
A risco de ser acusado inxustamente de antisemita, propoño que os medios de comunicación informen sen medo, e que o tratamento da traxedia palestina se faga de maneira obxectiva e contundente, para remover conciencias e presionar respecto do que está a acontecer en Terra Santa dende antes do comezo da enésima intervención terrorista do estado de Israel: un vello, lento pero seguro, e continuado exterminio. Cando se cerran estas liñas, a criminal operación “Plomo Endurecido” leva por diante máis de 360 vidas palestinas, e 1500 feridos. Do outro lado, finaron catro inocentes cidadáns. ¿Ónde está a proporcionalidade e onde se sustenta a equidistancia neste complexo e endiañado conflito?.
É certo que a responsabilidade última da ruptura da tregua negociada e mediada, á que chegaran, corresponde ó movemento islámico Hamás. Pero non é menos certo que esta facción gañou as últimas eleccións limpa e democráticamente en Gaza, e iso é o que desprezan Israel e os gobernos colaboracionistas occidentais, que empregan dúas varas de medila Democracia. Os dirixentes islamistas mostran cegueira política e exprimen en demasía o sangue do seu pobo, deixándolle en bandexa ós dirixentes hebreos seguir extenuándoos de tódalas maneiras posibles co pretexto da seguridade, e coa carta branca que a Historia e o Holocausto lles brinda. É vergoñenta tamén a actitude atrofiada e de parálise na UE. Especialmente a posición de Alemaña, que non se desembaraza do sentimento de culpabilidade do nazismo, e non condena a actitude desmesurada dun estado expansionista. A creación de dous estados convivindo en paz parece cada día máis utópica. Un estado palestino, agora mesmo, é inviable pola propia división interna e territorial, pola ocupación e porque, concretamente en Gaza, malviven millóns nun pequeño e mísero cárcere permanente, asasinados e afogados económica e humanitariamente. Un lugar semellante ó gueto de Varsovia.