sábado, 27 de marzo de 2010

Aprender de Francia



Teño que recoñecelo: sinto unha fonda admiración e respecto por Francia e a súa historia moderna sen necesidade de axeonllarme ante a presuntuosa grandeur. Esta fascinación débese á fecunda e incalculable achega no mundo das artes, as ciencias e as ideas dende os tempos da Ilustración e a Revolución. Dende aquela todo mudou; o home fíxose conscente do seu potencial transformador alén da man omnipotente de Deus. Por fin dono do seu destino e debedor da razón para erradicala ignorancia, a superstición e a tiranía na procura dunha sociedade mellor, mais xusta e avanzada.

Como outras potencias protagonizou abraiantes momentos de ignominia, froito das desviacións doutrinarias chauvinistas e colonialistas das que ainda padecemos perversos efectos dende África ata o Caribe, pero coido que pesa ben mais o positivo. Outra volta toca mirar cara alí, aínda que hai quen sosteña que non por considerar que a forma de combater os desmáns do capitalismo depredador e desbocado debe beber das recentes e creativas experiencias latinoamericanas (Ecuador, Venezuela, Bolivia), tan denostadas por mor da incomprensión eurocentrista e a conspiración neoliberal pero tamén ¿por que non dicilo?, dunha manifesta incompatibilidade cultural con respecto a nós. Son realidades non-comparables por motivos obvios.

As eleccións rexionais no país galo avanzan unha posibilidade suxerente: é perfectamente plausible poñerse dacordo e aglutinar, no marco dunha cultura política democrática e de coalición, ás diferentes sensibilidades do amplo abano dunha esquerda (fundamentalmente socialdemócrata e neocomunista) que incorpore no proxecto á ecoloxía política e saiba conectar, en maior ou menor grao, coa pluralidade de movementos sociais alterglobalización para así loitar contra os que provocaron a crise actual, e restituír certo equilibrio. Haberá que esperar e ver si os resultados son froito dunha coxuntura xeralizada, tendente a castigar aos gobernos que afrontan as envestidas do momento económico como poden, ou dan conta dun cambio real que aúpe ao poder a un novo Léon Blum.

As Frontes Populares naceron nun contexto determinado, como movementos antifascistas, inmediatamente despois da chegada a Europa da Gran Depresión e o conseguinte auxe da extrema dereita. Sen querer establecer parelelismos propios da política-ficción si poden extraerse leccións das que aprender e sobre as que reflexionar. A reedición matizada destes pactos, ben pilotados, aseguran o éxito electoral e obrigarían a que a dereita radicalizada (botada en mans da ditadura das corporacións e as leis do mercado libre) rectifique e desbote as aspiracións baseadas en desmantelar o Estado de Benestar, ou destape os ollos ante a situación do clima, as enerxías ou as crecentes e ameazantes desigualdades.

Tamén dende Galicia deberiamos replantexar que a única alternativa posible aos ataques á identidade colectiva, á protección do litoral ou ás políticas sociais pasa por unha colaboración estable e estratéxica das forzas progresistas, ambientalmente responsables e con conciencia de país. Dende o local ao nacional si é preciso. Resulta crucial para o futuro.

2 comentarios:

Tino dijo...

E ese partido y/ou ideoloxía no noso contexto chámase... e por muitas voltas que lle dou non vexo nada parecido. Mira se nos quedará!!

Millán Fernández dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.