substrato de miseria, corrupción, despotismo e ausencia de dereitos e liberdades que subxace no seo dunha civilización enteira, cos seus matices particulares.

Para outros como Manuel Castells a estrutura social das revoltas, determinada por unha horizontalidade e desxerarquización distribuída e sen centro recorda a un sistema Wiki, e o compoñente tecnolóxico representa un desencadenante e potenciador ineludible sen obviar de ningunha maneira os outros aspectos sinalados. Coa mocidade urbana como vangarda e protagonista do pulo revolucionario. Descontento acumulado durante décadas. Feito que, por outra banda, é unha constante reproducida nos estalidos sociais en todo tempo e lugar. Concordo mais coa última visión, por ser omnicomprensiva, e prognostico que nos vindeiros anos crecerá o seu influxo noutras facetas da vida e das relacións sociais, para ben e para mal. Aparecerán aqueles que, dende o poder incorrectamente concibido, restrinxan (como aconteceu en China respecto da crise exipcia por medo ao contaxio ou como acontece en Cuba, ou noutros lugares) pero cada vez é mais difícil conter a marea de interrelacións por esta vía, aparecendo fórmulas alternativas para combater a censura.

Se ollamos atrás, deberiamos recuperar a campaña presidencial norteamericana como o fito histórico que abriu unha xeira dixital e 2.0 na maneira de entender a mobilización en chave política, texendo redes de solidariedade e facilitando a transmisión de información ou o lanzamento de mensaxes que trascendan e inflúan ao conxunto da opinión pública. Aquela campaña deu comezo á aceptación maioritaria de conceptos como ciberpolítica ou ciberactivismo, sendo certo que o uso de blogs era anterior. Das pantallas á rúa. Recordemos o caso das recentes revoltas na teocracia iraní e o determinantes que foron para retransmitir, en tempo real, a variedade de sucesos acaecidos en Teherán. Estamos pois ante a aparición dunha nova orde, pode que da cuarta onda democratizadora despois das producidas no sur de Europa (Portugal, España, Grecia), en latinoamérica e nas repúblicas ex-soviéticas, pero cos riscos propios das relacións co islamismo mais radical. Agora nace dos pobos dos países árabes (e ven da man dun maior acceso ás comunicacións), os exércitos semellan estar escoitando as reivindicacións, estando mais preto deles ca duns dirixentes ilexítimos. Uns fuxen, outros resístense poñendo en risco a estabilidade e a convivenza, e outros maniobran para evitar o que é inevitable.

E a situación xeopolítica é de gran interese pois cadra cunha crise económica global nun contexto de reordenación dos centros de poder e de auxe do fanatismo e a desigualdade, coincidindo tamén cunha nova forma de entender as relacións internacionais, alomenos no plano teórico, despois da escura e violenta era-Bush (de imposición esóxena da Democracia), e dende que Barack Obama pronunciara n´O Cairo (curiosamente) un discurso histórico para as relacións entre Occidente e o mundo musulmán.

1 comentario:

Anónimo dijo...

I seldom leave comments on blog, but I have been to this post which was recommended by my friend, lots of valuable details, thanks again.