martes, 29 de junio de 2010

Politización do deporte

(Artigo publicado en Xornal tomando como referencia outro xa publicado neste blog fai mais dun ano sobre a temática, pero adaptándoo, con novos datos, etc...)

Trátase dunha mistura clásica e dun fenómeno complexo, habendo boa e inxente literatura (recuperen a Montalbán ou Eric Dunning), pero resulta sempre recorrente nas tertulias de café e de taberna. Evidencia un acusado rasgo de personalidade ibérica pero transcende o espazo peninsular, acontecendo no globo enteiro. Algúns medios de difusión alimentan a polémica de xeito hipócrita, entrando á xugular e a mans cheas. Coma en case toda actividade humana de proxección social xurde unha intencionalidade perversa, que non ilexítima, e que se correlaciona directamente co número de ceros na conta bancaria das empresas interesadas aínda que non responde a esto exclusivamente, senón que ten que ver tamén coa simboloxía, os sentimentos ou o aproveitamento das emocións.

Sempre me chamou a atención o imponderable raseiro co que analizan esta dualidade segundo de onde proveñan as opinións, e a carencia absoluta de criterio, obxectividade e fidelidade memorística. As mais das veces atribúese interese politizador só a uns cando, en realidade, o fixeron, fan e farán todos porque, en esencia, o deporte foi sempre instrumentalizado polo poder. Cando menos sempre se viu tentado de facelo. Como dí Bernard Crick: "Non todo é política pero todo é politizable". Ata algo tan inocente en apariencia e tan saudable coma o deporte, e de que maneira! De seguro que polas posibilidades que permite...

Facer un rigoroso percorrido histórico sobre a conexión non viría a conto. Habería que remontarse ás orixes do evento político-deportivo por excelencia e á súa máxima expresión (mais que nunca no século XX); o Olimpismo: a manipulación goebbeliana, os boicots da Guerra Fría, as reivindicacións pro-dereitos civís de afroamericanos, a sanguinaria irrupción do extremismo palestino en Münich, os Xogos do Pekín e a repercusión nas relacións internacionais, o desexo gallardoniano de patrimonializar a paternidade duns Xogos madrileños, sobre o que edificar unha alternativa no post-zapaterismo. Ata Mandela no seu día!

¿Qué decir do fútbol? O feito social total. O deporte político por autonomasia. Gran negocio no que conflúen temas contemporáneos de debate: pertenza e identidade, exaltación patriótica fronte á pretensión de universalidade, condición e estratificación social, mística relixiosa....Reglas simples, combinación de talentos individuais con esforzo colectivo: alegoría da condición humana. Placebo das non-guerras do mañá.

Os petrodólares de Abramovich ou do Zenit da Gazprom de Putin, o franquismo e o Real Madrid, o salto a escea en 1981 de Terra Lliure no Camp Nou, o inferno abertzale do Sadar, Lezama e o que significa, Jesús Gil, Marbella y tal y tal, as medias brancas de Arkonada na selección, o Borbón entregando as Copas do Rei ou a de Naranjito, Aznar recalificando e Florentino fichando...a lista é infinita. O caso é que este deporte, pero tamén outros, resulta moi seductor para a codicia, o lavado de cerebro e a procura da cohesión ou do enfrontamento, a conveniencia. Tamén serve para acubillar frustracións. O verdadeiro opio do pobo. Daí o exitazo.

Ano 1936: asasina Franco ao President do Barcelona. Ano 1980: Martin Zabaleta coloca a ikurriña no cumio do Everest xa que a “rojigualda”, que despois pasea Raúl por Europa facendo verónicas na celebración dos títulos, non lle representa. Ano 2010: un político mexicano solicita que o seleccionador nacional explique os cambios do último partido no parlamento. Sarkozy chama a Thierry Henry ao Elíseo para que dé conta do imperdoable fracaso no Mundial. Tanto uns coma outros fan, sobre todo neste esquema e sistema, negocio. Pero tamén xogan coas mentes. E asentimos. A min tamén me fascina.

A aturdida e maleable masa (todos nós) é un branco fácil: identificación, comigo ou contra míña. Só tes que premer no botón e abonar per view, reunirte coas amizades e pedir Amstel ou Heineken. Temos 11 na Quiniela! Mercarei a revolucionaria Adidas ou a super-capitalista Nike? Tanto falamos da recesión ou do traballo coma do penalty do domingo. Somos branco e fácil porque trátannos ao xeito borreguil cando os representantes se expresan en termos futbolísticos (se Aristóteles erguese a cabeza!). Como si xa non souberamos discernir e estiveramos condenados a ser meros espectadores do circo: que si estamos na Champions League da economía, que si Anxo Quintana era dianteiro centro, que si o PP debe gobernar no concello porque é o máis votado (a goles, o problema é que nas eleccións cóntanse votos e o sistema permite facer pactos), que si Revilla (o das antxoas e o taxi) é fanático do Racing de Santander, que si Berlusconi, non contento con selo presidente do goberno da República de Italia, xornais e cadeas de televisión, o é tamén do AC Milan.Totum revolutum. Rajoy practica o ciclismo, só le o Marca, é do Madrid, socio do Pontevedra, simpatiza co Depor pero gústalle o Celta..., pero sobre todo é de “la Roja” e di que si non gaña o Mundial non será por culpa de Sara Carbonero. Estou dacordo con el. Fidel bateaba en chándal e Bush recollía co guante. Ao final os chinos lograron máis medallas, e vaia ceremonia! Ao Fürher saíralle mal a xogada. Tódalas medallas as gañaran os negros! A ceremonia e os desfiles tamén foran impresionantes!

Que non te pillen en fora de xogo, nin uns nin os outros, e menos coa que está caendo!


E para acompañar: Neil Young-Rockin´In the free world http://www.youtube.com/watch?v=PdiCJUysIT0

No hay comentarios: