jueves, 17 de febrero de 2011

Precampaña: Menudo bajón!



“Españoles y españolas, ciudadanos hartos del paro y de la crisis económica, de la crisis de valores y de la crisis social, de la crisis política y de la depresión institucional, ¿habéis visto Egipto? El pueblo, cuando quiere, puede, y el pueblo español quiere”. Este exabrupto, unha invitación implícita a subvertir a orde constitucional, non é unha sentenza de Gil Robles alá por 1936 nin tampouco unha arenga nostálxica do Blas Piñar de turno, non. Aínda que soe extravagante pronunciouna hai pouco un dirixente dun suposto partido de centro-dereita europeo chamado a ser alternativa no goberno, nun concorrido acto de precampaña electoral. Son verbas que flanquean a legalidade e ultrapasan os límites da decencia e a responsabilidade política. Pero saiamos da caverna, sacudamos as pantasmas en forma de camisas azuis desfilando vitoriosas, xugos e frechas, Azores (falo do iate e non das illas) e vaiamos a asuntos amables e de entretemento. Esteban González Pons aburre ás ovellas.

Xa que vivimos na era do hedonismo postmaterialista falemos de banalidades e non deixemos traballar á cabeza. Total, o pasado e o futuro non importan, non existen, e o presente está ben fodido. É moito máis rentable a amnesia tutelada e xeralizada. Para algúns é unha boa inversión agora que o tema das altas finanzas vai un chisco peor.

E digo eu: que pesados son os cataláns, non? Sempre coa teima de mostrar o seu feito diferencial, falarnos de “cousas serias” e esas parvadas. Das que non interesan a ninguén, vaia. Ata teñen unha puxante industria cinematográfica propia! Non lles chegaba con fachendar de Guardiola, pendurarse uns enriba doutros facendo castelos humanos ou comer caracois? Pois non, atrévense con todo. A onde quererán chegar?

Resulta que acendo o bendito televisor e vexo como un filme sobre a Guerra Civil en Catalunya, e feito por enteiro na súa lingua (¿ou será un acento?) triunfa na gala dos premios Goya do cine. O que me faltaba! Nese preciso intre deume “un bajón” impresionante, de campeonato. Algo semellante ao que sinto cando vou camiñando pola rúa asubiando a última bulería de Bisbal e vexo pasar unha rapaza feitiña pero que, ao final, á moi pailaroca, dalle por falar galego. Bueno, eso se non é de Lugo, claro. Alí son tan brutiñas, as miñaxoias, que non hai quen as entenda. Ata din ghato en vez de gato (¿ou será pola costa?). É o mesmo, son todas iguais. Empecei a “dispersarme” tanto que notei como se me estivesen fervendo os miolos. Tiven que cambiar de canle inmediatemente. Menos mal que había algo para desconectar 24 horas seguidas: xente deitada no chan, sen apurarse. Estes son dos meus, pensei. A esas horas era o máis parecido aos documentais da dúas da sobremesa. Non se despiollan entre eles porque me teñen dito que lles dan diñeiro para o xabón, pero sentinme moi identificado. Son tan normais...

E alí estaba conversando animadamente unha rapaza desas que enfeitizan, desacomplexada, das normais (non unha extremista desas que andan por aí soltas), das que facía trampas na escola (tanto copiaba nos exames como trocaba os libros de texto en galego por outros que se entenderan mellor) e encima era galega coma min! Cantas verdades dixo en pouco tempo! Explicoulle perfectamente á compañeira a esquizofrénica realidade sociolingüística do país. Esa inxustiza permanente e estado de absoluta imposición e conculcación de dereitos dos castelanfalantes, que tan ben soubo denunciar Galicia Bilingüe. Aí dinme conta por fin que, aínda que Esteban González Pons é algo soso, ten mais razón ca un santo...

No hay comentarios: