domingo, 1 de noviembre de 2009

Resistencia feijooniana


Vai pouco máis dun semestre de lexislatura en Galicia e pode palparse un feble descontento entre espazos de cidadanía diversos no ideolóxico pois, ademais de promesas incumpridas e conselleiros xa amortizados, cada vez vese mellor como as eficaces insidias de última hora (cociñadas nos fogóns da maquinaria electoral do PPdeG coa colaboración ¿impagable? de medios de aquí e de Madrid) tiñan como único obxectivo desaloxar ó goberno de progreso para ofrecernos o nihilismo máis absorbente e literal: o poder polo poder, porque os de sempre cren que lles pertence, independentemente das eivas na acción do executivo bipartito.

Vendeuse a exigua vitoria como a restauración da maioría natural e a losqueada oportuna a un Zapatero exhausto naquel intre, só que propinada na faciana duns cidadáns galegos hoxe desconcertados coa ampla gama de decisións deslavazadas e descoordinadas, e sonadas rectificacións, mandatadas dende que o gabinete austero de Feijóo tomou as rendas do suposto desgoberno e comezou a materializar a súa particular cruzada: intentar desdebuxar sinais de identidade e especificidade propias á par que se recúa nas conquistas sociais e na necesaria profundización no Estado de Benestar, incorporando tamén vellos tics: abusos antidemocráticos por parte dunha RTVG obscenamente anticultural, sectaria e partidista. É tal a deriva, e a velocidade coa que se acometen graves medidas de contrarreforma e mediocridade, afectando a tantas materias, que colocan ós adversarios da oposición no perenne noqueamento provocando que proxecten certa imaxe de impaciencia.

O feito de que fose importante a relevancia acumulada no conxunto da política estatal fai do noso país o banco de probas no que se implementan políticas dunha futurible Moncloa popular que chegará tarde ou cedo, cando a revolución conservadora se consume grazas á degradación democrática, agudizada polo contexto de crise global e sistémica. Unha revolución sen ideais nin dogmas aparentes, que non contesta a modernidade, pretendidamente ecléctica e apolítica, incluso sensibilizada co asunto ambiental, pero que dirixe con precisión quirúrxica o retroceso en dereitos e o recorte de finanzamento público para educación, sanidade e outros piares a desmantelar nun estado, como é o español, en subdesenvolvemento social obxectivo se o comparamos coa media dos veciños da súa contorna. Unha revolución soterrada: facendo equilibrios para desleixar a rancia tradición no moral, pero botada en mans do paleoespañolismo máis folclórico e abafante e, por suposto, do mercado e as súas forzas.

Namentres o resto do planeta se pregunta como reinventarse, aquí o neoliberalismo resistirá ata a derrota final aínda que algún dos seus principais valedores, como Rodrigo Rato, entrase en crise de fe e poña en cuestión a súa vixencia para esta nova era.

No hay comentarios: