sábado, 24 de julio de 2010

Minifundismo patriótico



Vaia por diante que o abuso do termo “patria” prodúceme urticaria, pois no nome delas téñense inflinxido as maiores atrocidades. Trato de empregalo do xeito máis aséptico posible.

Para ser unha nación e non tres, nin trescentas mil, no Día Nacional de Galicia debera procurarse unha celebración unitaria e considerar a data como algo máis importante do que os partidos políticos do país o farán desta volta, como nas anteriores. Ainda que todo ten explicación (non hai celebración institucional). Ninguén bota en falta algo semellante á Diada, onde os representantes do pobo catalán camiñan xuntos honrando a efeméride do 11 de Setembro e unha masa social considerable se bota á rúa sen distinción de ideoloxía? Aquí é outra historia.

Por unha banda atopamos ao gobernante PPdeG, que celebra o seu Día da Comunidade así: desinstaurada a tradición “fragasáurica”, consistente en mostrar músculo no Monte do Gozo, atopan un novo monte en Poio onde representar “a la gallega” as enchedolas peneuvistas das campas de Zoronda. Puro movemento social en auxe: empanada, viño, misa (que non falte) e queimada. Bandullos cheos e beizos morados para escoitar o mitin de sempre, pero algo máis cargado de bombo, por onde escapan chiscadelas nacionalistas “light” e “por lo bajini”. Que non resoe demáis en Madrid. Arrouto sectario vernizado de liberdade acompañado de ridículo negacionismo deconstructivista para logo redimilos pecados, e a mala conciencia, e facer un esconxuro colectivo que espante aos traizoados espíritos dos galeguistas históricos que dirán levar no corazón. De seguro que a máis dun arrecastado dirixente popular o persiguen nos sonos da noite logo de consumar a navallada lingüicida e afeccionarse ás trapalladas conceptuais infantiloides de xeito compulsivo, do tipo: “bilingüismo armónico” e “galeguismo global” (coma si a xenuina tradición galeguista non fose de inspiración universalista). O estrano é que non se axunten en Desván de los Monjes ou en La Bolla.

Pola banda da esquerda temos un escenario non menos pintoresco: a alma “piñeirista” do PSdeG soubo enraizar, alomenos aquí e para esta data, un certo respecto polos símbolos e valores galeguistas e os cadros dirixentes socialistas cumprir cunha sorte de incómodo trámite (sen mobilizar o máis mínimo ás bases nin escenificalo convencidamente) achegándose á vila mariñeira de Rianxo para facer unha ofrenda floral a Castelao, botar un par de fotografías e unha breve declaración na liña de reclamar maior autogoberno e respecto pola lingua. Sen complicacións, e sen demasiado compromiso.

Pero é o gran día do movemento nacionalista galego, e aquí hai variedade: dende os moi marxinais e violentos (sen ningunha incidencia real no seo do nacionalismo) que aproveitan a data para contaminalo e confundilo todo na procura dun minuto de gloria nas edicións dixitais dos xornais de tirada estatal daquela tarde (e regalando bazas aos inimigos da terra) ata a xa tradicional celebración do Día da Patria por parte da organización frentista do BNG. Polo medio un cento de grupúsculos que o celebran ao marxe por levar a contraria.

Manifestación e mitin central na Quintana, día lúdico, musicado e festivo repleto de arengas reivindicativas e de exaltación patriótica dirixida a uns “patriotas” que menguan en número a cada ano que pasa. Aquela patria imaxinaria que ten un maior número de cidadáns que se declaran nacionalistas fóra da fronte de liberación que dentro dela...Grave e manifesto distanzamento entre a cosmovisión e pureza ideolóxica duns cantos “coroneis” con respecto á maioría social. Seguen sen contemporizar. Puro despropósito, pero moi respectable (coma nos outros casos).

Aínda así creo que hai motivos suficientes para dignificar e celebrar a data: Galicia precisaría, máis que nunca, comunión entre a maioría dos seus cidadáns, as organizacións políticas e as institucións. Nun contexto coma o actual, onde nos arriscamos a perder, ou retrasar sine die, o status de nacionalidade á altura doutras do estado debería o día gozar dunha forza e relevancia maior, e repercutir, para demostrar que Galicia (coma Teruel) existe. Menos minifundismo e máis patria no día da Patria. Pero hai quen traballa tan só para a divina e única posible. E en Galicia, mal que nos pese, semella que continúan sendo maioría.

No hay comentarios: