Unha vez que o Tribunal Constitucional fixou plenamente legal a definición de Catalunya como nación facíase inevitable reabrir o debate aquí. O mais rechamante do actual escenario é que o substancial e relevante, dentro da reforma que debe permitir avanzar na mellora dos instrumentos xurídicos que acheguen maiores cotas de autogoberno (traducido en benestar si se xestiona intelixentemente) e mais capacidades para combater a crise dende aquí e para aquí xa está acordado ao 90% dende fai anos. O único punto “insalvable” que impide acadar un consenso político global, e unánime, é a definición desta terra, desta patria...parece de chiste, non si?
Estou convencido de que se alguén foráneo nos visita, aínda que descoñeza a historia de España e careza de argumentos xurídico-políticos ou sociolóxicos consistentes, e lle bota unha ollada aos xornais nestes días concluirá que a maioría dos representantes políticos dos galegos gostan de perdelo tempo en descifrar o sexo dos anxos. Ese viaxeiro que fai o Camiño e comproba que aquí nin se bailan sevillanas compulsivamente nin toureamos dende o berce e, aínda por riba, temos toponimia propia, unha cultura compartida plural e ben definida, un clima e paisaxe particular e, ademáis, falamos unha lingua distinta á que ven escoitando dende Roncesvalles faráse unha morea de preguntas para as que, de seguro, ten mais dunha sinxela resposta. Entre elas a constatación de que a terra que está pisando goza de tódolos elementos constitutivos requeridos para ser definida como unha nación, agás un: a vontade expresa e maioritaria de exercer o dereito á autodeterminación. Algo que non acontece en Catalunya onde, ademáis de amplas capas sociais, boa parte das elites económicas e políticas o manifestan sen ambaxes e, cada vez máis, suman vontades que inciden na vía do soberanismo ou da solución federal. É unha constante que dura séculos.
Aquí a situación é outra. Son demasiados, e pérdense na fondura do tempo, os acontecementos históricos que precipitan a explicación do noso pavor (xa atávico) a sacar a cabeza e querernos, recoñecernos e mostrarnos ao mundo tal cal somos. Aí radica parte esencial do problema: o medo como freo. En 1936, antes da sublevación fascista, participou en referendo o 76% da cidadanía galega e respaldou, moi maioritariamente, o seu primeiro Estatuto de Autonomía. En 1981, despois do paso criminal e triunfal de Atila e os 40 anos seguintes, participou un 28%. Ese, o vixente e acorde á Constitución de 1978, nunha cabriola semántica (mediante eufemismo) define como “nacionalidade histórica” á nación galega. O propio Gregorio Peces-Barba (poñente do Grupo Socialista e “pai” da CE1978) recoñeceu que “nacionalidade” fora un subterfuxio para evitar nomear ás cousas polo seu nome. Posiblemente porque nin os poderes fácticos o permitirían nin era o momento axeitado. Pero a día de hoxe, que é o que nos frea? Ou ese medo (aínda?) ou un Presidente da Xunta que di que a única, grande e libre nación que hai en España é España. Tan importante é Feijóo para facérnolo crer? Por qué seguir autoenganándonos? Por qué acudir á mitoloxía e á ficción literaria?
Breogán xamáis existiu, agás se falamos do clube de baloncesto de Lugo. En todo caso poidera ser a nación de Enrique Líster, de Castelao ou de Rosalía. Ou de Foucellas, Vilar Ponte ou Celso Emilio. Ou do mestre republicán Arximiro Rico. Ou de tantos e tantos heroes anónimos, mulleres e homes, que traballan arreo por dignificar a este pobo...
Coido que os cidadáns galegos fomos, somos e seremos de carne e oso, e temos dereito a que se recoñeza a nosa identidade colectiva ao nivel de vascos e cataláns. Cando se fala de que se perdeu o “espíritu da Transición” pode que haxa algo de certo: daquela as forzas progresistas tiñan claro que España tiña que ser recoñecida como un Estado plurinacional. Hoxe mudou esa visión e, tamén nisto, esas mesmas forzas renuncian aos seus principios. Para rebaixar a condición de nacionalidade histórica a nacionalidade mitolóxica, mellor ficar comos estamos. Para os xogos de palabras xa está a literatura, e non un texto xurídico, por pouca validez que teña no seu preámbulo. Pasemos a falar do importante, pois nación vai a seguir séndoo igualmente, por moito que se empeñen en negalo ou nos empeñemos en agochalo.
XORNAL:http://www.xornal.com/opinions/2010/07/07/Opinion/breogan-nacion-galega/2010070718200300615.html
E para acompañar:
Tracy Chapman/Talkin´bout a revolution http://www.youtube.com/watch?v=SKYWOwWAguk
D.X. Cabana-Suso Vaamonde/A.D.R Castelaohttp://www.youtube.com/watch?v=wc9irE4NXe8
2 comentarios:
Ya de invertir tiempo en reformar un Estatuto en plena crisis económica al menos que esté preñado de ideas útiles y no pueda ser objeto de desprestigio por parecer que están perdiendo el tiempo.
Con más de cuatro millones de parados se van a tener que esforzar el doble y pensarse doscientas veces cada propuesta que hagan.
Desgraciadamente la propuesta de "nazón de Breogan" parece que no va en esa línea, lo cual es preocupante.
Un saludo.
Eu non digo que non teñamos problemas maiores que o de dicir se somos nación ou non, pero eso non ten nada que ver con analizalo. Aplicando ese argumento tan simplistra non poderíamos discutir sobre o aborto a dependencia ou a igualdade mentras existan parados no país, ou xente sin vivenda.
Polo outro lado, a resposta dos socialistas á custión dame risa, entre ser unha nacionalidade histórica ou nazón de Breogán creo que me quedo co primeiro, máis que nada porque non coñezo nacionalidade sin nación e tampouco vin por ningún lado estatuto ou constitución que se defina nazón de Zeus, Tutankamón ou de Peter Pan.
Un día casi me afilio o malchamado Partido socialista... e menos mal porque día tras día cada vez danme máis risa.
Publicar un comentario