
Remata a longa, desalentadora e sucia campaña e agora correspóndelle ós cidadáns, que son os soberanos, tomala decisión definitiva: o pobo galego vota. Xa non serven as opinións periodísticas dun ou doutro sesgo, nin as enquisas. Seguramente fose a de maior desgaste e máis baixo perfil político da historia democrática do país e todo porque, desta volta, foi o Partido Popular quen sacou o doberman a paseo e a súa estratexia electoral baseouse, fundamentalmente, en axitar e desacraditar de tódolos xeitos posibles ás forzas gubernamentais. Evidenciouse un alarmante e xeneralizado vacío de ideas novidosas, e unha falla de vontade unitaria e de consenso, traducida en monótona parálise e nun clima de desconcerto que podería potenciala temida abstención. Dende o 11-M a liña da dereita española foi destructiva, nunca constructiva.
O corpus do seu discurso sustentouse, maioritariamente, na calumnia e na permanente incidencia na obsesiva idea de enmarcalos adversarios dentro dos tópicos clásicos, ás veces asumidos polo propio electorado progresista, a saber: o despilfarro, a incapacidade para dirixila economía, o paro, o sentimento antiespañol, a inseguridade cidadá ligada á inmigración... Sempre coas armas da mentira e do simplismo. Esto é algo cíclico, coma as crises do capitalismo, e noutra ocasión avancei que resulta o caldo de cultivo idóneo para que emerxa silenciosamente unha revolución conservadora se non se fai fronte con sólidos argumentos. Ante a desesperación, a humana e defensiva actitude de atopar inimigos comúns é unha balsa á que aferrarse no océano da desconfianza que representa “a clase política” e da que, por suposto, non participan os políticos de dereitas.
Esta foi a tarefa dos estrategas de Feijoo, e tamén a trampa na que puideron caer os seus adversarios os que, aínda tendo dereito de réplica e de defensa, deberan abstraerse desas provocacións para remarcala incapacidade e carencia de proxecto do PP para Galicia. A súa proposta é o fraguismo sen Fraga. Remarcando as fortalezas propias póñense en evidencia as do contrario. O mellor que pode pasar o domingo é que os galegos acudan masivamente a votar, chova ou faga sol, para darlle un toque de atención ós partidos, para rebelarse contra da manipulación e para darlle un pulo modernizador a este país, o cal se terá que producir, sí ou sí, nos vindeiros catro anos.