viernes, 20 de noviembre de 2009

Morreu Franco?


Algo non se fixo de todo ben nun país onde trinta e catro anos despois do calmo pasamento dun dos mais abxectos traidores e ditadores do século XX se celebra misa solemne para honrala súa memoria e a súa destructora obra, onde organizacións continuadoras da súa simboloxía e conglomerado de ideoloxías totalitarias son incuestionablemente legais e onde boa parte dos medios de comunicación prefiren, nin tan sequera, lembrar a data e a figura coa excusa de non remover demasiado vellas pantasmas. Existe aquí, ó meu parecer, unha profunda equivocación que ten moito que ver coa suplantación ideolóxica e a impostura histórica á que nos levaron décadas de esquecemento forzoso pois nun país sen consolidadas estructuras sociais que asumen, por acción ou omisión, tentacións involucionistas o 20-N debería ser día festivo. Aquel de 1975 precipitou o primeiro dos pasos no camiño da traballada recuperación da liberdade e dunha democracia non outorgada de xeito benefactor dende o interior do rexime, como algúns pseudohistoriadores de éxito en ventas e autoproclamados liberais sosteñen sin vergoña, senón pelexada e conquerida polo pobo.

Algo non se fixo de todo ben cando sentenzas xudiciais argumentan, a día de hoxe, que a lingua galega é inútil e, por mor delo, a custodia do fillo correspondelle ó pai que non quere velo escolarizado nun sistema bilingüe, ou cando determinada Igrexa obstínase en que os representantes de todos lexislen en base ós seus preceptos morais, ou cando rúas e prazas públicas levan nome de xerifaltes do franquismo, cando non do propio ditador. Imaxinan, nunha praza berlinesa, unha estatua de Hitler ou de Stalin?

En algo nos debemos trabucar cando se entrevista a un bo número de alumnos de secundaria e a maioría só sabe decir que: “Franco foi un home que gobernou España durante moitos anos, e a salvou dunha catástrofe”. Falla algo tamén cando na maioría destas aulas nas que se imparte Historia Contemporánea de España non se chega ó ano 1931. Nin se chega, nin se quere chegar. É tabú. Mellor non saber...ou xa o saberán despois pola súa conta! Non saben que a súa ambición e fanatismo, e o odio que se extendeu naqueles anos, propiciaron que este país se convertese nun enorme camposanto onde aínda fican soterradas preto de 150.000 persoas. Outras exiliadas. Outras esvaecidas nos campos de concentración... Pero o peor é que nin saben, nin lles deixan saber. Esto é o que alimenta ás pantasmas. Franco morreu, pero está morta a pantasma do franquismo?

2 comentarios:

Tacho3 dijo...

Home, o de "Franco ha muerto" si o saberá todo o mundo. Outra cousa é a influencia que tivo, ten e terá na sociedade e na política por anos.
Algún día a historia "cambiará".

Millán Fernández dijo...

si, morrer morreu....pero bueno, eu o que non sei é si cambiará como ti dis. Ou polo menos de que xeito cambiará....pode parecer que cada vez ten menos influencia e, certamente, a sua figura tena menos, por non dicir case nada...o problema está na ideoloxía que hai detrás, que rexurde, e non só en España.

Graciñas, Tacho.