viernes, 25 de febrero de 2011

Ética para Savater



A semana pasada indignáronme as disertacións sobre o idioma da moza que se encontra (voluntariamente, ollo!) privada de liberdade e interna no programa-lixo por antonomasia. Antoxábase insuperable a sensación de vergoña allea que un pode experimentar cando escoita a unha compatriota mofarse de si mesma e do significado da cultura de seu, aínda sendo libre para renegar dela. Pero trabuqueime. Nótase ben que nos atopamos mergullados nun estado de irracionalidade permanente que afecta a camadas amplas de poboación. Na vida social e pública actual acontecen feitos que sorprenderían mesmo aos que lles caeu en desgraza pasar o resto dos días nun centro psiquiátrico. Moitos, probablemente porque aplicaron de xeito innato mecanismos de autodefensa, ao achar que os verdadeiramente necesitados de axuda son parte substancial dos que están fóra.

Fernando Savater: filósofo, ensaista... Un cidadán que se lle supoñía clinicamente san aínda que sexa ben coñecida a súa excéntrica traxectoria. Alguén a quen se lle supón tamén sensibilidade, ademáis dunha capacidade notable de análise e de resposta por encima da media, fixo unhas declaracións en Telecinco (estará maldita ou é que o espírito de Berlusconi o anega todo?) que espantan logo de todo o acontecido. Reproduzo literalmente para quen tivo a fortuna de non escoitalo á maña en directo e confundilo cunha lagaña endemoñada: (sobre a historia recente da violencia en Euskadi) “No sólo no estoy enojado con todo esto, si no que lo agradezco. A mi me ha dado 15 o 20 años de juventud. Cuando terminó el franquismo probablemente me hubiera dedicado a mis libritos (...) bueno, gracias al terrorismo he podido mantenerme vivo, activo, metido en política, haciendo actividades de joven (...). Yo, personalmente, me he divertido mucho”.

O bo de Amador tivo que ficar abraiado con este “xesto pola paz” e maxistral lección de ética, e de estética, do seu pai. Unha aportación ao diálogo, ao entendemento e á non-violencia definitiva. De sete estalos. Unha mostra inmensa de compromiso e respecto polos milleiros de persoas que sufriron as consecuencias derivadas da anacrónica loita de ETA e do conflito.

Cando observo, coas limitacións e deformacións propias do material que recibimos, o que acontece en boa parte do mundo islámico, sen dúbida o momento mais epocal que se recorda (maior que os acontecementos do 11-S e o que veu despois) dende 1989, pregúntome que se fixo mal en España para que certa xente se encontre sumida neste estado de alarmante impostura. Un tira de hemeroteca ou de vellas gravacións e chega a sentir nostalxia por momentos non-vividos. Algo que incomoda especialmente, por antinatural. Será debido á romántica narración do pasado pero é doado intuír o inmediato post-franquismo como unha etapa de evidentes dificultades e, ao tempo, de ilusións, mobilizacións e compañeirismo. De posicións ideolóxicas extremadas e utópicas pero, á vez, mais tolerantes coa diversidade, coa pluralidade e co outro. Con confianza na construcción colectiva do futuro. Exactamente como o que sentirán agora millóns de almas empurrando ata o martirio por conquerir sociedades xustas, libres e participativas nunha especie de orxía cega, valente, arriscada. Como adolescente.

Aquela España proxectaba esa imaxe transgresora e de fame por descubrilo mundo e descubrirse a si mesma. Se nos paramos a escoitar hoxe a parte da súa suposta intelectualidade (coma Savater, Sanchez Dragó...) ou a outra xente idiotizada e alimentada por estes traidores do pensamento, semella unha vella cascarrabias que se estoxou a si mesma e pide a berros reinventarse cando, en realidade, soamente é un bebé democrático. Algo falla, pero descoñezo o que é. E ti?

1 comentario:

Nuno dijo...

Creo lembrar que un capítulo dese libro se titulaba "haz lo que quieras". Outra cousa non, pero coherente si que é, si.