viernes, 1 de abril de 2011

A longa loita dos pobos


Erguinme hegeliano. O bo do filósofo alemán decía que “a lectura dos xornais é a oración matinal do home moderno”. Daquela o lixo televisivo e a confusión da Internet non adormentaran as consciencias...

O argumento mais empregado polos que se opoñen desde a esquerda á intervención en Libia para atacar aos que non se opoñen radicalmente (tamén desde a esquerda) adoita ser simple: sodes vitimas da manipulación desinformativa. Coido que todo é mais complexo aínda que sexan denunciables os abusos da mediocracia maila plutocracia, como tamén calquera extralimitación no uso da forza e outras consecuencias impredecibles e indesexables que puideran producirse.
O que acontece é dunha magnitude maiúscula, alomenos tan relevante como a descomposición do imperio soviético. E dá lugar a paradoxos e contradiccións non menos significativas: pacifismo sempre e baixo tódalas circunstancias? apoio á autodeterminación dos pobos no abstracto ou tamén no concreto? Venda previa de armamento, control dos hidrocarburos, neocolonialismo... Ben é certo que, se ollamos atrás, deberiamos manter cautela á hora de emitir xuízos e posicionarse sen contravir valores e principios.

Cada país da rexión ten unhas características tribais, cultural-relixiosas e socioeconómicas específicas. Cada un deles xoga un papel no taboleiro xeoestratéxico e emerxen inconfesables intereses das potencias occidentais. Pero todos comparten causas explicativas do que a maioría dos analistas deron en chamar a Primavera Democrática das súas sociedades: o espertar como pobos aborrecidos do sometemento a reximes corruptos e autoritarios, nalgún caso vernizados dun cúmulo de ideoloxías con obxectivos mais ou menos bondadosos a primeira vista. As mais das veces coa complacencia cínica das “democracias occidentais” e do conxunto da “comunidade internacional”. Estes motivos recóllense sintetizados nun artigo de Ignacio Ramonet, titulado Cinco causas da insurrección árabe: a crise económica, a situación climática e as súas repercusións na suba dos precios alimentarios, a caída do turismo ou as imposicións do FMI configuran unha chea de circunstancias que, xunguidas a outras de índole histórica e política, fan destes territorios o caldo de cultivo dunha bomba social que estalou en poboacións eminentemente mozas, azoutadas polo desemprego e coa descorazonadora imposibilidade de fuxir a unha Europa que restrinxe o paso pero que soñan alcanzar a través das pantallas. Terra de oportunidades, pensan equivocadamente. A faísca que representou as revelacións de Wikileaks e o uso da tecnoloxía como difusor engrosaron as reivindicacións, e a resposta represora do inmobilismo antoxábase inevitable. Unha costante que se reproduce sen remisión e que continuará estendéndose noutros puntos.

Escribira tamén Hegel que “a Historia é o progreso da consciencia da liberdade” e eso é o que non aceptan algúns dos que non xustifican hoxe a Resolución das Nacións Unidas a respecto da guerra civil libia, sen aportar solucións e comparándoa falazmente con Iraq. Cando se retrasaba a decisión de intervir reclamábanse actuacións. Agora, con amplo consenso, certa contención e respectando a legalidade internacional maniféstanse as maléficas e avariciosas fauces do imperialismo. Antes os rebeldes eran a metade do pobo, agora representan unha Al-Qaeda na que nunca acreditaron. O mundo árabe (e non só) está en convulsión e mudando vertixinosamente, e unha non-intervención, en lugar de dar esperanza aos demais pobos, daríalla ás tiranías nunha loita que se prevé longa e difícil. Non esquezamos que son reivindicacións lexítimas en prol das liberdades, os dereitos humanos, a participación política e a xustiza para as maiorías sociais.


Para acompañar: U2-Sunday Blooday Sunday

No hay comentarios: