jueves, 15 de julio de 2010

Diálogo de sordos


O antollo da casualidade fixo que a primeira xornada do debate parlamentario máis mediático do ano en España, aquel onde se fai balance de todo o curso político, se celebrase un 14 de Xullo, exactamente 221 anos despois do asalto á fortaleza da Bastilla (símbolo do absolutismo monárquico e punto estratéxico dentro do plan represor de Luis XIV, onde os seus canóns apuntaban aos barrios obreiros). Naquel día aconteceu tamén que unha multitude exaltada e enfervorizada entrou no consistorio acusando de traición ao alcalde parisino Jacques de Flesselles. Foi decapitado e a súa cabeza exhibida nunha pica polas rúas, nacendo así o peculiar hábito de facelo durante todo o proceso revolucionario.

Dous séculos despois daquela data constátase que o absolutismo, aínda que nominalmente expirou, soubo adaptarse nas formas pero conserva a estrana virtude de apuntar e disparar contra os máis débiles do escalafón social. A fixación de sempre. Hoxe o poder omnímodo configúrase arredor da dexeneración dun sistema económico que pervirte o sistema político democrático ao punto de deixar sen efecto o que os representantes do pobo poidan acordar nun parlamento, ou forzalos noutra dirección.

Onte no Congreso dos Diputados produciuse o enésimo e frustrado intento de decapitar ao presidente Zapatero, co fin de podelo exhibir coma un trofeo. Sabe saír vivo das grandes ocasións aínda que, obxectivamente, o teña todo en contra. Seguramente grazas á baixa calidade do seu principal contrincante. No corpo a corpo con Rajoy é quen de mostrarse moito máis hábil e resolutivo porque este último non ofrece máis que unha ansia desmesurada por ocupar, ao prezo que sexa, o seu posto. Sabe que é a derradeira oportunidade. Pero o peor de todo é que é incapaz de presentar un plan alternativo consistente, que indique o rumbo no camiño da solución á gravidade da multitude de problemas que afectan a vida pública e que concite o apoio dunha maioría política e social. Quizáis sexa porque ou ben carece de proxecto ou non se atreve a definilo sen medo á repercusión nas favorables enquisas. Non conta con que quedan dous anos por diante.

O PP continúa baseando a estratexia de oposición na minusvalorización e caricaturización do inxenuo Bambi. E equivócase de cheo: atópase enrocado nunha oposición centrada no desgaste polo desgaste, nunca propositiva, proxectando unha imaxe de impaciencia e frustración debido (aínda) á traumática e indixesta primeira derrota electoral. A súa única proposta concreta é a petición dun adelanto electoral, algo que sería obxectivamente contraproducente e irresponsable nun momento así. O que viñera atoparíase cun escenario de incertidume e pérdida de tempo moito peor.

Novamente pónse de manifesto que os únicos que poden poñer contra as cordas ao presidente do goberno son o nacionalismo vasco e catalán. Especialmente este último. O comezo da primeira intervención de Durán i Lleida foi das mellores que se teñen escoitado no hemiciclo en moito tempo (posiblemente sexa, xunto con Ridao, Rubalcaba e Erkoreka, o mellor orador do Congreso). E as advertencias que lanzou, das que marcan un antes e un despois (a conta da sentenza sobor do Estatut): “CIU e o catalanismo están fartos de ser responsables ante tanta irresponsabilidade” ou “a sentenza finiquita o espíritu da Transición” dan boa mostra do pouso de intranquilidade, insatisfacción e incomprensión que deixou o Tribunal Constitucional coa súa decisión. O que terá consecuencias inevitables. Pode albiscarse o hastío no seo do nacionalismo catalán democrático e moderado e que, ata dagora, fora comprometido co proxecto de pacto e coexistencia consagrado na CE78. Veremos que acontece no futuro e cal é a vía que adopta o “problema español”, mal chamado “problema catalán”.

A de onte foi a escenificación dun diálogo de sordos no plano económico e político (nin solucións, nin alternativas), pero tamén dun desencontro crecente no tocante ao modelo territorial.


E PARA ACOMPAÑAR: Nina Simone-The times they are changing (B.Dylan):http://www.youtube.com/watch?v=Zk0VTl-cQTY

No hay comentarios: