
viernes, 31 de julio de 2009
ETA franquista

jueves, 23 de julio de 2009
Estatuto?

lunes, 20 de julio de 2009
Galicia de todos. Galicia para todos. (manifesto RG)

O galeguismo representa o compromiso co proxecto colectivo, de integración e solidariedade, de xustiza e fraternidade, que é unha Galicia de todos e para todos. Dende os seu primeiro camiñar, o deber democrático cunha Galicia cidadán, igual en dereitos e inalienable en liberdades, constituíu o cerne do seu discurso e acción cívicas. O cosmopolitismo e a universalidade son o principal produto do seu legado, da súa vontade inquebrantable por abrir as portas de Galicia ao mundo, manifestada na construción do ser a partir do estar, e do ter a partir do compartir.
Combater o intento de deturpar a mensaxe do galeguismo a través da apropiación ideolóxica e partidista dunha herdanza que é de todos e dunha condición que a toda a cidadanía de Galicia lle pertence, supón o meirande reto do ideario galeguista desde a súa construción primixenia no séc. XIX. As bandeiras ideolóxicas e os personalismos desmedidos que, en base a lexitimidades autoatribuídas, pretenden dar carpetazo á herdanza de compromiso con Galicia a través do diálogo e o consenso, precisan encontrar fronte a súa mesquindade o peso dos feitos e as verdades. Por enriba de discursos ocos e palabras baleiras, son a autoridade moral e a responsabilidade ética demostrada co feito e co vivido, os únicos que, nestes momentos de dificultade, poden poñer en valor a indiscutible vixencia e incalculable valor do patrimonio galeguista.
Os progresistas galegos somos parte inseparable dese ideario. Xaime Quintanilla, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro ou Carlos Casares, amais de tantas outras compañeiras e compañeiros, teñen defendido, cos brazos abertos e o corazón limpo, a necesidade dunha Galicia aberta a quen a queira vivir e compartir. Un País libre de freos insidiosos e barreiras infranqueables. A lección que a todos nos deron, e que aínda lembramos co honor e o respecto debido de quen nos consideramos fillos seus (de ideario e sentimento), debe seguir conservando a súa vitalidade. Non podemos permanecer impasibles ante os intentos de facer do galeguismo e da defensa de Galicia unha arma arreboladiza e unha etiqueta negativa que divida e confronte á sociedade. O galeguismo fixo bandeira da reconciliación e a concordia, e é agora o momento de recordar a lealdade democrática da súa contribución e o seu labor.
Este contexto de dificultade é o momento, ademais, de renovar os azos no impulso xeracional da mensaxe galeguista. Aqueles que, con valor e sacrificio, enarboraron esa mensaxe no difícil proceso autonómico e democrático, teñen nas súas mans o testemuño dun legado que as xeracións máis novas están preparadas para recoller e portar cara ao futuro. Un transvase xeracional que debe afrontarse, en coherencia coa lección aprendida, coa máxima humildade e espírito de colaboración, e coa consciencia de que aínda queda moito por aprender e moito por facer no obxectivo de dotarlle ao facho galeguista dun novo lustre nun novo tempo.
As bases de Galicia están precisadas dun importante e decidido anovamento, os tempos chegados así nolo esixen. O galeguismo non pode consentir nin ser relegado nin autolimitarse no cumprimento do seu deber: o de aportar ideas, iniciativas e propostas fundamentais para continuarmos a construír un país democrático, social e libre. A contribución do galeguismo progresista desenvolveu un papel fundamental na construción do actual marco institucional de convivencia, e así debe seguir sendo tanto actualmente como no futuro. A unión do galeguismo progresista é fundamental, unha vez máis, para o cumprimento dunha responsabilidade e un deber tan inminente como inaprazable.
A Rede de Galeguistas do PSdeG-PSOE constitúese hoxe, polo tanto, para render sentido tributo ao traballo desenvolvido, e para poñerse en pé fronte o actual proceso de intolerable desprezo e ruptura de facto co consenso social conseguido; que a maledicencia de bloques ideolóxicos e personalismos desmedidos buscan dinamitar a toda costa só en aras dun inadmisible beneficio político.
O galeguismo progresista asume o deber de rexeitar as etiquetas exclusivistas e o desleixo do patrimonio de todas e todos os galegos. Ademais, unímonos no cumprimento da leal responsabilidade que supón o construír e contribuír con novas ideas e propostas aos tempos de dificultade que Galicia afronta. Un País cun futuro mellor, de todos e para todos, sen límites nin exclusións. Estes son os nosos obxectivos, e á súa consecución nos entregamos.
Galicia somos todos e a todos nos pertence. O galeguismo progresista empeza hoxe a expandir esta mensaxe e a traballar porque endexamais deixe de ser unha realidade.
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2009.
viernes, 10 de julio de 2009
Nas catacumbas

Os cidadáns coñecen de primeira man que o nacionalismo político organizado galego atópase mergullado nun perigoso e pode que crucial proceso, aínda que a cotidianidade nos faga ver que as augas corren calmas neste mundo. Meses despois da experiencia no goberno entra, de cheo, en serio risco de auscultarse obsesivamente pero sobre todo, e canto antes, ten a necesidade de mirar de fronte, e sen prexuízos nin dogmas, aos galegos se non quere verse arrasado polo tsunami do permanente cambio social.
A imaxe que proxectou durante a fase que desembocou na elección dun renovado Consello Nacional e dun novo, transitorio e gris liderado non puido resultar máis infructuosa para os intereses do BNG e, independientemente do pobre resultado colleitado nas eleccións ao Parlamento Europeo son varias, e autorizadas, as voces internas que veñen reclamando un xiro revolucionario na fronte ou, do contrario, intúese unha progresiva perda de apoios, alertando, á vez, do definitivo que sería profundizar na autodestructiva espiral de división e enfrontamento, a cal o condenaría a unha sorte de catacumbas sociais e, e en franca decadencia parlamentaria.
Para ser crible e suxerente para espazos amplos, e posicionarse no mercado electoral con garantías de regresar ao poder e mudar a realidade debería resolver, canto antes, dous problemas: neste preciso instante está, de facto, partido en dúas metades e confrontando dúas formas opostas de entender o presente e o futuro da organización e, o que é máis grave: dous proxectos antagónicos de entender e promover un modelo de sociedade e dúas culturas políticas opostas. Son dúas cosmovisións, aínda que o efecto sedante dunha UPG fría e implacable o queira camuflar dunha abafante ofensiva españolista ou bipartidista incorrendo no non sempre, e en todo lugar, eficaz vitimismo. A sociedade galega non é xa a de 1969, nin a de 1975, nin a de 1982.
O outro gran problema é tamén de fondo calado: segundo unha das últimas enquisas do CIS un 23% das galegas e dos galegos defínese nacionalista e o BNG, nas eleccións do 1 de Marzo, conseguiu tan só convencer ó 16%. Nas europeas un 10%. A última cifra indica que existe máis nacionalismo alén da organización pretendidamente aglutinadora da realidade social e que só é capaz de fidelizar menos da metade cando a deriva vai na liña dun maior soberanismo e aillamento ideolóxico. Esto deberáse resolver dunha forma máis ou menos traumática nos videiros tempos, pero namentras non se aborde con amplitude de miras, e de maneira aberta, será moi complicado que se abra unha mínima posibilidade para construír unha alternativa ó Goberno de Núñez Feijóo. Ten que clarificarse. Coa ruptura da fronte e a aparición de varias opcións, se é preciso. Faríalle un mellor servizo ao nacionalismo, á esquerda e a Galiza.