viernes, 22 de abril de 2011

Durmir na democracia

Cúmprense dous anos da chegada ás cadeiras do “sultanato”, agora “austero”, de Feijóo009. Fica na beira como se produciu porque, dende o punto de vista estritamente formal, foi incuestionablemente democrático. Campaña negativa e sucia, pero eficaz.

Son fondas e prolixas as análises sobre este bienio negro, e aproveito para recomendar un dossier recollido no último número da revista Tempos Novos, onde sinaturas relevantes como as de Antón Baamonde, Filipe Díez ou Manuel M. Barreiro, entre outras, fan unha radiografía do que deparou o regreso á Xunta dun PPdeG que transita entre o peor do fraguismo e o mais perigoso da nova dereita emerxente na procura do seu momento para ancorar. A que confunde os medios cos fins e o partido coa administración. O balance, pois, non pode resultar mais negativo, lamentablemente. Son tan graves as medidas de contrarreforma e a involución que sería tedioso e semellaría hiperbólico nomealas todas, pero o nivel de destrucción do camiño proposto polo morno cambio representado na lexislatura do goberno da esquerda galega non atopa parangón. Institucións como o Consello da Cultura, o Consello Consultivo, a RAG e mesmo o TSXG téñenlle dado as costas e rexeitado as irresponsables decisións e indecisións, aínda que o goberno dispón de recursos suficientes para deslexitimalas e identificalas con intereses partidistas mediante o regreso a unha liña discursiva antipluralista e maniquea. O mais enigmático e destacable é a ausencia de políticas, plans con contido real e actuacións encamiñadas á resolución e prevención dos problemas en distintos campos. Deixación de funcións.

Esta nova dereita descastada e chabacana, que mesmo perde habitualmente as formas, fixo unha mistura explosiva entre unha sorte de libertarismo á americana mailas patoloxías tradicionais do rancio conservadurismo español. Conta coa inestimable colaboración dunha maioria social confusa, cansa e que introduce no saco tódalas opcións (posiblemente polos erros, incoherencias e traizóns a sí mesmas).

Debería graffitearse en cada rúa das vilas e cidades a coñecida máxima: “Quen dorme en democracia érguese en ditadura”, por aquelo de telo presente. Senón que pregunten en Italia. Chegou o momento. Agora é cando. E Galicia é onde experimentan co modelo chamado a estenderse no resto do estado. Concibido dende os centros de poder mais afastados do común dos mortais: recentralización política debuxada, retroceso en conquistas de dereitos e maior acumulación financieira e capitalista son as intencións inmediatas dunha corrente que gaña adeptos, convertida nun run-run transversal desafiante. A síntese non pode ser mais perigosa para dependentes, estudantes, investigadores, desempregados, emprendedores, enfermos, mariñeiros, etc... por non falar do abandono en Medio Ambiente, Industria, infraestruturas... e por non lembrar os ataques continuados e o desprezo gratuito á identidade colectiva dende o insultante cosmopailanismo que caracteriza á maioría dos membros do goberno galego, ben extraídos de clases medias que renegan de sí mesmos ou ben das faccións mais ortodoxas, elitistas, castelanistas e clericais da dereita nostálxica.

Na rúa houbo tamén certa contestación pero as formacións opositoras non son quen de aglutinar o descontento por mor da súa mellorable situación interna. Feijóo dotouse dunha aura de bo xestor debido ao abuso da propaganda, ao control descarado da RTVG e ao uso da publicidade institucional para mercar noticias favorables nos xornais afíns que, por certo, son maioría aplastante. En dous anos practicouse unha política de terra queimada, desapareceu Galiza da axenda da reformulación do Estado Autonómico ao adiar a reforma do Estatuto e o goberno parapetouse no vitimismo mais infantil, mesmo negando competencias e capacidade en materia de emprego, onde recurtou 64 millóns de euros para políticas activas e empeorando rapidamente os diferenciais respecto do conxunto estatal. Sabe que, canto peor, mellor. Alomenos no curto prazo e namentres non esperten os entretidos.

Xornal

MundoGaliza


No hay comentarios: